Como xorde a iniciativa para crear Ghandalf?
A xénese da Asociación débese en gran medida ás inquietudes dos alumnos da primeira edición do Máster en Software Libre de Caixanova, aínda que dous dos fundadores non teñen relación con este. Ao existir unha moi boa relación e alta compenetración entre nós, unha vez rematado o Máster seguimos en contacto a través dunha rolda de correo na que comentabamos a actualidade do Software Libre, intercambiabamos impresións, etc. Pouco tempo despois de iniciala, decidimos que ademais de ser espectadores da realidade, tiñamos a responsabilidade de influír nela mediante o impulso de iniciativas que fornecesen valor tendo o software libre como ADN. A indispensable base anterior, a mestura de coñecemento, as ganas de traballar e unha dose considerable de idealismo foron o caldo de cultivo no cal a chispa achegada por Pablo Sanxiao, o secretario da Asociación, xermolou no que actualmente é GHANDALF.
Con que obxectivos se funda?
Tal como está plasmado nos estatutos da Asociación, o obxectivo xeral enfócase en “Colaborar na construción dunha sociedade do coñecemento baseada nos principios de libre acceso e uso do software e da información”. Este ambicioso obxectivo desagrégase noutros máis concretos como a divulgación da filosofía e as posibilidades do software libre, a promoción das vantaxes que fornece nos eidos de fomento da competitividade e a innovación, o impulso dos estándares libres, etc.
Como idea reitora, podemos dicir que os obxectivos da Asociación gravitan arredor da sensibilización mediante a acción.
Coñeciades a labor que estaban a facer en Galicia outros GGUL?
Dada a natureza da Asociación e mailo perfil técnico dos membros de GHANDALF, practicamente todos nós a maiores de coñecer outros GGULs galegos, tamén tiveramos contacto con algúns deles.
Daquela o grupo constitúese cos alumnos da primeira edición do Máster en Software Libre de Caixanova, pero con coñecemento doutras asociacións, por que decidides crear un grupo novo podendo integrarse en outros xa existentes?
Non todos os membros fundadores de GHANDALF proveñen do Máster, nin se trata dunha Asociación ligada a el. Certamente, este actuou como catalizador, como lugar de encontro da maioría do grupo. Deunos a oportunidade de coñecernos, pero sen dúbida iso é totalmente anecdótico aos efectos de GHANDALF. Por outra banda, cando decidimos comezar a achegar o noso traballo e coñecementos á comunidade de software libre dun xeito coordinado, o primeiro que fixemos foi valorar cal era o mellor xeito de artellar a nosa contribución. Efectivamente, valorouse a integración a título persoal en outras asociacións xa existentes, pero tralo proceso de debate acometido, vimos que tiña sentido crear unha asociación propia. Como dixemos, a maioría do grupo xa nos coñecíamos e levabamos máis dun ano traballando en común, queríamos manter esa dinámica.
Non cres que a proliferación de asociacións pode diminuír a súa capacidade de acción?
A título persoal, a miña impresión é que a existencia dunha pluralidade de asociacións fomenta a consecución dunha pluralidade de obxectivos e o desenvolvemento dunha pluralidade de proxectos. Sendo certo que esta situación provoca eivas de cara á interlocución con outros actores importantes: Administración Pública, asociacións de empresas, ensino, etc -non é o mesmo sentar a falar con N asociacións que sentar a falar cun interlocutor único-, existen medidas que permiten evitar estas eivas e ao abeiro das cales se pode conservar a riqueza que ofrece a pluralidade de asociacións. Unha medida encadrable nesta idea é a creación dunha Federación de GGUL galegos, xa que deste xeito habería un interlocutor único de cara á representación dos diversos GGUL e non se perdería a independencia de operación de cada un deles.
O feito de que a maioría dos promotores procedades dun contexto de formación moi concreto confírelle algunha particularidade a este GGUL? Por exemplo, podería pensarse que quizais ten unha orientación máis pragmática que altruísta...
A controversia Ética versus Pragmática é unha controversia inherentemente ligada ao mundo do software libre dende que este xurdiu. Hai xente á que lle interesa o software libre polo que achega ás liberdades persoais e colectivas, e hai xente á que lle interesa o software libre polas súas capacidades técnicas e virtudes económicas. Ambas posturas son respectables e complementarias.
No caso concreto de GHANDALF, non creo que o ámbito do que provimos a maior parte dos promotores da Asociación nos confira algunha particularidade extra máis aló de que compartimos unha base de coñecemento común, da cal se poden extraer sinerxias.
Que actividades estades a levar a cabo actualmente?
Tendo en conta que estamos formalmente constituídos dende xuño deste ano, de momento non tivemos marxe de manobra suficiente para amosar os resultados das actividades, mais esta situación irá cambiando en breve. Máis aló das actividades puramente internas precisas en toda asociación, eu destacaría fundamentalmente dúas actividades: a tradución do libro “Producing Open Source Software” seguindo os métodos do software libre e a participación nas Xornadas de software libre da Comunidade O Zulo mediante o relatorio “A situación do Software Libre nas Empresas de Galiza”, na cal se analizou a situación do software libre en Galicia nos últimos anos, tentando amosar a tendencia presente tralos datos e contextualizando a situación coa existente no Estado Español, na Unión Europea, e no ámbito internacional.
Que queres dicir con “traducir un libro seguindo os métodos do software libre”?
Entendemos que as metodoloxías e ferramentas usadas no mundo do software libre son innovadoras per se. Un dos intereses da asociación é explorar a súa aplicabilidade noutras áreas de coñecemento e de traballo. Entroncando coa idea anterior, unha área que supón unha das principais barreiras para aproximarse ao software libre, tal como destacan persoeiros como Richard Stallman, é a relativa á falta dun conxunto de documentación (libre e localizada a múltiples idiomas) que dote aos usuarios do coñecemento preciso para introducirse no mundo do software libre. Esta eiva débese en parte á complicación técnica e sistemática inherente á tradución de manuais/libros. Casando unha área de interese de GHANDALF cun problema tanxible, decidimos realizar un experimento cun proxecto de tradución dun libro de referencia no eido do software libre.
A elección do libro non é casual: "Producing Open Source Software", de Karl Fogel, é un dos máis relevantes nesta área. Trata de botar luz sobre a complexidade que ten a xestión de proxectos de software libre. Cabe destacar que contamos co total apoio do autor.
Tratándose dun experimento, está funcionando?
Unha vez rematada a actividade, sacaremos as conclusións oportunas sobre o traballo realizado e veremos se a metodoloxía e as ferramentas empregadas son facilmente exportables a outros ámbitos e se poden axudar na construción dun estándar metodolóxico e sistemático para a tradución de documentación libre. Mais no camiño estamos xa creando riqueza: colaborando con ferramentas de tradución existentes para, por exemplo, facer que funcionen noutros sistemas operativos ou arranxar erros, a mesma tradución do libro, etc.
Adiantando un pouco os resultados, cabe destacar que a principal ferramenta de tradución que se emprega no traballo é o Gtranslator, cuxo principal desenvolvedor/mantedor é Pablo Sanxiao, secretario de GHANDALF. Ao abeiro desta actividade, Francisco Puga, vogal de GHANDALF, adaptou o Gtranslator para que tamén fose completamente funcional en Windows, conseguíndose así que unha das ferramentas básicas da Metodoloxía que estamos a definir poida ser empregada tanto en plataformas libres como na plataforma privativa máis estendida.
Que outros proxectos tedes en mente?
Aínda que a treboada de ideas é abundante, proxectos que teñamos en mente e xa teñan corpo son os relativos á publicación dun conxunto respectable de documentos sobre o software libre ou a colaboración con diversas colectivos en tarefas de formación. Como dicía estamos arrancando, apenas temos uns meses de vida e estes son os primeiros pasos para coller ritmo. O mellor de GHANDALF está por vir.
Roberto Vieito
Roberto Vieito é o presidende de GHANDALF. Ghandalf ANaliza Difunde e ALenta o Floss (GHANDALF) é o nome da nova asociación que soa desde o pasado mes de xuño entre o colectivo de Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre (GGUL).