R. Brenlla: "En Angola sorprendeu que en Galiza tivésemos tantas asociacións traballando polo Sw

Venres, 3 Outubro 2008

Como chega Roberto Brenlla a participar nun evento internacional en Angola?

A historia xurdíu a raiz dunha invitación que tivera eu o ano anterior en Lisboa. Para ese evento fun convidado por Marco Lima, quen, á súa vez, viñera ás xornadas lusófonas do Porriño por invitación de Manuel Hermo de Agnix. Como Marco Lima tamén foi convidado para o evento de Angola, propuxéronlle que levara ao “Soldado do Software Libre en Galiza”, que é como me chaman.

Daquela, para participar nun encontro destas características, basta con ter contactos?

É o principio que está a rexer todo o funcionamento do Software Libre en xeral: a meritocracia. Unha vez que empezas a facer cousas neste ámbito a xente cho vai agradecendo. E así eu xa estiven por todos os recunchos de Galiza, Málaga, Badaxoz, Lisboa… Agora estou esperando un chamamento para ir a Brasil.

A maioría dos sitios que mencionas teñen como elemento común a lusofonía, trátase de mera casualidade ou dun factor máis a ter en conta?

Non, claro que é importante. O tema do galego-portugués chamou especialmente a atención en Angola. Precisamente, eu contando a historia do galego e da lusofonía quixen facer un símil co lema “Teruel existe”. E, así, recordeilles que a lusofonía non é só Portugal, Angola, Brasil e Guinea, senón que Galiza tamén existe. Quixen transmitir que se lembrasen de nós, porque queremos ter as postas abertas porque nos sentimos irmáns deles.

E en canto ao Software Libre?

Fixen unha presentación moi parecida á que xa fixera en Lisboa, comentando o caso de Mancomún, da Rede de Dinamización, o Observatorio da Sociedade da Información e todo o entramado gobernamental, así como tamén do resto da sociedade. Chamoulle a atención que sendo 2,8 millóns de habitantes, case a metade menos que na capital de Angola, Luanda, tivésemos tantas asociacións, cando eles apenas acababan de formalizar unha.

O Software Libre en Angola

En que situación se atopa o Software Libre en Angola?

Angolinux

Está nacente, o cal ten moito mérito tendo en conta que a penetración de internet chega, a nivel de usuario, a un 2% da poboación e que máis dun 11% da poboación é analfabeta.

Realmente faise moi duro falar de Software Libre cando, coa pirámide de necesidades de Maslow diante, aínda hai moitas outras necesidades básicas por cubrir. Pero Angola é un país riquísimo en recursos naturais e agora, rematada a guerra, estanse abrindo moitas esperanzas.

Con que propósito se promove daquela unha conferencia de Software Libre?

Están na tesitura de dicir “xa que estamos comezando imos comezar ben”. Porque o problema que se lles presenta, como sucede en moitos países que están abríndose ao mundo, é que cometen o erro de coller de referencia ás grandes multinacionais, que son as que teñen gran capacidade comercial para convencelos. Están expostos a moita tecnoloxía foránea, por iso na facultade de informática de Luanda, están tomando medidas neste camiño.

Que tipo de medidas?

Levan adiante iniciativas, que aínda que nós non compartimos ao 100%, si encaixan mellor a o caso de Estremadura, por exemplo, desenvolven o Angolinux. O Angolinux é unha distro creada para toda a sociedade. Ten como símbolo unha palanca negra (unha especie de cabra) e está feita en colaboración con Mandriva. Concretamente Ariel Frozza, un consultor brasileiro de Mandriva, estaba asesorando na personalización da mesma.

Falas de non compartir iniciativas como o Angolinux, non obstante ti fuches o promotor dunha distro destas características.

"Eu defendín no seu día unha distro para o pobo, enfriada a miña involucración persoal vexo ben que se aposte só por localizar"

Defendín no seu día unha distro que cheguei a chamar "GNU/Linux para o pobo", de aí naceu AGNIX, da que xurdiu á súa vez AGNIX. Defendimos iso tentando chamar a atención de quen nos goberna, enfatizando na liberdade, independecia ou economía. Tamén para crear comunidade, de feito cinco asociacións apoiaron facer a distro colaborativamente, mais non foi adiante porque entraron en competencia outros axentes. Agora enfriada a involucración persoal que tiña no asunto, realmente vexo moi ben que non se aposte por ningunha distro e que, pola contra, se aposte pola localización. Isto serve para que cada empresa, cada consellaría… empregue a distro que máis lle conveña pero en galego, precisamente porque está sendo incentivada polo goberno.

Falando de goberno, conta o Software Libre en Angola co respaldo das autoridades competentes?

Co goberno e con importantes patrocinadores como Unitec, bancos, Solagal… En fin, empresas potentes que xa estaban respaldando o primeiro proxecto e que están tomando cartas no asunto para o seguinte.

Cos datos de analfabetismo dos que nos falabas antes, como se chegan a masificar estes proxectos?

Son proxectos en fase prematura. Pero precisamente nese sentido, dado o baixo índice de penetración de tecnoloxía que teñen nos fogares, tamén desenvolveron o Aden. Trátase dunha distro para os cibercafés e ten máis saídas xa que é máis facil atoparte cun cibercafé, cun locutorio de telefonía ca internet na casa. Esta distro está sendo utilizada en mais de 60 centros en 13 países de África. Son todo ideas incipientes, pero non por iso deixan de ser ambiciosas. De feito, este foro terá continuidade no tempo, posto que xa teñen garantido o orzamento para a seguinte edición.

Pero, quen pode ir a un cibercafé en Angola?

Claro, ten que ser xente que xa saiba que é un computador ou aprender doutro que estea alí, sendo instruída de boca en boca. Pero, nese sentido, eu xunto a algúns socios da asociación angolana, estamos a traballar man con man para presentar ao goberno angolano, entre outros, un proxecto que eles chaman de "masificación", para tratar precisamente de ampliar a repercusión do proxecto. Temos que facelo dende a perspectiva da experiencia galega xunto con outras experiencias que temos no estado español ou en Brasil, coa idea dos telecentros. Este é xustamente un bo foco de alfabetización dixital para que a xente, tendo uns centros públicos onde poidan acceder a internet, entren en contacto co que son as tecnoloxías.

O Software Libre en Galiza, referente en todo o mundo

Podemos considerar a Galiza como un referente?

Si, xa o é a nivel europeo. A xente de Angola coa que estiven falando: o reitor da universidade, a xente do goberno… estaba máis interesada, por exemplo, polo caso galego que polo caso brasileiro.

"A xente de Angola estaba máis interesada polo caso galego que polo brasileiro"

Que foi o se fixo ben?

Por exemplo, non ter unha distro como Angolinux, senón preocuparnos de localizar e de que a localización servise para calquera distro. Ter incentivos en axudas económicas de cara a incentivos de implantación das novas tecnoloxías nas empresas diferenciadas, cun plus do 10% se empregas tecnoloxías libre fronte a tecnoloxías privativas… A Rede de Dinamización cos seus erros e os seus acertos. Hai moitas cousas que a Xunta está facendo moi ben.

Por todo o que contas, vexo que a túa intervención en Angola deu moito de si.

Participei en dúas palestras. A primeira delas foi de achegamento ao Software Libre, que é a que emprego aquí de iniciación. E gustoulles moito, tanto é así que xente do goberno que estaba asistindo á palestra me comentaron que lles resultara moi aclaratoria. Hai que ter en conta que dende o punto de vista dun dirixente aínda non saben por qué deben apostar polo Software Libre.

Como se consegue introducir á xente no mundo das tecnoloxías abertas?

Trato que a xente medite e se sensibilice. Por exemplo, gústame falar de casos prácticos con paises do terceiro mundo que precisamente están apostando por estas tecnoloxías, Por exemplo Brasil estaba exportando divisas ao estranxeiro da orde de 1500 millóns de dolares no ano 2000, con só o 4% do software legal. Foi xusto nesa época cando entrou Lula, que traía debaixo do brazo o paquete Fame cero, cun orzamento de 500 millóns en materia de Software Libre. É dicir, até tres programas daba a cantidade de divisas que estaban exportando. E aínda por riba estaban xerando riqueza intelectual, emprego endóxeno… Tamén comentei cousas de interese como é o da seguridade. Resulta que moitas veces os gobernos apostan por tecnoloxías que logo teñen espías autorizadas pola propia nación que está exportando esa tecnoloxía.

Ou tamén o tema dos estándares, que o entenderon rapidamente co exemplo que puxen da alimentación do portátil. Xa que empregamos estándares non precisei dun adaptador para a alimentación. Sensibiliceinos moito dicindo que no ensino, utilizando estas tecnoloxías, estanse xerando unha serie de "viciados". Todo isto xerou moito debate, porque tamén había entre o público xentes non precisamente de brazos abertos a aceptar isto do Software Libre.

Quen asistiu a este foro?

Alumnado da universidade, xente do goberno e xentes que están traballando en Angola como técnicos, consultores de software privativo… e que querían saber que era o que estaba pasando para ver por que Angola estaba meténdose nisto do software libre. Eles querían defender os seus intereses.

Na túa opinión, por que ten tanta relevancia o Software Libre en países en pleno desenvolvemento?

Porque xustamente non estás xerando viciados. Cos viciados do software privativo, tes que facer máis esforzos: convencer, desintoxicar, e aprender un novo xeito de facer as cousas. En Angola non teñen este problema porque o que vaias labrar valo labrar dende cero e iso é unha gran oportunidade. Tendo en conta que aínda están cubrindo as súas necesidades básicas: comida, salubridade da auga… , pero hai que atacar por outros frontes, non podes ensinar simplemente a dar de comer hai tamén que ensinar a ser autónomos.

"Non podes ensinar simplemente a dar de comer, hai tamén que ensinar a ser autónomos"

Supoño a este respecto tamén contribúe as maiores posibilidades de localización do Software Libre…

Claro. Ademais eles poden xogar con que o angolano está entre o portugués de Portugal e o do Brasil. Tendo en conta que están nunha sociedade cun alto nivel de analfabetismo, e os que están instruídos probablemente estean nun nivel moi básico, pois está moi ben o de aproveitar as cousas que xa están feitas. Despois claro que terán que personalizar ao angolano. Eu mesmo comentei, durante a segunda palestra, a sensibilidade que ten a sociedade lusa de tratar de defender o galego para que deixe de ser minorizado.

Concretamente, sobre que versou a túa segunda palestra?

Falei de iniciativas varias: Galego 21, Trasno, Ciberirmandade da Fala… Contei as iniciativas do goberno anterior pagando traducións de software privativo, que cando apareceu o primeiro Service Pack xa houbo que gardar o traballo feito. Entrei no que foi o PEGSI, o que é Mancomún, como naceu, amosei o portal de Mancomún, o Entrans, o directorio de pemes, o movemento asociativo… Ademais falei de Agasol e da miña experiencia coa empresa.

Como se compatibiliza a idea de negocio con Software Libre?

Fantasticamente. A diferencia doutros negocios nos que tes que ir exclusivamente ao interese económico, eu estou a defender algo no que teño fe. Entón resulta moi doado contaxiar comercialmente con tanta confianza. Gustaríame que fixéramos algo que xa está a acontecer no Brasil, pois alí teñen sensibilidade polo que chaman software libre "verde". Isto é, en Brasil premian ás empresas que están contribuíndo e nutrindo á propia comunidade, non só se valora a profesionalidade senón a implicación coa comunidade. Creo que algún día debería ser incentivo por parte dos políticos axudar a esas empresas que están colaborando man con man coa comunidade.

Establecemos un sistema de puntuacións?

Si, si, por que non? É unha forma de devolver o entusiasmo que se está depositando na comunidade.

Presentacións de Roberto Brenlla en Angola:

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal