Xoves, 7 Marzo 2024

Licenza recomendada para a publicación de contidos

PDF

A Licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual (CC BY-SA) é unha ferramenta fundamental no mundo da educación e a creatividade dixital, e no contexto da educación e da colaboración aberta, aquí as razóns polas cales a CC BY-SA é unha elección máis axeitada fronte a mesma licenza coa cláusula NC (Non Comercial):

Logo da licenza CC BY-SA

1. Fomenta a Innovación Educativa

ilustración dun home encima dunha bombilla

Na nosa experiencia, a innovación en educación é un compoñente esencial para o progreso. A educación está en constante evolución, e limitar a posibilidade de utilizar recursos educativos nun contexto comercial pode frear a creatividade e a adopción de novas tecnoloxías educativas. A CC BY-SA, ao permitir o uso comercial, incentiva a creación de novos recursos e a adopción de enfoques pedagóxicos vangardistas xa que permite mesturar, transformar e construír a partir do material protexido.

2. Promove o Acceso Universal

ilustración dun home esquemático

Unha educación de calidade debería estar ao alcance de todos, sen importar a súa capacidade de pago. Excluír a restrición NC garante que calquera entidade, incluídas as organizacións sen fins de lucro, poida utilizar e modificar materiais educativos sen restricións con ánimo comercial. Isto é esencial para democratizar a educación e garantir que as barreiras económicas non sexan un impedimento para a aprendizaxe. Igualmente facilita que as persoas que elaboren os materiais e os cedan baixo esta licenza estén seguras da que non existirá ningún aproveitamento fóra da colaboración aberta.

3. Facilita a Colaboración Interinstitucional

ilustración dun grupo de xente xunta

A colaboración entre institucións educativas é esencial para a mellora da calidade educativa. A CC BY-SA elimina as barreiras legais relacionadas co uso comercial, o que facilita a colaboración entre organizacións. A comunidade educativa pode traballar conxuntamente na creación e mellora de recursos, o que enriquece a oferta educativa e beneficia a un público máis amplo.

4. Estimula a Responsabilidade e Transparencia

ilustración dunha serie de rectángulos e frechas uníndoos

En moitos casos, as institucións gobernamentais e públicas están legalmente obrigadas a compartir información e resultados. Utilizar unha licenza como a CC BY-SA non só cumpre con estas obrigacións legais, senón que tamén reforza a transparencia e a responsabilidade. Os cidadáns teñen o dereito de acceder á información pública de maneira aberta e transparente.

5. Evita o Aproveitamento Indebido

ilustración dunha man recollendo un regalo

Unha preocupación común é o temor ao aproveitamento indebido por parte de quen crea os materiais obxecto da protección. Con todo, a CC BY-SA xa proporciona unha sólida protección contra isto. Calquera entidade que desexe utilizar ou adaptar o material baixo esta licenza debe cumprir coa mesma licenza, o que garante que non poidan explotalo de maneira privativa. Isto preserva o propósito orixinal do proxecto e asegura que as contribucións se realicen de maneira ética.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal