Analizada a ferramenta toca ver opcións que nos axuden a implantala se non temos os coñecementos necesarios. Por sorte o tecido empresarial galego é rico en opcións no ámbito do software libre, así contactamos coa empresa galega Librebit que prové servizos sobre LibreOffice e que é ademais empresa certificada pola The Document Foundation. Falamos con eles para coñecer a súa opinión sobre a ferramenta dende o punto máis técnico.

A que tipo de clientes vai dirixido LibreOffice? A que tipo de empresas lles pode ser útil esta solución?

A todos aqueles que empregan ferramentas ofimáticas como procesador de texto, folla de cálculo ou presentacións. É dicir, practicamente á totalidade das empresas.

Como diría que se atopa LibreOffice respecto de alternativas privativas en termos de madurez e funcionalidade?

A solución ofimática é completamente madura, podemos ofrecer soporte técnico de calidade dende Galicia e contacto directo con The Document Foundation para executar proxectos importantes.

Que porcentaxe de casos de uso cobre LibreOffice?

A súa funcionalidade cobre case que o 90% das que se poden obter cunha solución privativa.

Canto pode supoñer en aforro de licenzas o emprego de LibreOffice?

Como mínimo uns 300 euros por cada equipo xa que LibreOffice ten Procesador de Textos, Folla de Cálculo, Presentacións, Debuxo vectorial, Acceso a Bases de datos e Editor de Fórmulas, ademais de permitir almacenamento na nube.

Que vantaxes aporta respecto doutras solucións?

Principalmente a súa madurez e a transparencia no desenvolvemento, participando da comunidade de Software Libre.

Que vantaxes aporta respecto doutras solucións privativas?

A principal é o prezo e o emprego de estándares abertos que permite unha mellor conservación dos datos a longo prazo. Ademais a non dependencia do fornecedor do programa para poder acceder a eses datos dende calquera outra aplicación que empregue o mesmo estándar.

Que servizos ofrece a súa empresa sobre LibreOffice?

Soporte na migración a LibreOffice. Facemos unha Folla de Ruta para indicar os pasos a seguir no proceso de migración. Ademais executamos o proxecto da migración seguindo o Protocolo de Migración a LibreOffice creado por The Document Foundation.

Posúe a súa empresa algunha certificación oficial de LibreOffice? Se é así, que vantaxes ten isto para os seus clientes?

Si, a de Consultor Certificado para Migracións a LibreOffice. Isto permítenos ter maior visibilidade e cubrir a necesidade primordial de moitas entidades de atopar soporte técnico de calidade localmente.

Ten feito algún desenvolvemento personalizado sobre LibreOffice? Liberouno?

O noso traballo céntrase en participar no equipo de QA (Quality Assurance) para facer probas, revisar bugs e axudar aos desenvolvedores no seu traballo.

Canto cre que inflúe nos seus clientes o que LibreOffice sexa Software Libre?

Os clientes aprecian que o custe dos servizos se invirten integramente no desenvolvemento dos seus proxectos sen ter que pagar licencias que non lle aportan nada. Ademais ao empregar estándares abertos, non dependen do fornecedor senón que poden escoller aquel que mellor relación calidade/prezo lles ofreza. É todo un orgullo para nós que os nosos clientes sexan fidelizados con Software Libre.

Aproveitando a entrevista queremos saber tamén que opinan as empresas TIC entrevistadas sobre o ecosistema de Software Libre galego:

Que opinión lle merece o tecido TIC galego?

Está bastante atomizado pero en xeral é moi bo a nivel técnico. Fáltanos certa organización e sobre todo saber vendernos mellor.

Na súa opinión, que iniciativas se deberían fomentar dende a administración para o fomento das TIC, e en particular do Software Libre, nas PEMES?

Pois xa o comentaramos noutras ocasións. O emprego de documentos ofimáticos baseados en estándares abertos (ODF) dende a administración pública, faría que o resto de entidades que se relacionan con ela tiveran que empregalo, fomentando o uso de ferramentas de Software Libre.

Pin It on Pinterest

Share This