LibreOffice: Paquete de ofimática de Software Libre

lunes, 13 febrero 2017
LibreOffice: Paquete de ofimática de Software Libre


Neste artigo presentamos unha solución para ofimática de Software Libre amplamente coñecida: LibreOffice.

A ofimática é unha necesidade hoxe en día de calquera empresa, independentemente do seu tamaño e do sector ao que pertencen. A capacidade de xerar documentos de texto, traballar con follas de cálculo, mesmo crear pequenas bases de datos ou gráficos ilustrativos é unha necesidade do máis común. Neste artigo afondaremos un pouco máis no que un paquete de ofimática cubre e presentaremos a solución de software libre máis coñecida neste ámbito como é LibreOffice.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Librebit, unha empresa galega que leva tempo ofrecendo diversos servizos asociados a esta solución, como poden ser o de migración dende outros paquetes privativos ou soporte profesional e formación sobre o mesmo, sendo ademais empresa certificada pola The Document Foundation, a entidade responsable do proxecto LibreOffice.

Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Gadiex, unha empresa de distribución de illamento para a construción que apostou por LibreOffice dentro do se plan de migración a solucións de software libre para o seu día a día.

Paquetes ofimáticos

Hai algunhas aplicacións, que cando nos poñemos diante dun ordenador, resultan practicamente imprescindibles. Este pode ser ben o caso dunha suite ofimática. Crear un documento de texto ou traballar cunha folla de cálculo son tarefas moi habituais. Preparar unha pequena presentación, levar un pequeno inventario cunha base de datos, ou mesmo facer un pequeno gráfico son tamén accións habituais para calquera empresa ou para calquera persoa que emprega un ordenador.

Aínda que no mercado atopamos unha solución moi consolidada e cuxo nome nos sae xa por defecto, trátase dunha solución privativa, que aínda que non supón un custo enorme no económico, á larga pode xerar moitos problemas na nosa empresa, xa que os formatos que emprega non son estándar. Iso pode facer por exemplo que de non seguir actualizando a novas versións que sae ao mercado nos atopemos sen soporte para centos ou miles de documentos de todo tipo que temos que manexar.

Por sorte, no mundo do software libre este tipo de solucións avanzaron moito nos últimos anos, e hoxe en día temos propostas como esta de LibreOffice que son unha alternativa viable a calquera outra suite, privativa ou non. A vantaxe de LibreOffice é que traballa con estándares abertos, como é o caso de ODF, polo que nunca teremos problemas coa documentación xerada.

Grazas ao traballo da The Document Foundation, ademais de ter un produto ou solución de software libre madura e que cobre practicamente tódalas necesidades que se poidan ter dunha suite ofimática, temos tamén unha extensa rede de empresas que ofrecen servizos profesionais ao seu redor. Profesionais certificados ademais pola fundación para poder ofrecernos ás nosas empresas soporte profesional, formación ou mesmo migración dende solucións privativas a LibreOffice.

LibreOffice

LibreOffice é unha suite ofimática libre desenvolvida por The Document Foundation e creada no ano 2010 coma un fork de OpenOffice polos principais desenvolvedores da comunidade.

The Document Foundation é unha fundación independente cunha organización baseada na meritocracia e que ten como obxectivo o desenvolvemento e evolución de LibreOffice.

LibreOffice é unha suite ofimática completa que conta cun procesador de textos, folla de cálculo, xestor de base de datos, presentacións, editor de fórmulas matemáticas e programa de debuxo. Permite tamén a conversión directa de calquera documento a formato PDF. É altamente extensible tamén, de xeito moi sinxelo, grazas ao seu mecanismo de extensións, que nos permite incorporarlle novas características ou funcionalidades e tamén patróns de documentos, traducións e correctores tanto ortográficos como gramaticais.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para rematar, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

En caso de ter interese en probar algunha aplicación de software libre sen ter que facer unha instalación propia da mesma, o catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual ofrece varias solucións, ás que se irán engadindo máis co paso do tempo. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Entrevista : Caso de éxito de LibreOffice na empresa Gadiex

Para coñecer máis de preto a solución de mans de algunha empresa que a teña empregado nun entorno real, falamos cunha empresa que implantou esta solución e a está empregando a día de hoxe como parte principal do seu negocio, así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Que necesidades TIC lle levaron a empregar a solución LibreOffice e que ferramentas emprega habitualmente: Writer, Calc, Impress, …?

O custo e cero. Procesador de textos, folla de cálculo, presentacións e base de datos.

Como coñeceu LibreOffice?

A través de Internet.

Cubriu totalmente LibreOffice as súas expectativas e necesidades?

Si.

En caso de que non, que lle faltaría?

O programa de xestión de bases de datos precisa de moito máis desenvolvemento para poder ser utilizado por usuarios non avanzados.

Contratou vostede algún tipo de desenvolvemento para adaptar LibreOffice ás súas necesidades?

Non.

Contratou vostede soporte profesional sobre LibreOffice? Se é así, para que o contratou: Consultaría, Migración, Formación, …?

Contratei a Librebit para poder facer a Migración e a formación dunha forma más segura.

Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de LibreOffice na súa empresa?

Os programas corren mellor xa que non están sobrecargados con ferramentas que non utilizo nin outros software que non quero, e os arquivos resultantes pesan menos.

Recomendaría o uso de LibreOffice a outra empresa?

Si, indubidablemente.

Sabía o que era o Software Libre antes de implantar LibreOffice?

Si, Linux ten sido algo que levo anos intentando instalar e xa fai tres que so traballamos con Linux.

Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?

O importante do software libre é que o diñeiro que investimos en sistemas vai os técnicos de sistemas que traballan no noso fornecedor, e iso permite ter más servizos que antes.

Valorou algunha outra alternativa?

Si, Mac e Windows.

De ser así, que foi o máis determinante á hora de escoller esta e non outra?

O custo de MAC e excesivo para o noso sector e no noso caso non nos aporta nada. Windows e máis barato pero con Linux temos todas as necesidades cubertas temos mais orzamento para adicar a desenvolvementos para a nosa organización.

Entrevista : Opinión de LibreOffice polo provedor galego Librebit

Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos coa empresa galega Librebit que prové servizos sobre LibreOffice e que é ademais empresa certificada pola The Document Foundation. Falamos con eles para coñecer a súa opinión sobre a ferramenta dende o punto máis técnico.

A que tipo de clientes vai dirixido LibreOffice? A que tipo de empresas lles pode ser útil esta solución?

A todos aqueles que empregan ferramentas ofimáticas como procesador de texto, folla de cálculo ou presentacións. É dicir, practicamente á totalidade das empresas.

Como diría que se atopa LibreOffice respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

A solución ofimática é completamente madura, podemos ofrecer soporte técnico de calidade dende Galicia e contacto directo con The Document Foundation para executar proxectos importantes.

Que porcentaxe de casos de uso cobre LibreOffice?

A súa funcionalidade cobre case que o 90% das que se poden obter cunha solución privativa.

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de LibreOffice?

Como mínimo uns 300 euros por cada equipo xa que LibreOffice ten Procesador de Textos, Folla de Cálculo, Presentacións, Debuxo vectorial, Acceso a Bases de datos e Editor de Fórmulas, ademais de permitir almacenamento na nube.

Que vantaxes aporta respecto doutras solucións?

Principalmente a súa madurez e a transparencia no desenvolvemento, participando da comunidade de Software Libre.

Que vantaxes aporta respecto doutras solucións privativas?

A principal é o prezo e o emprego de estándares abertos que permite unha mellor conservación dos datos a longo prazo. Ademais a non dependencia do fornecedor do programa para poder acceder a eses datos dende calquera outra aplicación que empregue o mesmo estándar.

Que servizos ofrece a súa empresa sobre LibreOffice?

Soporte na migración a LibreOffice. Facemos unha Folla de Ruta para indicar os pasos a seguir no proceso de migración. Ademais executamos o proxecto da migración seguindo o Protocolo de Migración a LibreOffice creado por The Document Foundation.

Posúe a súa empresa algunha certificación oficial de LibreOffice? Se é así, que vantaxes ten isto para os seus clientes?

Si, a de Consultor Certificado para Migracións a LibreOffice. Isto permítenos ter maior visibilidade e cubrir a necesidade primordial de moitas entidades de atopar soporte técnico de calidade localmente.

Ten feito algún desenvolvemento personalizado sobre LibreOffice? Liberouno?

O noso traballo céntrase en participar no equipo de QA (Quality Assurance) para facer probas, revisar bugs e axudar aos desenvolvedores no seu traballo.

Canto cre que inflúe nos seus clientes o que LibreOffice sexa Software Libre?

Os clientes aprecian que o custe dos servizos se invirten integramente no desenvolvemento dos seus proxectos sen ter que pagar licencias que non lle aportan nada. Ademais ao empregar estándares abertos, non dependen do fornecedor senón que poden escoller aquel que mellor relación calidade/prezo lles ofreza. É todo un orgullo para nós que os nosos clientes sexan fidelizados con Software Libre.

Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Está bastante atomizado pero en xeral é moi bo a nivel técnico. Fáltanos certa organización e sobre todo saber vendernos mellor.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas PEMES?

Pois xa o comentaramos noutras ocasións. O emprego de documentos ofimáticos baseados en estándares abertos (ODF) dende a administración pública, faría que o resto de entidades que se relacionan con ela tiveran que empregalo, fomentando o uso de ferramentas de Software Libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal