Cal é o obxectivo deste obradoiro?

O obradoiro está enmarcado dentro do curso de verán da USC. O obxectivo global é fomentar a astronomía, a ciencia e a cultura entre os asistentes, pero tamén facer un chamamento de concienciación entorno problema da contaminación lumínica. A miña parte do curso é máis específica e centráse en afondar no Software Libre e a Astronomía.

Dado que moitos dos asistentes descoñecerán o que é o Software Libre, farei unha introdución bastante extensa do que é o tema e das posibilidades que nos brindan as tecnoloxías abertas, concretamente no ámbito da astronomía.
Daquela, a quen vai dirixido este curso?
No curso hai entorno a 35 inscritos. Entre eles cóntanse dende estudantes e profesores da USC, até membros do Instituto Astrofísico de Canarias, da iniciativa Starlight, que é unha organización de referencia no ámbito da loita contra a contaminación lumínica, ou representantes de asociacións de astronomía galegas. Eu espero que a asistencia sexa grande e convido a que todo o mundo participe porque é unha materia moi interesante.
Como xorde a idea de introducir o Software libre nun curso de astronomía?
Iso mesmo pensei eu cando mo propuxeron, pero ten moita lóxica. É todo unha filosofía moi similar. Se che gusta a ciencia e se che gusta o coñecemento en xeral, como non sentirte atraido pola idea do coñecemento libre?. Quizais o máximo representante do coñecemento libre sexa o Software Libre.
Podes introducirnos brevemente nas aplicacións dispoñibles en Software Libre?
Podemos atopar un pouquiño de todo. Quizais as opcións dispoñibles máis interesantes sexan os programas tipo planetario e de cálculo de efemérides, que permiten coñecer o ceo e, se sabes observar, preparar a observación convenientemente. A maiores, aínda que o Software Libre non é exclusivamente Linux, moitos dos programas de astronomía pódense instalar neste sistema operativo. Por iso, no curso, pretendo fomentar tamén a súa instalación.
Avánzasnos algún nome en concreto?
O máis popular, ultimamente é o Stellarium. Trátase dun programa que, en certa medida, é o típico programa de planetario, pero que por outro lado ten como gran diferencia a súa representación realista. É dicir, non representa o ceo cos típicos puntiños para as estrelas, senón que a imaxe é moi realista. Podes incluso meter o horizonte do teu lugar de observación e ver xustamente o que vas atopar pola noite cando saias.
Falando en termos de calidade, en que situación se atopan as aplicacións libres?
Hai moi pouco software privativo que sexa mellor ca algunhas das mellores aplicacións en Software Libre. Con código pechado o programa de referencia é o Starrynight. O seu homólogo en versión libre viría sendo o Celestia e, en canto a calidade, son perfectamente equiparables. Este, en concreto, pode instalarse en calquera sistema operativo, pero ademais hai outros de gran calidade só para sistemas UNIX. Polo que é interesante cambiar de sistema operativo.
En termos de astronomía, dende a USC participades no desenvolvemento ou simplemente sodes usuarios?
Hai xente que estivo na USC e que está desenvolvendo actualmente un traballo de planetario, moi centrado en Linux e con licenza libre, chamado Skynet. Pero, no meu círculo, somos fundamentalmente usuarios. Non obstante colaboramos coas bases de datos dos sitios de observación É dicir, na maioría destes programas precisas especificar as coordenadas do teu lugar de observación. En xeral, son bases de datos grandes pero se alguén quere meter a súa aldea pode facelo.

Pin It on Pinterest

Share This