Apache OpenOffice 4.0 e Libreoffice 4.1 dispoñibles xa en galego

Publicado por Mancomún
Venres, 26 de Xullo de 2013
  • O 23 de xullo a Fundación Apache anunciou a publicación da nova versión da suite ofimática Apache OpenOffice 4.0
  • Dous días despois a Fundación Documento anuncia a nova versión Libreoffice 4.1 como un fito da interoperabilidade
  • Loito na comunidade galega de tradución de ambas suite ofimáticas, pertencente ao Proxecto Trasno, polo fatídico accidente ferroviario acaecido en Santiago de Compostela na véspera do Día da Patria Galega.

Homenaxe da comunidade de tradución ao galego das suites ofimaticas libres ás vítimas do accidente ferroviarioA comunidade de tradución ao galego das suites ofimáticas libres, pertencente ao Proxecto Trasno, faise eco estes días das novas versións de Apache OpenOffice e Libreoffice. A fatal coincidencia destas novas co fatídico accidente ferroviario acaecido en Santiago de Compostela na véspera do Día da Patria Galega, fai que esta comunidade non poida deixar de amosar a súa dor e consternación cunha humilde homenaxe en sinal de solidariedade coas vítimas e familiares do accidente, homenaxe á que nos unimos dende aquí.

 

Apache OpenOffice 4.0 dispoñible 100% en galego

O pasado 23 de Xullo, a Apache Software Foundation anunciou a publicación da nova versión da suite ofimática Apache OpenOffice 4.0 que vén cunha nova e máis moderna interface de usuario, con melloras na interoperabilidade con Microsoft Office, maior compatibilidade gráfica e moitas outras melloras que se poden ler con detalle nas notas da nova versión, dispoñibles tamén en galego.

Libreoffice 4.1 un fito da interoperabilidade

O día 25 de xullo a Document Foundation anuncia LibreOffice 4.1, non só a mellor senón tamén a máis interoperable suite ofimática de todos os tempos. LibreOffice 4.1 realiza un largo número de melloras na área da compatibilidade dos documentos, o que incrementa as oportunidades de compartir coñecemento cos usuarios de software privativo mentres se mantén o deseño orixinal e os seus contidos.

Novidades de OpenOffice 4.0

Apache OpenOffice 4.0A Apache Software Foundation (ASF) xunto con todos os desenvolvedores voluntarios, administradores e incubadores de case 150 proxectos e iniciativas de código aberto, anuncian a dispoñibilidade inmediata de Apache 4.0 OpenOffice.

Esta suite conta coa súa interface de usuario 100% na nosa lingua, sobre a que se mantén unha compatibilidade de estilo e terminoloxía coa súa irmá LibreOffice en beneficio dos usuarios.

Entre as múltiples novidades nesta suite, destaca a incorporación da Barra lateral, en palabras de Andrea Pescetti, vicepresidente de Apache OpenOffice, “a primeira mellora radical na interface de usuario de OpenOffice en anos”. A nova Barra lateral fai mellor uso das pantallas amplas de hoxe. Os usuarios poden facilmente editar as propiedades do seu documento en contexto, cos controis máis frecuentemente necesarios dispoñíbeis en paneis na barra lateral. Os paneis poden estar despregados ou pregados, segundo conveña. Facilítanse vintedous paneis, ofrecéndolles aos usuarios unha grande mellora en produtividade.

Ademais, Apache OpenOffice trae tamén unha mellor compatibilidade co estándar Office Open XML (OOXML) empregado nos documentos de Microsoft Office. Inclúese compatibilidade con niveis de esquema de docx, dispoñibilidade de cor de fondo desde o estilo de táboa en ficheiros DOCX, máis viñetas de numeración en docx e capacidade para a cor do tipo de letra en PPTX. En palabras de Juergen Schmidt, xestor de edición de Apache OpenOffice, “Estamos a traballar duro para garantir que os nosos usuarios pode intercambiar correctamente documentos e contido dos documentos cos compañeiros que seguen a utilizar Microsoft Office. De aquí para adiante pretendemos seguir mantendo o noso foco na interoperabilidade con documentos OOXML.”

Aqueles que queiran coñecer con detalle as novas funcionalidades recomendámoslles ler as notas da nova versión dispoñibles tamén en galego.

Para obter OpenOffice en galego abonda con ir á páxina de descargas do proxecto, onde podemos obter tanto o paquete completo para unha instalación en Windows, Linux ou Mac como os paquetes de idioma por se xa temos instalada a versión 4.0 pero non contamos coa interface e os recursos lingüísticos no noso idioma. Ademais é posible descargar extensións para esta suite dende a nova páxina de extensións de OpenOffice.

Novidades de Libreoffice 4.1

LibreOffice 4.1A interoperabilidade é tamén un asunto clave para LibreOffice. Así vense traballando dende a última versión en numerosas melloras nos filtros de importación e exportación de ficheiros de Microsoft OOXML, así como para os filtros de formatos antigos de Microsoft Office e RTF.

A maioría destas melloras derivan fundamentalmente da actividade de desenvolvedores certificados que se ocupan de procesos de migración a través de contratos de asistencia técnica profesional.

Hai outras novas funcionalidades que tamén son instrumentais para a interoperabilidade, como a incorporación de tipos de letra en Writer, Calc, Impress e Draw - o que axuda a reter o aspecto visual cando as tipografías utilizadas para producir o documento non están instaladas no PC de destino- e importación e exportación das novas funcións de Excel 2013 para a súa compatibilidade co OpenFormula de ODF.

LibreOffice 4.1 incorpora tamén funcionalidades provenientes de Apache OpenOffice, como a barra lateral de Symphony (versión de OpenOffice de IBM), que se considera aínda experimental. Os desenvolvedores están traballando na integración no deseño de ventás de LibreOffice, de forma que poida ser redimensionada dinamicamente.

Ademais da interoperabilidade, LibreOffice ofrece un gran número de novas funcionalidades e melloras tamén noutras áreas da suite, para o que recomendamos ler a páxina de funcionalidades da versión, dispoñible tamén en galego.

Pode obter LibreOffice 4.1 en galego dende a páxina do proxecto. As extensións para esta suite están dispoñibles na páxina de extensións de Libreoffice.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia