This is an unofficial translation of the GNU General Public License into galician. It was not published by
the Free Software Foundation, and does not legally state the distribution terms for software that uses the
GNU GPL—only the original English text of the GNU GPL does that. However, we hope that this translation
will help galician speakers understand the GNU GPL better. 

A presente é unha tradución non oficial da licenza pública xeral de GNU ao galego. Non foi publicada pola
Fundación para o Software Libre nin estabelece legalmente os termos de difusión para o software que se rexa
pola licenza pública xeral de GNU (GNU GPL, polas súas siglas en inglés); a única que o fai é a versión
orixinal en inglés da GNU GPL. No entanto, esperamos que esta tradución axude as e os galegofalantes a
comprender mellor a GNU GPL.

LICENZA PÚBLICA XERAL DE GNU

Versión 3, 29 de xuño de 2007

Copyright (C) 2007 Free Software Foundation, Inc  .

Autorízase a reprodución e difusión das copias do presente documento de licenza, pero prohíbese a
modificación de calquera das súas partes.

Preámbulo

A licenza pública xeral de GNU (GNU GPL, polas súas siglas en inglés) é unha licenza libre e gratuíta con
dereito de copia para software (soporte lóxico) e outros tipos de obras.

As licenzas para a maioría do software e outras obras de índole práctica están deseñadas para privar ás
persoas da liberdade para difundir e modificar as obras. Pola contra, a licenza pública xeral de GNU garante
a libre distribución e modificación de todas as versións dun programa, co fin de asegurarlle a dita liberdade 
a todas as persoas usuarias. Na Fundación para o Software Libre utilizamos a Licenza Pública Xeneral de GNU 
para a maioría do noso software; tamén se lle aplica a calquera outra obra publicada desta maneira polos seus 
autores ou autoras. Vostede tamén pode aplicala aos seus programas.

Cando falamos de software libre, referímonos á liberdade, non ao prezo. As nosas licenzas públicas xerais
están deseñadas para garantirlle a vostede a liberdade de distribuír copias de software libre (e cobrar por
elas, se así o desexa), obter o código fonte, ou ter a posibilidade de obtelo, modificar o software ou
utilizar partes del en novos programas libres, e saber que pode facer estas cousas.

Para protexer os seus dereitos, necesitamos evitar que outras persoas ou entidades lle neguen estes dereitos
ou lle pidan que renuncie a eles. Por tanto, no caso de que vostede distribúa ou modifique este software,
terá certas responsabilidades co fin de garantir a liberdade de uso.

Por exemplo, se vostede distribúe copias dun programa desta natureza, xa sexa de forma gratuíta ou a cambio
de diñeiro, debe estender ás persoas destinatarias do software (soporte lóxico) as mesmas liberdades que lle 
foron outorgadas a vostede. Debe asegurarse de que  tamén reciban ou teñan a posibilidade de obter o código 
fonte. E debe mostrarlles os presentes termos co fin de que coñezan os seus dereitos.

As persoas ou entidades desenvolvedoras que utilizan a GNU GPL seguen dous pasos para protexer os dereitos
que vostede recibe: (1) declarar os dereitos de autoría do software, e (2) ofrecerlle esta licenza para que 
vostede poida copiar, distribuír e/ou modificar o software legalmente.

Para protexer o desenvolvemento e a autoría, a GPL explica claramente que non se ofrecen garantías por este
software libre. Polo ben do público usuario e da protección da autoría, a GPL esixe que as versións modificadas 
se identifiquen como tales, de modo que os problemas que poidan conter estas versións non se lles atribúan 
erroneamente ás persoas desenvolvedoras  de versións anteriores.

Existen algúns dispositivos deseñados para negarlles ás persoas usuarias o acceso para instalar ou executar
versións modificadas do software que conteñen, mentres que a industria pode facelo. Isto é esencialmente
incompatíbel co obxectivo de protexer a liberdade das persoas usuarias para modificar o software. O patrón
sistemático de tal abuso dáse na área de produtos para o uso por parte de persoas a nivel individual,
precisamente unha área na cal se volve máis inaceptábel. Por tanto, deseñamos esta versión da GPL co fin de
prohibir a práctica en tales produtos. No caso de que eses problemas xurdisen noutras esferas, existe pola 
nosa parte unha vontade de atender a este tipo de casos en futuras versións da GPL, segundo se requira para 
protexer a liberdade das persoas usuarias.

Por último, todos os programas se ven ameazados constantemente por patentes de software. Os estados non
deberían permitirlles ás patentes restrinxir o desenvolvemento e o uso de software en computadores para fins
xerais, pero, no caso de que isto suceda, desexamos evitar o risco especial de que as patentes que se lle
apliquen a un programa libre efectivamente outorguen tal exclusividade. Para logralo, a GPL garante a
imposibilidade do uso das patentes para apropiarse dun programa e restrinxir devandita liberdade.

A continuación, inclúense os termos e condicións particulares para a reprodución, distribución e
modificación do software.

TERMOS E E CONDICIÓNS

0. Definicións

Por "licenza" enténdese a versión 3 da licenza pública xeral de GNU.

O termo "copyright" (dereitos de autoría) tamén se estende ás leis que protexen estes dereitos para outros
tipos de obras, tales como deseños de circuítos integrados sobre placas semicondutoras.

Por "programa" enténdese calquera obra incluída nesta licenza sobre a que se poidan exercer dereitos de
autoría. Para referirnos a cada persoa licenciataria, utilizamos o termo "vostede". As persoas licenciatarias
ou destinatarias poden ser persoas ou organizacións.

Por modificar unha obra enténdese o proceso de copiar ou adaptar unha obra en forma parcial ou total dun
modo que requira autorización de copyright e que non sexa a reprodución dunha copia exacta. A obra resultante
é unha versión modificada da obra anterior ou unha obra baseada na a obra anterior.

Por obra cuberta enténdese o programa sen modificacións ou unha obra baseada no programa.

Por propagar unha obra enténdese calquera acción sobre ela que, no caso de non ter autorización, puidese
implicar responsabilidade, xa sexa de forma directa ou indirecta, de infrinxir as leis de dereitos de autoría 
aplicábeis, salvo que tal acción se realice nun computador ou se modifique unha copia privada. A propagación 
inclúe a reprodución, distribución (con ou sen modificacións), divulgación e, nalgúns países, outras 
actividades tamén.

Por transmitir unha obra enténdese calquera tipo de propagación que lle permita a unha terceira persoa ou
entidade facer ou recibir copias. A mera interacción cunha persoa usuaria a través dunha rede informática,
cando non se transfire unha copia, non se considera unha transmisión.

Unha interface de persoa usuaria interactiva mostra avisos legais apropiados na medida en que, dun modo
práctico e ben visíbel, (1) mostre un aviso de copyright apropiado e (2) informe a persoa usuaria de que non
se ofrecen garantías pola obra (salvante que efectivamente se ofrezan garantías) e que as persoas licenciatarias 
poden transmitir a obra conforme as disposicións desta licenza, ademais de mostrar a forma en que se pode 
consultar unha copia desta licenza. Se a interface presenta unha lista de comandos da persoa usuaria ou 
opcións, tales como un menú, a lista debe incluír un ítem visíbel que cumpra con este criterio.


1. Código fonte

O código fonte dunha obra é o formato preferido da obra para realizar modificacións nela. Por código obxecto
enténdese calquera formato dunha obra que non sexa código fonte.

Unha interface estándar é unha interface que pode ser unha norma oficial, segundo o defina un organismo de
normas recoñecido, ou ben, no caso de interfaces específicas para unha linguaxe de programación particular,
unha interface de uso xeneralizado entre as persoas desenvolvedoras que traballan con esa linguaxe.

As bibliotecas de sistema dunha obra executábel comprenden calquera cousa, non sendo a obra na súa totalidade,
que (a) inclúa na forma normal de empaquetamento do compoñente principal, pero que non sexa por si mesma o
compoñente principal, e (b) sirva unicamente para permitir o uso da obra con tal compoñente principal ou
para implementar unha interface estándar para a cal exista a disposición do público unha implementación en 
forma de código fonte. Un compoñente principal, neste contexto, é un compoñente fundamental (núcleo, sistema 
de xanelas, etc.) do sistema operativo específico (se houber) no que funcione a obra executábel, ou un 
compilador utilizado para producir a obra, ou un intérprete de código obxecto utilizado para executalo.

A fonte correspondente para unha obra en código obxecto refírese a todo o código fonte necesario para xerar,
instalar e (para unha obra executábel) executar o código obxecto e modificar a obra, incluídas as secuencias
de comandos para controlar esas actividades. Con todo, non inclúe as bibliotecas de sistema da obra, así como
tampouco ferramentas de aplicación xeral ou programas libres xeralmente dispoñíbeis que se utilicen sen
modificacións para realizar esas actividades pero que non formen parte da obra. Por exemplo, a fonte
correspondente inclúe os arquivos de definición de interface asociados aos arquivos fonte para a obra, así
como o código fonte para as bibliotecas compartidas e os subprogramas vinculados de forma dinámica requiridos
especificamente conforme ao seu deseño, por exemplo, mediante a comunicación de datos intrínseca ou o
control de fluxo entre eses subprogramas e outras partes da obra.

A fonte correspondente non necesita incluír nada que as persoas usuarias poidan rexenerar automaticamente
doutras partes da fonte correspondente.

A fonte correspondente para unha obra en código fonte é esa mesma obra.


2. Permisos básicos

Todos os dereitos que se outorgan conforme a esta licenza outórganse coa protección do copyright que ampara
o programa e son irrevogábeis cando se cumpran as condicións estabelecidas. Esta licenza autoriza en forma
expresa e ilimitada a executar o programa sen modificacións. O produto obtido a partir da execución dunha
obra amparada está cuberto por esta licenza unicamente se o produto, dado o seu contido, constitúe unha obra
amparada. Esta licenza recoñece os seus dereitos de uso razoábel e outros equivalentes, conforme as leis de
copyright.

Vostede pode crear, executar e propagar obras amparadas que non transmita, sen condicións na medida en que a
súa licenza siga vixente dalgunha outra maneira. Vostede pode transmitir obras amparadas a terceiras persoas
co único fin de que estes realicen modificacións exclusivamente para vostede, ou que lle proporcionen os
medios para executar esas obras, con tal de que vostede cumpra cos termos desta licenza no que respecta á
transmisión de calquera material que exceda o seu control do copyright. Quen desta maneira creen ou executen 
as obras amparadas para vostede deben facelo exclusivamente no seu nome, baixo a súa dirección e control e 
sobre a base de termos que lles prohiban facer copias do seu material protexido por dereitos de autoría fóra 
da relación que manteñen con vostede.

A transmisión baixo calquera outra circunstancia permítese unicamente conforme ás condicións que se describen
a continuación. Prohíbese sublicenciar; a sección 10 fai que sexa innecesario.

3. Protección dos dereitos legais das persoas usuarias fronte á Lei antievasión

Ningunha obra amparada se considerará parte dunha medida tecnolóxica efectiva conforme a calquera lei
aplicábel que cumpra as obrigas do artigo 11 do tratado de copyright OMPI (Organización Mundial da Propiedade
Intelectual, WIPO polas súas siglas en inglés) adoptado o 20 de decembro de 1996 ou a leis similares que
prohiban ou restrinxan a evasión de devanditas medidas.

Cando vostede transmite unha obra amparada, renuncia a calquera facultade legal de prohibir a evasión de
medidas tecnolóxicas na medida en que a evasión se realice ao facer uso dos dereitos que se outorgan conforme
a esta licenza con respecto á obra amparada, e nega calquera intención de restrinxir o uso ou a modificación
da obra como unha forma de facer valer, en contra das persoas usuarias da obra, os seus dereitos legais ou
os dereitos legais de terceiras partes para prohibir a evasión de medidas tecnolóxicas.


4. Transmisión de copias literais

Vostede pode transmitir copias literais do código fonte do programa tal cal o reciba, por calquera medio,
coa condición de que publique dun modo visíbel e adecuado un aviso de copyright apropiado en cada copia;
manteña intactos todos os avisos que estabelecen que esta licenza e calquera termo non-permisivo que se
agregue conforme á sección 7 se lle aplican ao código; manteña intactos todos os avisos mediante os cales
se nega calquera tipo de garantía; e lles proporcione a todas as persoas destinatarias unha copia desta
licenza xunto co programa.

Vostede pode cobrar o prezo que vostede desexe ou non cobrar nada por cada copia que transmita, e pode
ofrecer mantemento ou protección de garantía a cambio dunha tarifa.


5. Transmisión de versións modificadas do código fonte

Vostede pode transmitir unha obra baseada no programa, ou as modificacións para producilo a partir do
programa, en forma de código fonte conforme os termos da sección 4, coa condición de que tamén cumpra con
todas as condicións que se inclúen a continuación:

    * a) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que a modificou e que inclúa a data
 correspondente.
    * b) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que se realiza conforme a esta licenza e a
 todas as condicións que se agreguen baixo a sección 7. Este requirimento modifica o requirimento da sección
 4 que estabelece que se deben manter intactos todos os avisos.
    * c) Debe outorgar unha licenza pola obra completa, en forma íntegra, conforme a esta licenza, a
 calquera terceira persoa que adquira unha copia. Por tanto, esta licenza, xunto con calquera termo adicional
 aplicábel da sección 7, aplícaselle á obra na súa totalidade e a todas as súas partes, independentemente do 
 modo en que se empaqueten. Esta licenza non autoriza para outorgar licenzas para a obra de ningún outro modo, 
 pero non invalida esa autorización se vostede a recibiu por separado.
    * d) Se a obra tivese interfaces de usuario ou usuaria interactivas, cada unha delas deberá mostrar os
 avisos legais apropiados. No entanto, se o programa tivese interfaces interactivas que non mostraren avisos
 legais apropiados, non necesita incluílos.

Denomínase conxunto á compilación dunha obra cuberta con outras obras diferentes e independentes que pola súa
natureza non sexan extensións da obra cuberta nin se combinen con ela para formar un programa máis grande nun 
volume dun medio de distribución ou almacenamento, se a compilación e o copyright consecuente non se utilizan 
para restrinxir o acceso ou os dereitos legais das persoas usuarias da compilación alén do que permitan as obras 
individuais. A inclusión dunha obra incluída nun conxunto non implica que esta licenza se lle aplique ás outras 
partes do conxunto.


6. Transmisión de códigos que non son códigos fonte

Vostede pode transmitir unha obra cuberta en código obxecto conforme os termos das seccións 4 e 5, a
condición de que tamén transmita a fonte correspondente lexíbel por máquina conforme os termos desta licenza, 
dalgunha das seguintes maneiras:

    * a) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución)
 ou incorporado a este, acompañado da fonte correspondente nun medio físico duradeiro habitual para o
 intercambio de software.
    * b) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución)
 ou incorporado a este, acompañado dunha oferta escrita, que sexa válida por un prazo mínimo de tres anos e
 polo tempo que vostede ofreza repostos ou servizo técnico para ese modelo do produto, para proporcionarlle
 a calquera persoa que posúa o código obxecto (1) unha copia da fonte correspondente para todo o software do
 produto que estea cuberto por esta licenza, nun medio físico duradeiro habitual para o intercambio de
 software, a cambio dun prezo que non exceda o custo razoábel da acción física de transmitir esta fonte, ou
 (2) acceso á copia da fonte correspondente desde un servidor de rede sen custo ningún.
    * c) Transmisión de copias individuais do código obxecto xunto cunha copia da oferta escrita para
 proporcionar a fonte correspondente. Esta opción permítese unicamente en ocasións e para fins non comerciais,
 e só na medida en que vostede reciba o código obxecto cunha oferta desta natureza, conforme á subsección 6b.
    * d) Transmisión do código obxecto ofrecendo acceso desde un lugar determinado (en forma gratuíta ou
 onerosa) e ofrecendo un acceso equivalente á fonte correspondente do mesmo xeito e desde o mesmo lugar sen
 custo adicional. Non é necesario que lles esixa ás persoas destinatarias que copien a fonte correspondente
 xunto co código obxecto. Se o lugar ofrecido para copiar o código obxecto fose un servidor de rede, a fonte 
correspondente poderá estar nun servidor diferente (operado por vostede ou por unha terceira persoa) que ofreza 
posibilidades de reprodución equivalentes, coa condición de que se inclúan, xunto co código obxecto, instrucións 
claras para atopar a fonte correspondente. Independentemente de qué servidor aloxa a fonte correspondente, vostede 
mantén a obriga de se asegurar de que estea dispoñíbel polo tempo que sexa necesario para satisfacer estes 
requirimentos.
    * e) Transmisión do código obxecto mediante transferencia entre persoas usuarias (peer to peer), coa
 condición de que se lles informe da situación do código obxecto e a fonte correspondente da obra para o
 público en xeral sen custo ningún conforme á subsección 6d.

Non se precisa incluír unha parte separábel do código obxecto, de código fonte excluído da fonte
correspondente como unha biblioteca de sistemas, para transmitir o código obxecto da obra.

Por produto de persoa usuaria enténdese (1) un produto de consumo, que é calquera ben persoal tanxíbel que
se utilice habitualmente para fins persoais, familiares ou domésticos, ou (2) calquera cousa que se deseñe
ou comercialice para a súa incorporación nunha vivenda. Ao determinar se un produto é un produto de consumo, 
os casos dubidosos deberán resolverse a prol da cobertura. Para un produto específico que recibe unha persoa 
usuaria particular, un uso habitual é o uso común ou típico que se lle adoita dar a ese tipo de produto, 
independentemente da condición da persoa usuaria particular ou da forma en que a persoa usuaria particular 
utilice o produto ou das expectativas propias ou doutras persoas respecto do uso do produto. Un produto 
considérase un produto de consumo independentemente de que que se lle poida dar usos substanciais de índole 
comercial, industrial ou alleos ao consumo, non sendo que eses usos representen o único modo significativo de
utilizar o produto.

Por información de instalación dun produto de usuario ou usuaria enténdese calquera método, procedemento,
clave de autorización ou outro tipo de información requirida para instalar e executar versións modificadas
dunha obra cuberta en tal produto de usuario ou usuaria a partir dunha versión modificada da súa fonte
correspondente. A información debe ser suficiente para garantir que o funcionamento continuo do código
obxecto modificado non se vexa afectado ou imposibilitado só polo feito de se ter realizado a modificación.

No caso de que vostede transmita o código obxecto dunha obra conforme a esta sección nun produto de usuario
ou usuaria, xunto co produto da persoa usuaria ou especificamente para o seu uso nun produto de usuario ou
usuaria, e a transmisión se produza como parte dunha transacción mediante a cal os dereitos de posesión e
uso deste produto de persoa usuaria se lle transfiran á persoa destinataria por un prazo limitado ou
ilimitado independentemente das particularidades da transacción), a fonte correspondente transmitida conforme
a esta sección deberá ir acompañada da información de instalación. Con todo, este requirimento non se lle
aplicará no caso de que nin vostede nin unha terceira persoa conserven a capacidade para instalar o código
obxecto modificado no produto de usuario ou usuaria (por exemplo, que a obra se instalase en memoria ROM).

O requirimento de proporcionar información de instalación non implica a necesidade de seguir provendo
servizo técnico, garantías ou actualizacións para unha obra que sexa modificada ou instalada pola persoa
destinataria ou para o produto de persoa usuaria no cal a modificou ou instalou. Poderá negarse o acceso a
unha rede cando a modificación en si mesma poida afectar dun modo adverso e substancial o funcionamento da
rede ou infrinxa as normas e os protocolos de comunicación a través da rede.

A fonte correspondente que se transmita e a información de instalación que se proporcione conforme a esta
sección deberán presentarse nun formato sobre o cal exista documentación pública (e cunha implementación
dispoñíbel para o público en código fonte) e non deberán requirir ningunha clave ou contrasinal especial
para o seu desempaquetado, lectura ou reprodución.


7. Termos adicionais

Os permisos adicionais son termos que complementan os termos desta licenza ao permitir excepcións a unha ou
máis condicións. Os permisos adicionais que se lle aplican ao programa na súa totalidade deberán tratarse
coma se formasen parte desta licenza, na medida en que sexan válidos conforme as leis aplicábeis. No caso de
que os permisos adicionais se apliquen unicamente a unha parte do programa, esta parte poderá utilizarse por
separado conforme a eses permisos, pero o programa na súa totalidade seguirá rexéndose de acordo con esta
licenza independentemente dos permisos adicionais.

Cando vostede transmita unha copia dunha obra cuberta, poderá optar por eliminar calquera permiso adicional
da copia ou de calquera parte dela (en certos casos, cando vostede modifique a obra, poderán estabelecerse
permisos adicionais para requirir a súa eliminación). Ten autorización para incluír permisos adicionais nun
material que vostede agregue a unha obra cuberta e sobre o cal vostede posúa ou poida outorgar permisos de
copyright apropiados.

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, respecto do material que vostede agregue a
unha obra cuberta, vostede poderá (na medida en que o autoricen as persoas titulares dos dereitos de
copyright do dito material) complementar os termos desta licenza cos seguintes termos:

    * a) Ausencia de garantías ou limitación da responsabilidade alén dos termos das seccións 15 e 16 desta
 licenza; ou
    * b) Obriga de conservación de atribucións de autoría ou avisos legais razoábeis específicos no dito
 material ou nos avisos legais apropiados que se mostren nas obras que o conteñan; ou
    * c) Prohibición de terxiversación da orixe do material, ou requirimento de que nas versións modificadas
 deste material se indique dun modo razoábel que son diferentes da versión orixinal; ou
    * d) Limitación do uso dos nomes das persoas licenciadoras ou autoras do material para fins publicitarios;
 ou
    * e) Negativa respecto do outorgamento de dereitos conforme as leis de marcas para o uso de certos nomes
 comerciais, marcas de produtos ou marcas de servizos; ou
    * f) Requirimento de indemnización das persoas licenciadoras ou autoras do material por parte de calquera
 persoa que transmita o material (ou versións del modificadas) baixo presuncións contractuais de
 responsabilidade das e dos destinatarios por calquera responsabilidade que esas presuncións contractuais
 impoñan directamente sobre as e os licenciadores e sobre os autores ou autoras do material.

Calquera outro termo adicional non permisivo considerarase unha restrición adicional no contexto da sección
10. No caso de que o programa, tal cal vostede o recibiu, ou calquera parte del conteña un aviso que indique 
que se rexe segundo esta licenza xunto cun termo que constitúa unha restrición adicional, poderá eliminar o 
termo. No caso de que un documento de licenza conteña unha restrición adicional pero permita a extensión da 
licenza ou a transmisión do programa conforme a esta licenza, vostede poderalle agregar á obra cuberta calquera 
material conforme os termos dese documento de licenza, coa condición de que a restrición adicional non se manteña 
tras a extensión da licenza ou a transmisión do programa.

No caso de que vostede agregue termos a unha obra cuberta conforme a esta sección, deberá incluír nos
arquivos fonte correspondentes unha declaración dos termos adicionais que se lle aplican aos arquivos ou un
aviso que indique a localización dos termos aplicábeis.

Poderanse estabelecer termos adicionais, sexan estes permisivos ou non permisivos, nunha licenza escrita
independente, ou a modo de excepcións; sexa como for, aplicaranse os requirimentos mencionados anteriormente.


8. Anulación

Vostede non está autorizado para propagar ou modificar unha obra cuberta de ningún outro modo que non se
estipule nesta licenza. Calquera intento non autorizado por propagala ou modificala considerarase nulo e
levará a anulación automática dos dereitos que lle outorgou esta licenza (incluída calquera licenza de
patente outorgada conforme o parágrafo terceiro da sección 11).

No entanto, no caso de que deixe de violar as cláusulas desta licenza, unha persoa titular de dereitos de
copyright particular poderá restituírlle a licenza (a) de forma provisoria, até tanto tal titular dea por
finalizada a súa licenza de forma expresa e definitiva, e (b) de forma permanente, se esa persoa  titular
non notifica a infracción por algún medio razoábel antes dos 60 días posteriores á anulación.

Así tamén, a licenza que lle outorgue unha persoa titular de dereitos de copyright particular restituiráselle
de forma permanente se a persoa titular lle notificar a infracción por algún medio razoábel, esta for a
primeira vez que vostede recibise unha notificación de violación desta licenza (por calquera obra) emitida
por esa persoa titular, e vostede emendase a infracción nun prazo de 30 días a partir da recepción da
notificación.

A extinción dos seus dereitos conforme a esta sección non anula as licenzas daquelas terceiras persoas ás
que vostede lles outorgou copias ou dereitos conforme esta licenza. No caso de que os seus dereitos se
anulen e non se lle restitúan de forma permanente, vostede non estará capacitado para recibir novas licenzas 
para o mesmo material conforme á sección 10.


9. Aceptación innecesaria para a posesión de copias

Vostede non ten a obriga de aceptar esta licenza para poder recibir ou executar unha copia do programa.
De modo similar, a propagación secundaria dunha obra amparada que se produza unicamente como consecuencia
dunha transferencia entre persoas usuarias (peer to peer) co fin de recibir unha copia tampouco require
aceptación. No entanto, esta licenza é o único que o autoriza a propagar ou modificar calquera obra cuberta. 
No caso de que vostede non acepte esta licenza, os actos anteriores representarán unha violación das leis de 
copyright. Por tanto, ao modificar ou propagar unha obra cuberta, vostede expresa a súa aceptación desta 
licenza para facelo.


10. Traspaso automático de licenza a destinatarios ou destinatarias subseguintes

Cada vez que vostede transmite unha obra cuberta, o destinatario ou destinataria recibe automaticamente das
persoas licenciadoras orixinais unha licenza para executar, modificar e propagar a obra conforme esta licenza.
Vostede non é responsábel de asegurar o cumprimento desta licenza por parte de terceiras persoas.

Unha transacción entre entidades é unha transacción mediante a cal se lle transfire o control dunha
organización ou de todo o patrimonio dunha organización, se subdivide unha organización ou se fusionan dúas
ou máis organizacións. No caso de que a propagación dunha obra cuberta se deba a unha transacción entre
entidades, cada parte da transacción que reciba unha copia da obra tamén recibirá todas as licenzas para a
obra que o predecesor ou predecesora da parte tiver ou puider outorgar conforme o parágrafo anterior, máis o
dereito de recibir do seu predecesor ou predecesora a fonte correspondente da obra, se o predecesor ou
predecesora a ten no seu poder ou pode obtela con esforzos razoábeis.

Vostede non pode impor restricións adicionais para o exercicio dos dereitos que se outorgan ou consolidan
conforme esta licenza. Por exemplo, vostede non pode impor tarifas, dereitos de autoría ou outros cargos a
cambio do exercicio dos dereitos que se outorgan conforme esta licenza, así como tampouco pode iniciar
accións legais (incluídas demandas e contestacións a demandas nun proceso legal) sobre a base dunha
infracción de patentes por crear, usar, comercializar, ofrecer para a venda ou importar o programa ou
calquera parte del.

11. Patentes

Un colaborador ou colaboradora é unha persoa ou entidade titular de dereitos de copyright que autoriza o uso
conforme esta licenza do programa ou dunha obra sobre a cal se basee o programa. A obra con licenza outorgada
desta maneira denomínase versión en colaboración do colaborador ou colaboradora.

Os dereitos de patente fundamentais dun colaborador ou colaboradora son todos os dereitos de patente baixo a
titularidade ou o control da persoa colaboradora, xa sexa porque os adquiriu tras o outorgamento desta licenza 
ou a partir dela, que poidan infrinxirse dalgún modo permitido por esta licenza para crear, usar ou vender a súa 
versión en colaboración, pero non inclúen dereitos que se poderían infrinxir unicamente como consecuencia de 
modificacións posteriores á versión en colaboración. Para os efectos desta definición, o control inclúe o dereito 
de outorgar sublicenzas de patente dun modo consonte cos requirimentos desta licenza.

Cada colaborador ou colaboradora outórgalle a vostede unha licenza de patente internacional non exclusiva
libre de dereitos de autoría conforme os dereitos de patente fundamentais da ou do colaborador para crear,
usar, comercializar, ofrecer á venda, importar e executar, modificar e propagar dalgún outro modo o contido da
súa versión en colaboración.

Nos tres parágrafos que se inclúen a continuación, unha licenza de patente é calquera contrato ou acordo
expreso, independentemente da súa denominación, mediante o cal se conveña non exercer dereitos de patente
(como, por exemplo, unha autorización expresa para facer uso dunha patente ou unha cláusula que estabeleza
que non se iniciarán accións legais por infrinxir os dereitos de patente). Por outorgar unha licenza de
patente desta natureza a outra parte enténdese o acto de celebrar un contrato ou acordo mediante o cal se
convén non exercer dereitos de patente en contra da dita parte.

No caso de que vostede transmita unha obra amparada, sabendo que está suxeita a unha licenza de patente, e a
fonte correspondente da obra non estiver dispoñíbel para a súa reprodución, en forma gratuíta e conforme os
termos desta licenza, a través dun servidor de rede de acceso público ou outro medio igualmente accesíbel,
vostede deberá (1) poñer a fonte correspondente a disposición do destinatario ou destinataria subseguinte,
(2) renunciar ao beneficio da licenza de patente para esta obra en particular, ou ben (3) tomar as medidas
necesarias para estender a licenza de patente aos destinatarios e destinatarias subseguintes dun modo acorde
cos requirimentos desta licenza. A frase sabendo que está suxeita a unha licenza de patente significa que
vostede efectivamente sabe que, de non ser pola licenza de patente, a transmisión da obra cuberta nun país
ou o uso que puider darlle   as persoas destinatarias á obra amparada nun país infrinxirían unha ou máis
patentes identificábeis no dito país que vostede considera válidas por diversas razóns.

No caso de que, en relación cunha transacción ou contrato individual, vostede transmitise unha obra amparada
ou a difundise conseguindo a súa transmisión e outorgase a algunhas das partes que reciban a obra amparada
unha licenza de patente que as autorizase a usar, difundir, modificar ou transmitir unha copia específica da
obra cuberta, a licenza de patente que vostede outorgue estenderase automaticamente a todos os destinatarios
e destinatarias da obra cuberta e ás obras que se baseen nela.

Unha licenza de patente considérase discriminatoria cando non inclúe dentro do seu ámbito de amparo un ou máis
dos dereitos que se outorgan especificamente conforme a esta licenza, prohibe o uso de devanditos dereitos ou
se outorga como condición de que non se usen os ditos dereitos. Vostede non debe transmitir unha obra cuberta
se fose unha das partes dun acordo con outra entidade ou persoa que se dedicase á distribución de software,
conforme ao cal vostede debese pagarlle á outra entidade ou persoa pola actividade que vostede realice con
respecto á transmisión da obra e esa entidade ou persoa outorgase a calquera das partes que reciban de vostede
a obra cuberta unha licenza de patente discriminatoria (a) en relación coas copias da obra cuberta
transmitidas por vostede (ou as copias que se fagan desas copias), ou (b) principalmente para compilacións
ou produtos específicos que conteñan a obra cuberta e en relación con estes, a menos que vostede celebrase
o contrato ou que a patente se outorgase antes do 28 de marzo de 2007.

Ningunha disposición desta licenza deberá interpretarse como excluente ou limitativa de ningunha licenza
implícita ou outras defensas legais contra infraccións ás que, doutro xeito, vostede puidese ter dereito
conforme á lei de propiedade intelectual vixente.


12. Protección da liberdade de terceiras partes

No caso de que lle fosen impostas condicións (xa sexa por unha orde xudicial, un contrato ou dalgún outro
modo) que contradixesen as condicións desta licenza, vostede non quedará eximido de cumprir as condicións
desta licenza. No caso de que non poida transmitir unha obra cuberta dun modo que lle permita cumprir
simultaneamente coas obrigas estabelecidas por esta licenza e calquera outra obriga pertinente, non poderá
transmitila de ningún modo. Por exemplo, no caso de que vostede acepte termos que o obriguen a cobrar dereitos
de autoría por redistribución a daqueles aos que vostede transmita o programa, a única forma de satisfacer
tanto estes requirimentos como esta licenza será absterse de transmitir o programa.


13. Uso conxunto coa licenza pública xeral Affero de GNU

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, vostede ten permiso para vincular ou combinar
calquera obra cuberta cunha obra con licenza outorgada conforme á versión 3 da licenza pública xeral Affero
de GNU nunha única obra combinada e transmitir a obra resultante. Os termos desta licenza seguirán 
aplicándoselle á parte que corresponda á obra cuberta, pero os requirimentos especiais da sección 13 da 
licenza pública xeral Affero de GNU sobre a interacción a través dunha rede aplicaránselle á combinación como
tal.


14. Revisións desta licenza

A Fundación para o Software Libre poderá publicar revisións e/ou versións novas da licenza pública xeral de
GNU de cando en vez. Tales versións serán de natureza semellante á versión actual, pero poderán diferir canto
aos detalles para afrontar novos problemas ou coidados.

Cada versión recibirá un número de versión que a distinga. No caso de que o programa especifique que se rexe
por unha versión determinada da licenza pública xeral de GNU ou calquera versión posterior, vostede poderá
optar por adoptar os termos e condicións desta versión específica ou de calquera versión posterior que
publique a Fundación para o Software Libre. No caso de que o Programa non especifique un número de versión da
licenza pública xeral de GNU, vostede poderá rexerse por calquera versión que publique a Fundación para o
Software Libre.

Se o programa especifica que un apoderado ou apoderada pode decidir que versións da licenza pública xeral de
GNU poden aplicarse no futuro, a declaración pública do apoderado ou apoderada sobre a aceptación dunha
versión determinada autorizarao a vostede, de forma permanente, a optar por tal versión para o programa.

Poida que as versións posteriores da licenza se lle outorguen permisos adicionais ou diferentes. No entanto,
non se lles imporán obrigas adicionais a ningunha persoa autora ou titular de dereitos de copyright como
resultado da adopción da versión posterior que vostede elixa.

15. Carencia de garantías

O PROGRAMA OFRÉCESE SEN NINGÚN TIPO DE GARANTÍAS, NA MEDIDA EN QUE O PERMITAN AS LEIS APLICÁBEIS. SALVANTE
DISPOSICIÓN CONTRARIA POR ESCRITO, OS OU AS TITULARES DE DEREITOS DE AUTORÍA E/OU OUTRAS PARTES PROVÉN O
PROGRAMA "TAL CAL" SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO, XA SEXAN EXPRESAS OU IMPLÍCITAS, INCLUÍDAS, AÍNDA QUE NON
DE FORMA TAXATIVA, AS GARANTÍAS IMPLÍCITAS DE VALOR COMERCIAL E APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO.
VOSTEDE ASUME TODOS OS RISCOS CON RESPECTO Á CALIDADE E O DESEMPEÑO DO PROGRAMA. NO CASO DE QUE O PROGRAMA
TIVESE DEFECTOS, VOSTEDE ASUME O CUSTO DE TODAS AS ACTIVIDADES DE MANTEMENTO, REPARACIÓN OU CORRECCIÓN.

16. Limitación da responsabilidade

EN NINGÚN CASO, SALVO QUE ASÍ O DISPOÑAN AS LEIS APLICABLES OU UN CONTRATO POR ESCRITO, UNHA PERSOA TITULAR
DE DEREITOS DE AUTORÍA OU UNHA TERCEIRA PARTE QUE MODIFIQUE E/OU TRANSMITA O PROGRAMA SEGUNDO SE AUTORIZA
ANTERIORMENTE SERÁ RESPONSÁBEL PERANTE VOSTEDE DE CALQUERA DANO, INCLUÍDOS OS DANOS XERAIS, ESPECIAIS,
FORTUÍTOS OU DERIVADOS, QUE POIDAN XURDIR DO USO OU A INCAPACIDADE DE USO DO PROGRAMA (INCLUÍDOS, AÍNDA QUE
NON EXCLUSIVAMENTE, A PERDA DE INFORMACIÓN, A SUBMINISTRACIÓN DE INFORMACIÓN IMPRECISA OU AS PERDAS QUE POIDAN
SUFRIR VOSTEDE OU TERCEIRAS PARTES OU A INCAPACIDADE DO PROGRAMA PARA INTERACTUAR CON OUTROS PROGRAMAS),
AÍNDA CANDO ESTE OU ESTA TITULAR OU TERCEIRA PARTE FOSE ADVERTIDA DA POSIBILIDADE DE TALES DANOS.


17. Interpretación das seccións 15 e 16

No caso de que as cláusulas de ausencia de garantías e limitación da responsabilidade anteriores carecesen de
validez legal a nivel local conforme os seus termos, os xulgados deberán aplicar as leis locais que máis se
asimilen a unha exención absoluta de calquera responsabilidade civil en relación co programa, salvo que unha
copia do programa estea acompañada dunha garantía ou presunción de responsabilidade a cambio dunha tarifa.

FIN DE TERMOS E CONDICIÓNS

Como aplicar estes termos aos seus programas novos

Se vostede desenvolve un programa novo e desexa que o público lle atope a maior utilidade posíbel, a mellor
maneira de logralo é facer deste un software libre para que todos o poidan redistribuír e modificar conforme
a estes termos.

Para facelo, achegue os seguintes avisos ao programa. O máis seguro é engadilos ao comezo de cada arquivo
fonte co fin de que se estabeleza dun modo efectivo a exclusión de garantías. Así mesmo, cada arquivo debería
incluír a liña do copyright e unha ligazón á localización do aviso completo.


Copyright (C)

Este programa é software libre: vostede pode redistribuílo e/ou modificalo conforme os termos da licenza
pública xeral de GNU publicada pola Fundación para o Software Libre, xa sexa a versión 3 desta licenza ou
(á súa elección) calquera versión posterior.

Este programa distribúese co desexo de que lle resulte útil, pero SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; nin sequera
coas garantías implícitas de VALOR COMERCIAL OU APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO. Para máis información,
consulte a licenza pública xeral de GNU.

Xunto con este programa, debérase incluír unha copia da licenza pública xeral de GNU.

De non ser así, vexa en .

Inclúa tamén información de contacto que lles permita ás persoas destinatarias comunicarse con vostede, xa
sexa por correo electrónico ou convencional.

Se o programa admite a interacción entre terminais, asegúrese de que mostre un breve aviso como o que se
inclúe a continuación cando se inicie en modo interactivo:

Copyright (C)

Este programa proporciónase SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; para máis información escriba 'show w'.

Este programa é software libre e vostede pode redistribuílo consonte certas condicións; para máis información,
escriba 'show c'.


Os comandos hipotéticos 'show w' e 'show c' deberían mostrar as partes correspondentes da licenza pública
xeral. De máis está dicir que os comandos do seu programa poden ser diferentes; para unha interface gráfica
de persoa usuaria, debería utilizar un cadro de diálogo do tipo Acerca de.

No caso de que traballe como programador ou programadora para unha entidade empregadora ou estabelecemento
educativo, asegúrese tamén de que asinen unha renuncia de copyright para o programa, se fose necesario. Para
máis información verbo deste respecto e sobre como aplicar e cumprir a GNU GPL, vexa en
.

A licenza pública xeral de GNU non autoriza a inclusión do seu programa en programas de propiedade privada.
Se o seu programa fose unha biblioteca de subrutinas, poida que considere máis útil permitir a vinculación de
aplicacións de propiedade privada coa biblioteca. Se vostede desexar facer isto, utilice a licenza pública
xeral reducida de GNU en lugar desta licenza. Pero primeiro, por favor, lea a información que se inclúe en
.