Chamilo LMS: Plataforma de formación en liña con Software Libre

martes, 26 enero 2016
Chamilo LMS: Plataforma de formación en liña con Software Libre

Neste artigo presentamos unha plataforma tecnolóxica de formación en liña con Software Libre: Chamilo LMS.

A formación en liña é cada día máis unha alternativa á formación tradicional, tanto como iniciativa de negocio, como para ofrecer formación dentro dunha empresa. Neste artigo afondaremos un pouco máis nestes temas, presentando unha solución de software libre para a creación de plataformas de teleformación, como é Chamilo LMS.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Contidos Dixitais, unha empresa galega que leva tempo adicada a montar este tipo de plataformas e que está moi implicada no desenvolvemento de Chamilo LMS. Falamos con eles para que nos conten máis sobre esta solución.

Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Emana, unha empresa especializada na formación e coaching que apostou por Chamilo LMS para ofrecer os seus servizos.

Plataformas de formación en liña

As plataformas de formación en liña están a ter un importante auxe nos últimos anos, ben sexa como iniciativa de negocio para ofrecer cursos ou ben para completar a formación dos empregados dentro dunha empresa.

No primeiro caso a potencialidade dos cursos en liña é clara, pódese chegar a moita máis xente grazas a deslocalización xeográfica e tamén a atemporalidade. As novas tecnoloxías fan que cada alumno poda participar nos cursos independentemente de onde se atopa, facelo ao seu ritmo, e aínda así poder participar de sesións de titorización ou cambiar opinións con outros alumnos.

Moitas empresas están apostando tamén por este tipo de formación para os seus empregados, ben sexa para mellorar as súas capacidades ou ben para a formación corporativa. Dende grandes corporacións ou entidades que empregan este tipo de formación para os seus empregados, ata entidades máis pequenas como tendas de roupa por exemplo, que teñan varios puntos de venta e queiran aforrar custos ao non ter que enviar unha persoa a todos eles para dar formación sobre novas campañas.

Chamilo LMS


Chamilo LMS ou Chamilo Learning Management System é un software que permite crear un campus virtual para a impartición de formación en liña ou na modalidade semi-presencial.

É unha solución de software libre que se distribúe baixo a licencia GNU GPL versión 3, impulsada por unha asociación co mesmo nome, que dende 2010 se encarga do seu desenvolvemento.

A filosofía de Chamilo é a de ofrecer unha solución que sexa sobre todo sinxela de usar para calquera tipo de institución ou entidade. A pesar de ser unha ferramenta que conta con apenas 5 anos de vida, máis de 11 millóns de usuarios en todo o mundo confían xa nela para ofrecer os seus cursos.

Chamilo conta cunha rede de provedores oficiais que ofrecen soporte profesional e servizos como a contratación dunha instalación de Chamilo na nube. Entre eles atópase por exemplo a empresa galega Contidos Dixitais, protagonista da nosa entrevista.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Antes de pasar ás entrevistas cos casos de éxito e provedores correspondentes, aproveitamos a ocasión para lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas.

Se vostede é unha empresa do sector TIC e está interesada en dar a coñecer as súas solucións TIC lembrámoslle que ten á súa disposición os servizos do Centro Demostrador TIC de Galicia, no que por exemplo poderá solicitar realizar unha sesión demostradora nas instalacións do centro.

Por outra parte, o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

Se vostede é unha empresa de calquera sector produtivo e ten interese en coñecer solucións tecnolóxicas que cubran as súas necesidades, ten á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas que vostede ou a súa empresa poidan ter e que estean vinculadas coas TIC.

En caso de ter interese en probar PrestaShop sen ter que facer unha instalación propia da mesma, en breve estará dispoñible dentro do catálogo de ferramentas que se poden probar de balde no CDTIC Virtual. Este servizo pon a disposición de empresas e particulares instalacións de ferramentas de Software Libre durante un tempo limitado, co fin de que poidan probar e avaliar se lles encaixan como solución para as súas necesidades.

Finalmente, indicar que poden remitir as súas suxestións de artigos de difusión tecnolóxica sobre solucións libres a través do formulario de contacto do portal mancomún, ou do contacto da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega ou contactando co propio CDTIC.

Entrevistas relacionadas

Entrevista 1: A visión da empresa Emana como usuaria de Chamilo LMS

Para coñecer máis de preto a solución de mans de algunha empresa que teña empregado nun entorno real a solución Chamilo LMS, falamos cunha empresa que implantou esta solución e a está empregando a día de hoxe como parte principal do seu negocio de formación, así coñeceremos de primeira man cales son as súas impresións respecto desta solución.

Como coñeceu Chamilo LMS?

A través da empresa Contidos Dixitais.

Cubriu totalmente Chamilo as súas expectativas e necesidades?

Non todas pero practicamente.

Que lle faltaría?

Mellor deseño no envío de correos electrónicos aos participantes, maior flexibilidade nalgúns temas e mellor deseño na enquisa de avaliación e certificado.

Contratou vostede o desenvolvemento dalgún módulo a medida para adaptar Chamilo ás súas necesidades?

Non.

Elixiu facer unha instalación propia de Chamilo ou está a empregala como servizo na nube?

Como servizo na nube.

Que vantaxe ou vantaxes supuxo a implantación de Chamilo para o seu negocio?

Poder ofrecer cursos en liña coa garantía de que que funcionen.

Recomendaría o uso de Chamilo a outra empresa?

Si.

Sabía o que era o Software Libre antes de implantar Chamilo?

Non.

Tivo algún peso na elección da solución que esta fose Software Libre?

Gústame máis, pero non.

Valorou algunha outra alternativa?

Tiven moodle e wordpress.

Entrevista 2: Opinión de Chamilo LMS polo proveedor galego Contidos Dixitais

Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos coa empresa galega Contidos Dixitais que prové servizos sobre Chamilo LMS. Falamos con eles para coñecer a súa opinión sobre a ferramenta dende o punto máis técnico.

A que tipo de clientes vai dirixido Chamilo? A que tipo de negocio lles pode ser útil esta solución?

Chamilo é un produto dirixido a pemes na súa modalidade starter, medianas empresas na súa modalidade PRO e grandes empresas na súa modalidade Premiun.

Como diría que se atopa Chamilo respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

Chamilo está na súa fase de consolidación. Naceu no ano 2010 e, aínda que contaba con traxectoria baixo outro nome, non é ata esa data que se lanza ao mercado como o produto que hoxe é. Neste sendo estes dous últimos anos supuxeron a consolidación do produto chegando a alcanzar os 11 millóns de usuarios neste 2016.

Que porcentaxe de casos de uso cubre Chamilo?

Chamilo pódese empregar practicamente en calquera eido que precise de formar a empregados ou clientes, como por exemplo: caixas e bancos, empresas de formación, academias, provedores de solucións tecnolóxicas que requiran formar aos seus clientes, etc.

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de Chamilo?

No caso de Chamilo non existe un custe por licenza polo que todo o invertido é dende o minuto un dedicado a servizos. Isto fai que cunha inversión similar á realizada con software privativo, se poda obter una gama de servizos moito máis ampla.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións?

O seu principal punto forte é a sinxeleza de uso, a claridade da súa interface e axilidade do servizo que permite en tan só 4 días contar con un completo campus virtual corporativo.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións privativas?

Maior flexibilidade para integrarse con sistemas xa existentes na empresa e maior rendemento do rozamento investido na solución por tratarse de un pago por servizo en troques de pago por licenza.

Que servizos ofrece a súa empresa sobre Chamilo?

Aloxamento, personalización gráfica, desenvolvementos a medida, integracións con outras aplicacións, formación, asesoramento sobre despregue de proxectos en Chamilo e desenvolvemento de contidos.

Ten desenvolvido algún módulo a medida para Chamilo? Liberouno?

Si, dende a súa fundación contribuímos ao desenvolvemento de diferentes partes do código e mellora de módulos xa existentes. En todos os casos os desenvolvementos foron sempre liberados. Actualmente contamos cun módulo específico para formación homologable polo SEPE que é o único que aínda non está liberado (liberarase entre este ano e o próximo).

Son vostedes provedores oficiais de Chamilo, que vantaxes ten isto para os seus clientes?

Si, sómolo. Para os nosos clientes isto supón unha garantía de calidade e de ética profesional xa que para ser provedores é preciso superar exames, aportar cotas económicas e contribuír de antemán á comunidade. Tamén lles garante que os cambios realizados para eles, estarán integrados nas novas versións de Chamilo e apórtalles valor porque ao ser provedores estamos sempre ao tanto das últimas novidades e contamos con acceso antes que ninguén a novas versión e desenvolvementos así como información privilexiada sobre o proxecto.

Ofrece vostede esta solución como SaaS?

Si.

Pola súa experiencia, os clientes soen preferir unha instalación propia ou usalo como servizo?

Os clientes de pequeno e menor tamaño prefiren externalizar totalmente o servizo para ter un control dos custes e unha boa garantía de servizo. As empresas moi grandes e con necesidades de personalización moi grandes, soen preferir instalacións nos seus servidores.

Canto cre que inflúe nos seus clientes o que Chamilo sexa Software Libre?

Moito. A meirande dos nosos clientes chega a nós porque está a buscar unha solución libre ou porque está a buscar unha segunda alternativa a outro produto libre coa que non están 100% satisfeitos.

Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Creo que goza de bo estado de saúde e que ten un nivel máis que aceptable en comparación con empresas do mesmos sector presentes no territorio español. Creo que ten un desenvolvemento brutal en comparación cos recursos que temos na nosa comunidade.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas PEMES?

Medidas encamiñadas a ofrecer posibilidades de alta conetividade nas zonas periféricas e rurais: asegurar as conexións de alta velocidade no rural. Establecer unha liña de axudas para empresas que se instalen en zonas periféricas (sobrecustes de viaxes, gasolina, transporte, etc).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantenida y publicada en internet por Xunta de Galicia

Atención a la ciudadanía - Accesibilidad - Aviso legal - Mapa del portal