Sabela Ramos marchou dende Cee a estudar Enxeñaría Informática na Universidade da Coruña, e alí fixo o seu doutoramento, tamén en Informática. Actualmente, adícase á investigación no eido da Computación de Altas Prestacións como Postdoctoral Fellow da ETH Zürich. Ademais, forma parte de varias organizacións e proxectos para promover a diversidade nas TIC e é membro da Xunta Directiva da asociación
La Facultad Invisible.
Que supuxo para ti gañar este premio?
Este premio permitiume dar visibilidade ao meu traballo e puxo en valor o esforzo de colaborar cun proxecto de Software Libre internacional como MPJ Express.
Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao se redor?
O meu proxecto pasou a formar parte de MPJ Express, que xa contaba cunha comunidade de científicos que o utilizan. Durante o meu proxecto de mestrado e a tese de doutoramento, continuei traballando en cousas moi relacionadas pero que pasaron a formar parte dun proxecto interno do grupo de investigación.
Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?
Actualmente traballo na ETH Zürich como investigadora posdoutoral e continúo desenvolvendo e colaborando en ferramentas que se publican como Software Libre. A participación no premio veu motivada polo feito de que o proxecto xa estaba sendo desenvolvido coa idea de ser integrado nun proxecto de Software Libre, pero o feito de ter que presentalo obrigoume a aprender un pouco máis acerca dos diferentes tipos de licenzas e sobre como publicar o software.
Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?
Por sorte, os estudantes actualmente teñen moitas máis ferramentas para achegarse e colaborar con proxectos de Software Libre a través de diversas plataformas online. Eu recomendaríalles, non só que fixesen o PFC con Software Libre, senón que aproveitasen a facilidade que esas ferramentas lles proporcionan para facer as súas achegas a distintos proxectos e publicar os seus traballos. Ademais de pola visibilidade que lles poida dar, e da contribución que poidan facer á comunidade de desenvolvedores, poden aprender moito do intercambio, da experiencia de colaborar en diversos proxectos e do que outra xente aporte ao que eles teñan publicado.
Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?
Como comentaba antes, agora mesmo os estudantes teñen á súa disposición multitude de plataformas que lles permiten aloxar e publicar o seu proxecto con licenza libre. Instaría ao profesorado a que axudase aos estudantes a coñecer estas ferramentas canto antes, que lles informen, e que, en caso de dúbida, acudan a asociacións como o GPUL que teñen ampla experiencia e son facilmente accesibles.