Hacktahon For Refugees

Publicado por Mancomún
Xoves, 9 de Febreiro de 2017

A fin de semana do 4 de Marzo, na sede do Impact Hub Vigo terá lugar a segunda edición do Hacktahon For Refugees. Esta iniciativa quere repetir o éxito acadado pola cita orixinal do xuño do pasado ano celebrada no coworking Sende de Lobeira (Ourense).

Esta nova edición do Hacktahon for Refugees vén da man da asociación Agile Galicia que manteñen a colaboración co Impact Hub-María Regueira e Sende-Edo Sadikovic, que foron os impulsores da primeira edición do hackathon.

A idea do Hacktahon For Refugees é a de focalizar os esforzos para que os distintos participantes acaden o modo de achegar ideas que dean resposta ás necesidades dos refuxiados e das organizacións que os axudan. Polo tanto, trátase de construír un ambiente de debate e intercambio de ideas no que permitan desenvolver solucións prácticas a problemas reais.

 

A fin de coñecer máis de preto esta iniciativa, contactamos con David Vílchez, de Agile Galicia, e un dos organizadores do evento, quen nos confirma que neste momento, o certame xa ten 30 inscritos e espérase acadar a cifra de 50 desenvolvedores para levar a bo porto 8 proxectos. A inscrición á Hackathon for refugees está aberta a través de Ticketea e pretende congregar a programadores informáticos, activistas, xornalistas, creativos, avogados, estudantes, voluntarios e profesionais de ONG no desenvolvemento de solucións a favor dos refuxiados.

Os resultado dos traballos destas xornadas de colaboración serán publicados baixo licenzas abertas coa idea de darlle continuidade aos proxectos polos mesmos que o promoveron así como calquera outra persoa que queira axudar aos mesmos a posteriori.

En palabras de David Vílchez, o evento ten unha compoñente Software Libre no modo que “todo o que se desenvolva entorno do mesmo hackathon será publicado nun repositorio público baixo licenzas abertas”. Para isto, contan co asesoramento dende GPUL en temas de enfoques e temas de usos de licenzas.

A listaxe de ideas para desenvolver nesta edición pódese ver no Github de HackTheCamp. Coma exemplo, os proxectos nos que traballaron na primeira edición estaban Game for Change (chat para refuxiados con voluntarios, establecendo vencellos a través de xogos colaborativos), GPS Barcos (un sistema de xeolocalización baseado en dispositivos móbiles para monitorizar o seguimento de barcos) e Apoyo a Red Alert (un protocolo de coordinación de voluntarios).

A organización deste evento é totalmente de xeito voluntaria e altruísta, polo que están abertos á colaboración económica ou en especie de empresas, a fin de poder cubrir os custes de aloxamento e comida dos participantes durante os dous días do evento. Así mesmo de acadar mais doazóns que gastos, estas destinaríanse a proxectos en marcha de ONG’s que están axudando a persoas refuxiadas.

Tedes toda a información acerca do evento na súa páxina web oficial.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia