Google España recibe ao responsable da campaña Android en galego

Publicado por Mancomún
Xoves, 21 de Novembro de 2013

Iago Varela, responsable da campaña para levar a nosa lingua a todo o ecosistema Android (smartphones, tablets, …) informa que foi recibido onte na sede de Google España onde lle confirmaron o compromiso de Google co idioma galego nos novos servizos, e que o equipo de Android xa recibiu unha solicitude interna para incorporar a nosa lingua nas próximas versións. Desafortunadamente, non puideron precisar cando teremos resposta a esta demanda.

Imaxe da campaña Android en galego

Iago Varela expúxolles a Google España os datos máis destacados que avalan esta campaña. Somos unha comunidade lingüística de máis de 3 millóns de persoas, existe unha forte implicación do noso pobo coa implantación da nosa lingua nas novas tecnoloxías como se pode comprobar coas numerosas traducións de software que mantén o proxecto Trasno, co éxito das campañas para tradución de twitter ou facebook, ou co dominio g.gal.

Dende Google informaron que existe un compromiso de adopción do galego nos seus servizos, incluído Android, aínda que non puideron precisar data. Explicaron que o galego atópase entre os 60 idiomas prioritarios para Google, aos que prestan especial atención e que están incluídos na axenda de tradución dos lanzamentos de novos servizos, así por exemplo dispoñemos de Drive ou Google + en galego. No entanto, para servizos máis antigos o proceso é máis lento como ocorre con Gmail ou Android.

Dende Google España informan que xa remitiron unha solicitude interna ao equipo de Android para que se introduza o galego en próximas versións do sistema operativo.

Campaña popular Android en galego

Hai mes e medio, lanzouse a campaña “Android en galego” de recollida de sinaturas en Change.org para pedir que Google inclúa o Galego como opción de idioma na versión base de Android. Esta campaña está a ser amplamente apoiada por toda a sociedade galega, tanto por particulares como polo sector empresarial.

Esta forte demanda popular semella estar a dar os seus froitos dentro de Google, quen xa no mes de abril recibira unha solicitude da Xunta de Galicia para a tradución de Android ao galego na que lles ofrecía a colaboración dos seus servizos lingüísticos, manifestándolles o interese da sociedade galega por empregar a nosa lingua nos distintos servizos de Google, e concretamente no sistema operativo Android.

Actualmente, só uns poucos fabricantes, algúns deles grazas a convenios de colaboración asinados coa Xunta de Galicia para a introdución do galego nos seus dispositivos, realizan unha tradución parcial dos menús de Android incluída nas adaptacións que o fabricante fai do sistema operativo base para os seus trebellos. Mais para que todos os trebellos con Android teñan a opción de empregarse en galego completamente, e que as aplicacións para Android poidan funcionar na nosa lingua é imprescindible a implicación de Google para que traduza a base de Android.

Segundo recollen os responsables desta campaña, estas mensaxes permiten ser optimistas, pero cómpre non acomodarse e seguir a traballar arreo na busca de apoios para ampliarmos esta iniciativa popular para acadar que as boas palabras se convertan en feitos e poidamos desfrutar canto antes de Android en galego.

Así animamos a todos os que non o teñan feito, a asinar a petición, que será enviada en xaneiro ás oficinas centrais de Google como complemento á solicitude interna enviada desde Google España.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia