O software libre nas empresas informáticas galegas, ano 2017

Un 52,7% das empresas informáticas galegas que se dedican á venda de produtos de software, ofrecen solucións de software libre aos seus clientes. As solucións nas que o software libre ten maior penetración son os sistemas de e-learning, servidores web, sistemas de xestión de contidos de portais e páxinas web, os sistemas de desenvolvemento e as solucións de e-commerce, sendo en todos os casos a porcentaxe de empresas que ofrecen solucións libres superior á que ofrecen solucións privativas.

No caso das empresas informáticas, os aplicativos máis utilizados son as suites ofimáticas (59,4%), os navegadores de Internet (59,4%), e os sistemas de xestión de contidos web (43,2%). Hay que salientar que en determinadas aplicacións, como a “Xestión de contidos web” ou as “Aplicacións de deseño gráfico” hai máis empresas que usan Software Libre que privativo. No primeiro caso é 11,3 puntos porcentuais superior e no segundo caso hai 6,4 puntos de diferencia.

Son datos recollidos no estudo sobre o uso de software libre nas empresas de Galicia no ano 2017, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este estudo responde tamén aos compromisos asumidos no marco das actuacións de impulso do software libre que se establecen no Plan de Acción Software Libre 2017.

Desde o ano 2010 a Xunta, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do sector un Plan anual para o impulso e difusión do software libre na Administración, nas empresas e na cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as que se desenvolven desde o Centro Demostrador TIC, o CNTG e a Oficina de Software Libre. A información sobre as necesidades do sector empresarial servirá para incidir nestas liñas nas actuacións a desenvolver durante o ano 2018.

Pin It on Pinterest

Share This