Vreixo González gañou o premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre na edición de 2014, co proxecto
OpenTripPlanner for Android, unha aplicación móbil para planificar rutas.
Vreixo é Santiagués de nacemento, onde viviu ata comezar os seus estudos na Coruña, cidade onde seguiu vivindo co seu primeiro traballo, xusto despois de gañar o premio e participar no
Google Summer of Code. Agora mesmo vive en Madrid nunha ilusionante nova etapa que acaba de comezar.
Que supuxo para ti gañar este premio?
Gañar este premio supuxo un recoñecemento moi importante ao traballo realizado e proporcionoume unha excelente carta de presentación de cara ao mundo laboral.
Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao se redor?
O caso do meu proxecto é algo diferente, xa que collín como base unha aplicación xa comezada e que polo tanto xa tiña algo de comunidade. De todas formas con todo o desenvolvemento a comunidade aumentou moito e viviu un momento de moita expansión, que continuaría uns meses despois. Eu seguín a solventar problemas e dar soporte, e mesmo a día de hoxe estou a traballar nunha nova versión e sigo a manter un servidor para Coruña, con información tamén das bicis de alugueiro, e un para Madrid. Igualmente hai colaboradores externos que seguen a facer contribucións e melloras ocasionais da app.
Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?
Na empresa que traballo actualmente si que se fan desenvolvementos en software libre, como por exemplo a ferramenta interna de xestión e imputacións que está colgada en github. De todas formas non é o negocio principal da empresa. Penso que me axudou o desenvolvemento de software libre de cara á ter un repositorio público no que poder ensinar todo o meu código e así poder mostrar os meus coñecementos.
Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?
Penso que é unha gran oportunidade, xa que no mundo laboral non é aínda demasiado habitual o desenvolvemento con software libre. A experiencia que soe implicar o desenvolvemento libre, de traballo en comunidade, é moi enriquecedora. Ademais é unha gran oportunidade para participar en programas como este premio ou o
Google Summer of Code e outros certames orientados ao software libre.
Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?
Penso que unha labor moi importante é simplemente que animen aos seus alumnos a presentarse, como foi no meu caso que me apuntei gracias a que o meu titor considerou que tiña posibilidades e me propuxo apuntarme.