Entrevista a Amigus:"Temos pensado facer obradoiros de SW Libre para rapaces"

Martes, 29 Maio 2007
Como xurdiu a idea destas xornadas? Que necesidades detectastes?
Pois a idea xurdiu xa hai tempo. Pouco despois de formar a asociación discutimos moito sobre como facer que os veciños das Pontes comezaran a usar Software Libre en xeral e GNU/Linux en particular, pois víamos que na localidade cada vez había máis usuarios de computadores, e poucos coñecían este tipo de software.
A que perfil vos dirixiades e a cantos centros fostes finalmente?
As charlas foron dirixidas a rapaces de 3º e 4º da ESO, pois son a estas idades ás que se comezan a usar os computadores dun xeito habitual. Fomos a cinco centros: ao CPR Nebrija-Pardo Bazán, ao IES Moncho Valcarce, ao CPI Monte Caxado, ao IES Castro da Uz e ao IES Concepción Arenal. Foron un total de 245 alumnos e 22 mestres os que asistiron ás charlas.

Cal era a actitude dos alumnos?
Pois en xeral estiveron moi atentos á explicación. Cando amosamos un GNU/Linux funcionando, ben con vídeos ou ben en ‘vivo’, foi cando se viron máis interesados. E na rolda de preguntas que fixemos ó final das charlas houbo preguntas de todo tipo: dende rapaces que só querían ‘pasar o tempo’ para perder outra clase, ata outros que preguntaban polas XGL, pola instalación, ou ben por xogos baixo GNU/Linux. Pero o mellor de todo foi poder ver que algúns deles están a comezar no mundo do Software Libre cunha participación moi activa.

E a dos profesores?
Todos eles colaboraron moito connosco nas charlas, incluso algún participou na rolda de preguntas con cuestións sobre o OpenOffice.org ou o Firefox.

Charla nun IESComo ves a situación tecnolóxica dos centros desde a vosa experiencia?
Non vimos moito da situación dos centros porque tan só nos centramos no Software Libre. Pero neste aspecto, cando preguntábamos por se alguén estaba a usar algunha aplicación como o Firefox ou o OpenOffice.org, tan só un ou dous rapaces nos dicían que si. Por isto, estamos a pensar en facer algún obradoiro de Software Libre para rapaces centrado en dúas ou tres aplicacións libres para que poidan traballar ‘in situ’ con eles e que vexan que se trata de aplicacións fáciles de usar e coas que poderán acadar os mesmos resultados -se non millores- que con aplicacións comerciais.

A vosa intención é que o traballo que realizastes poda ser reutilizado por outros grupos de usuarios, non?
Si, de feito xa o enviamos á lista de guls de mancomun para que o usen se o precisan e en breve publicarémolo na web de Amigus. Somos poucos e moi atarefados, así que calquera colaboración sempre é benvida, ademais esta é a base do ideario do Software Libre, a colaboración libre.

Cales son os vosos obxectivos como asociación? Que outras actividades tedes pensadas desenvolver este ano?
Como asociación temos dous obxectivos: promover o bo uso da informática entre os nosos conveciños e promover o uso do Software Libre. Para acadar estes obxectivos estamos a traballar en tres ámbitos principalmente:
– A páxina web www.amigus.org, na que estamos a publicar información sobre novas tecnoloxías, informática, Software Libre… e por outra banda información local das Pontes e comarca. Temos nela un rueiro das Pontes, un álbum de fotos, uns foros, unha sección de información de agrupacións musicais, outra sección de deportes, etc.
– As festas informáticas (parties) que facemos tres veces ó ano, e ás que asisten entre 30 e 50 rapaces -e non tan rapaces 🙂 – durante 3 días. Nelas facemos charlas, obradoiros, concursos dos xogos ‘de moda’, e nas dúas últimas estamos a facer as AmiguSoft-Libre.
– Promoción do Software Libre, coas AmiguSoft-Libre, que son xornadas de relatorios e obradoiros sobre Software Libre e que facemos coincidir coas datas das festas informáticas. Tamén con estas charlas en colexios que contamos repetir máis adiante, e outras actividades que estamos a debater na asociación.

Para este ano contamos facer outras dúas festas informáticas e dúas AmiguSoft-Libre, unha no verán, despois das festas locais que cadran a finais de xullo; e outra polo Nadal. Tamén estamos a preparar unha xornada de Software Libre para PEME, pero aínda non temos moito concretado para ela.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal