O software libre nas empresas TIC galegas, ano 2019

Continua o crecemento do uso de Software Libre nas TIC galegas, chegando ao 90,9% (1,2 puntos máis que no ano anterior). Destaca a presenza de solucións libres nas empresas de 3 a 9 empregados / as, cun 95,7%.

Dentro das empresas que ofertan produtos de software, crece a porcentaxe das TIC que son provedoras de Software libre, do 50,8 % aumenta ao 56,4%.

En opinión das empresas tecnolóxicas, os aspectos que máis valoran os clientes respecto ao Software Libre son o custo (79,7%), independencia do provedor (46,4%) e a persoalización (43,4%).

Son datos recollidos no estudo sobre o uso de software libre nas empresas de Galicia no ano 2019, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este estudo responde tamén aos compromisos asumidos no marco das actuacións de impulso do software libre que se establecen no Plan de Acción Software Libre 2019.

Desde o ano 2010 a Xunta, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do sector un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e na cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as que se desenvolven desde o Centro Demostrador TIC, o CNTG e a Oficina de Software Libre. A información sobre as necesidades do sector empresarial servirá para incidir nestas liñas nas actuacións a desenvolver durante o ano 2020.

Pin It on Pinterest

Share This