Celebración do 1º Hackatón GPUL IoT

Publicado por Mancomún
Mércores, 6 de Abril de 2016

Logo de GPUL labsComo xa anunciamos no seu día, GPUL vai celebrar o seu primeiro hackatón dentro do marco das actividades do seu programa GPUL Labs.

Este hackatón celebrase este sábado 9 de abril en Coruña, nas oficinas da empresa Igalia, que é patrocinador de ouro desta iniciativa dos GPUL labs.

Segundo anunciaban onte no seu facebook, xa están cubertas todas as prazas para participar no hackaton, boa proba do interese que está a espertar esta inciativa promovida por GPUL entre a comunidade de desenvolvedores galega.

Este primeiro hackatón dos GPUL Labs centrarase no Internet Of the Things (IoT) e aproveitará a formación xa impartida nas actividades celebradas dende febreiro nos GPUL Labs das que xa vos falamos con anterioridade. Así, os participantes no evento, terán a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos previamente en tecnoloxías coma Python, Git e GitHub, programación para Raspberry, Pi, metodoloxías áxiles coma Scrum, Django Framework, APIs REST ou ReactJS.

Segundo o anuncio dos mesmos organizadores do evento, o "propósito da celebración deste evento é reunir á comunidade de desenvolvedores preocupados polo Software e o Hardware libre para impulsar proxectos colaborativos."

O evento terá unha duración aproximada de doce horas no que os participantes estarán convidados ao almorzo e o xantar grazas ao patrocinio da empresa Librebit. Dentro das propias actividades do evento teranse tamén charlas para aprender a programar sensores para Raspberry Pi e fomentarase a transferencia de coñecementos en técnicas de e estratexias de impulso e dinamización de proxectos tecnolóxicos.

Hackatón

O término hackatón xurdiu na década dos noventa en comunidade hacker para facer referencia aos encontros de programadores nos que, durante xornadas intensivas que mesmo podían prolongarse en días ou mesmo semanas, grupos de programadores únense có obxectivo de facer desenvolvementos colectivos de software ou mesmo hardware. Este tipo de xornadas son aproveitadas polos programadores para adquirir coñecementos en outras facetas técnicas que non adoitan a explorar na súa actividade profesional máis cotiá. Este tipo de reunións teñen tamén un marcado carácter Open Source e, como norma, os resultados do esforzo realizado durante os encontros son liberados como código libre para o seu aproveitamento pola comunidade.  

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia