Faqs

Preguntas frecuentes

Preguntas máis frecuentes

Que é o software libre?

Software libre (free software) é calquera software sobre o que se ten a liberdade de executalo, copialo, distribuílo, estudalo, cambialo e melloralo sen necesidade de pedir permiso nin pagar licenzas de uso.

O termo free en inglés é ambiguo, e significa tanto ‘libre’ como ‘de balde’, o que leva a moita xente a confundir software libre con software de balde. Aínda que polo xeral o software libre está dispoñible de xeito gratuíto, non é unha condición obrigatoria.

De modo máis preciso, software libre refírese a catro liberdades dos usuarios do software:

  • Liberdade 0. Liberdade de usar o programa con calquera propósito.
  • Liberdade 1. Liberdade de estudar como funciona o programa e adaptalo ás necesidades particulares. Unha condición necesaria para isto é o acceso ao código fonte.
  • Liberdade 2. Liberdade de distribuír copias a calquera.
  • Liberdade 3. Liberdade de mellorar o programa e facer públicas as melloras, de xeito que toda a comunidade se beneficie. Unha condición necesaria para isto é o acceso ao código fonte.

Un programa é software libre se os usuarios teñen todas estas liberdades. Así pois, debería ter a liberdade de distribuír copias, sexa con ou sen modificacións, sexa de balde ou cobrando unha cantidade pola distribución, a calquera.

Para saber máis, véxase a definición completa da Free Software Fundation de onde se extraeu o fragmento anterior.

É o mesmo open source que software libre?

Aínda que conceptualmente son diferentes, dende o punto de vista do usuario final, no que atinxe ás vantaxes de uso, podemos dicir que son o mesmo.

A diferencia é a filosofía dos movementos que defenden cada un dos termos, aínda que tecnicamente e na práctica son compatíbeis. De feito, ambos movementos colaboran acotío en diversos proxectos.

O movemento a prol do software libre (free software) é máis filosófico e descansa na idea de liberdade e na ética. Para eles o acceso ao código fonte é un requisito para as liberdades de estudar e modificar o programa. Este termo en inglés presenta unha dobre interpretación (free: gratis e libre) que leva á idea errada de que o software libre debe ser gratis.

O movemento open source é un movemento máis orientado cara á visión empresarial que centra o seu eixe no acceso ao código fonte como medio para a excelencia do software. Eliminan a ambigüidade do termo software libre aínda que introducen outra. Non todo o software que teña o código fonte dispoñible é open source, debe existir tamén a liberdade de modificalo e distribuílo. Hai empresas que para apuntarse á moda do open source permiten acceder ao código pero non permiten facer nada con el, nin distribuír as modificacións, nin comerciar con el…

Para máis información sobre a controversia entre ambos termos ler as seguintes referencias:

Why “Free Software” is better than “Open Source”

Why “Free” Software is too Ambiguous

O software libre ten que ser de balde?

NON

O software libre, segundo a definición da Free Software Foundation, é aquel que unha vez adquirido podes usar, modificar, distribuír, mellorar … libremente. Xa que logo, esta liberdade de uso é posterior á adquisición do software.

A principal fonte de confusión é que o termo inglés free pode significar libre ou de balde. Doutra banda, é moi habitual atopar o software libre dispoñíbel para a súa descarga na Internet de xeito gratuíto e legal.

Así, podemos atoparnos con dúas situacións á hora de obter unha aplicación libre:

  1. Dispoñible para a súa descarga na Internet.
  2. Dispoñíbel para a súa adquisición por un importe determinado. Neste caso é frecuente que o importe inclúa tamén algún tipo de asistencia e para a instalación e/ou mantemento del. A diferenza co software privativo é que, unha vez pagado, poderemos empregalo tantas veces como desexemos ou distribuírllo libremente aos nosos amigos ou mesmo cobrar por el, sempre que manteñamos a mesma licenza.
É o mesmo freeware e shareware que software libre?

Freeware é aquel software que se distribúe de xeito gratuíto, normalmente para uso individual e non comercial. A diferenza do software libre, non adoita incluír o código fonte, nin permite modificalo, nin adaptalo. Por exemplo, Acrobat Reader de Adobe.

Shareware é moi semellante ao freeware, pero logo dun tempo cómpre pagar unha taxa pola súa utilización despois do período de proba, ou para obter acceso a todas as características do software. Tampouco inclúe o código fonte, nin lle outorga ningunha liberdade ao usuario, máis alá de empregalo para fins non comerciais. Por exemplo, WinZip.

Ten dono o software libre? Quen ten os dereitos de autor?

O software libre (SwL ou SL) , do mesmo xeito que o software privativo, pertence ao seu creador, que é titular dunha serie de dereitos morais e patrimoniais sobre a obra (copyright). Estes dereitos son automáticos, non é necesario facer ningún tipo de rexistro.

Os dereitos morais permítenlle ao autor reivindicar a autoría da súa obra, e xestionar a súa divulgación, opoñerse á súa deformación, mantela inédita, autorizar a terceiros para terminar a obra inconclusa, etc.

Os dereitos patrimoniais son aqueles que lle permiten ao autor ou titular dos dereitos explotar comercialmente a súa obra. Estes son os dereitos de reprodución, transformación, distribución ou posta a disposición e publicación da obra.

No contrato de licenza dun software é onde o titular indica que dereitos lles outorga aos usuarios para servirse da súa obra.

No caso do software libre, neste contrato de licenza especifícase de xeito claro que se lle ceden aos usuarios certos dereitos de uso, modificación, distribución,… o que non quere dicir que o software deixe de pertencer ao seu creador.

Qué é unha licenza de software?

Do latín: licentia – Permiso para facer algo.

Un software réxese por licenzas, é dicir, en ningún momento un usuario compra un programa ou se converte en propietario del, tan só adquire certos dereitos, aínda que pague por el.
A licenza de software é un contrato, onde se especifica:

  • Como o autor lle cede parte dos seus dereitos ao usuario (copia, modificación, distribución, etc.)
  • En que condicións o usuario pode utilizar o programa informático
  • O ámbito dos dereitos e obrigas asociados.

Ademais, pode sinalar o prazo de duración, o territorio de aplicación e todas as demais cláusulas que o titular do dereito de autor estableza.
A licenza, que pode ser gratuíta ou non, precisa os dereitos concedidos á persoa autorizada e os seus límites de:

  1. Uso
  2. Instalación
  3. Reprodución
  4. Modificación
  5. Copia do software
Que significa copyleft?

O termo copyleft describe un concepto totalmente oposto ao de copyright.

Toda obra realizada baixo copyleft pode ser copiada e/ou distribuída sen ter que pagar un canon ou incumplir unha lei. Así, e nun contorno non legal, o copyleft pode considerarse como oposto ao copyright.

As normas do copyright (dereito de autor), son vistas polos defensores do copyleft como un xeito de restrinxir o dereito de facer e redistribuír copias dun traballo determinado e, deste xeito, parar a libre divulgación do coñecemento.

Un traballo baixo copyleft garántese que se poida usar, modificar e redistribuír, tanto o propio traballo como as versións derivadas del.

Este tipo de licenzas pódense aplicar a unha diversidade de traballos, tales como o software, a literatura, a música e a arte.

Os vocábulos ingleses “right” e “left” significan “dereita” e “esquerda”, respectivamente, o que acentúa a diferenza entre ambos termos.

Que vantaxes ten usar software libre?

O software libre ten certas vantaxes respecto do software privativo. Algunhas delas son máis evidentes para usuarios particulares, outras para empresas e outras para a Administración Pública.

  • Respecto dos estándares. O software libre polo xeral segue fielmente os estándares abertos, o que facilita a interoperabilidade entre distintas organizacións.
  • Económicas
    • Adquisición:
      • de balde: software dispoñíbel para a súa descarga de Internet xa listo para a instalación e uso.
      • previo pagamento: é posible que certo software especializado deba ser mercado, aínda que polo xeral será cun custo inferior ao do software privativo equivalente, coa vantaxe engadida de que esta adquisición pódese afrontar cooperativamente entre varias empresas, asociacións, persoas …
    • Non existen custos de licenza de uso do software, nin relativos ao número de usuarios, nin de equipos, nin de organizacións.
    • Hardware. En moitas ocasións, as novas actualizacións de software privativo precisan ampliacións de hardware pois polo xeral consumen máis recursos. Co software libre, na maioría dos casos, é posíbel obter maior rendemento en equipos con menos recursos.
  • Independencia de fornecedor. O feito de dispoñer do código fonte dá a posibilidade de optar por un provedor distinto ao que desenvolveu ou implantou o software. Isto supón non estar ligado ás condicións de mercado impostas por empresas de software que algunhas veces teñen situacións de monopolio ou de obter mellores ofertas ao existir maior competencia.
  • Continuidade. No software privativo, se o fabricante deixa de fabricar o produto ou cambia as súas funcionalidades porque non son rendíbeis, non temos máis alternativa que aceptar a súa decisión. Co software libre é posíbel que calquera usuario continúe o desenvolvemento do produto de software.
  • Posibilidade de adaptación ou personalización. O acceso ao código fonte posibilita a personalización do software para adaptalo ás necesidades concretas da empresa.
  • Localización. O software libre pode ser facilmente traducido para ofrecer adaptación ao galego, o que non adoita ser frecuente en software privativo.
  • Maior seguridade e fiabilidade. O desenvolvemento en colaboración e de forma pública garante a maior calidade do desenvolvemento. O software é auditado acotío pola comunidade de usuarios. Actualmente GNU/Linux é inmune perante a inmensa maioría de virus informáticos que afectan case con exclusividade aos sistemas Windows.
  • Calidade. O software libre, ao ser de dominio público, está sendo usado e depurado acotío por un gran número de desenvolvedores e usuarios, que engaden e demandan novas funcionalidades.

Pin It on Pinterest