A que tipo de clientes vai dirixido Zabbix? A que tipo de negocio lles pode ser útil esta solución?

Muutech: Zabbix é unha ferramenta tan potente que poder serlle de utilidade a diferentes tipos de empresa, dende aquelas que teñen a súa infraestrutura TIC externalizada (pero precisan monitorizala) ou aquelas empresas de carácter máis industrial (que poden usala para monitorizar sensores e máquinas) pasando por pequenas empresas que posúen algúns servidores na oficina e dependen doutros servizos TIC para traballar (que poden monitorizarse). ALDABA: Zabbix vai dirixido a clientes de ámbito empresarial de calquera tamaño. É unha solución de tipo “Enterprise” escalable e adaptable a empresas de diferente tamaño, dende as pemes ata as grandes empresas.

Como diría que se atopa Zabbix respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

Muutech: Segundo as nosas comparativas a moi bo nivel. É unha solución madura, empregada por moitas empresas no mundo, moi flexible e estable. O mellor é que segue a evolucionar, mellorando o aspecto gráfico e traballando en novas funcionalidades como a recentemente incorporada sobre monitorización preditiva. ALDABA: A primeira versión de Zabbix data do ano 2001 e Zabbix, como compañía, foi fundada en 2005, polo que o grado de madurez da solución de monitorización é total. Zabbix ten un roadmap de produto que contempla a liberación de novas versións cada 6 meses, onde se inclúen novas funcionalidades para adaptar a ferramenta ós novos requirimentos do mercado.

Que porcentaxe de casos de uso cubre Zabbix?

Muutech: Ó ser tan flexible e personalizable sen necesidade de modificar o código fonte, pódense cubrir practicamente todos os casos de uso e algún máis (pódese usar para monitorizar, por exemplo, prezos en internet ou un índice bolsista). ALDABA: Poderíase dicir que Zabbix cubre o 100% de casos de uso do mercado. Por que? Porque dada a capacidade de integración con equipamento e de desenvolvemento de scripts e código que permite Zabbix, poderíase dicir que todo aquelo que teña IP podería ser monitorizado.

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de Zabbix?

Muutech: É difícil de precisar xa que os distintos fabricantes inclúen os servizos de mantemento no prezo, pero para menos de 150 items -que non servidores- monitorizados, a licenza pode estar entorno a 2000 ou 2500 euros, incluíndo un ano de mantemento. En Muutech, este mantemento custaría uns 1000 euros ao ano variando segundo o uso, incluíndo mellor soporte e funcionalidades, pero non se paga licenza polo software en si. ALDABA: A inversión inicial do custo en licenzas é un “stopper” que fai que moitos clientes non dean o paso para implantar unha ferramenta de monitorización. O aforro en licenzas é un custo moi importante que poderíase estimar nuns 3.000 € para unha empresa media.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións?

Muutech: A existencia dunha gran comunidade e a tremenda flexibilidade e capacidade de personalización. ALDABA: As principais vantaxes de Zabbix poderíanse resumir en:
  • Zabbix mantén todas as vantaxes dunha ferramenta de software libre, pero está soportado por unha empresa (Zabbix SIA) que garante o seu desenvolvemento e funcionalidade, tanto directamente como a través da súa rede de partners.
  • Zabbix permite dispor de niveis de servizo (SLA) contratando soporte de segundo ou terceiro nivel para a apertura de incidentes.
  • Zabbix está baseado nunha BD relacional que permite explotar a información e integralo de forma sinxela con produtos de terceiros ou cos nosos sistemas ou ferramentas.
  • Zabbix é un produto cun roadmap definido (e público).
  • Zabbix posúe unha capacidade de representación gráfica moi potente e nativa.
  • Zabbix permite integrar na súa ferramenta scripts ou ferramentas doutros fabricantes. É dicir, non é unha ferramenta pechada.
  • Zabbix é unha ferramenta cun verdadeiro frontal web de administración. Todo o despegue de monitorizacións e visualización faise dende un sinxelo interface web.

Que vantaxes achega respecto doutras solucións privativas?

Muutech: Non estar atado a un fabricante e ter liberdade para elixir diferentes provedores para adaptar as túas necesidades de uso, así como a capacidade de integración con outras ferramentas de software libre, coma Grafana ou ELK. ALDABA: As ditas no apartado anterior, engadindo a liberación total dos custos de licenzas (tanto para a adquisición como para o mantemento posterior).

Que servizos ofrece a súa empresa sobre Zabbix?

Muutech: Ofertamos servizos de consultaría, instalación, integración, formación, personalización e mantemento e soporte para a ferramenta, así como Zabbix On Cloud, isto é, poder usar a ferramenta instalada nun servidor na nube, sempre actualizado e accesible dende calquera lugar. ALDABA:
  • Implantación e posta en funcionamento de solucións de monitorización baseadas en Zabbix.
  • Servizos de Soporte (correctivo/evolutivo) de Zabbix
  • Servizos de integración e desenvolvemento de ferramentas particulares con Zabbix (por exemplo, para a xeración de informes, para a xestión e diagnóstico de incidentes, etc.)
  • Servizos de Transferencia Tecnolóxica, para que, unha vez implantada a plataforma de monitorización, o propio usuario poida operar o sistema no día a día.

É vostede partner de Zabbix? Que vantaxes ten isto para os seus clientes?

Muutech: Estamos aínda xestionando este tema con Zabbix, pero actualmente non o consideramos vantaxoso xa que eleva moito os prezos para os nosos clientes sen aportar moito máis que publicidade, xa que temos moita experiencia traballando con este software aínda sen ser partners. ALDABA: Somos partner certificado de Zabbix. Isto garante ós clientes que ALDABA dispón dun conxunto de técnicos especialistas certificados, con ampla experiencia na tecnoloxía e que coñecen as últimas actualizacións do produto. Ademais, ALDABA pode prestar servizos de soporte coa capacidade de escalado cara os técnicos especialistas de Zabbix.

Canto cree que inflúe nos seus clientes o que Zabbix sexa Software Libre?

Muutech: Saben que non están atados a un provedor, saben que somos transparentes no que vendemos, teñen toda a información na rede, casos de usos, experiencias doutros usuarios, etc. ALDABA: A decisión de escoller Zabbix é un mix entre:
  • A capacidade de Zabbix
  • O aforro en licenciamento
  • Os numerosos casos de éxito implantados por ALDABA
  Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Muutech: Cremos que é prometedor, hai moito talento, é esperamos contribuír o seu enriquecemento. ALDABA: Está conformado por empresas punteiras e con gran potencial de crecemento.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas PEMES?

Muutech: Pensamos que o camiño é a través de demostracións e de casos de éxito, un pouco na líña do CDTIC, aínda que lle falta chegar a máis empresas. ALDABA: Axudas para os servizos de consultaría, implantación e posta en marcha de ferramentas usando Software Libre.

Pin It on Pinterest

Share This