En total migráronse uns 100 computadores repartidos en distintos departamentos do Concello, tales como Servizos Sociais, Oficina Agraria, Servizos de Obras, Xuventude... e incluso nos de uso público como os da Biblioteca. A iniciativa xurdiu das dúas persoas que integran o departamento informático do Concello. Aproveitando o plan de modernización da rede informática do consistorio, realizado co fin de mellorar a súa seguridade e tratar de implantar de forma paulatina a administración electrónica, promoveron tamén unha migración a software libre. Unha migración que permitirá un aforro considerábel das partidas orzamentarias, xa que presupostando o custo total para o parque informático, a suma era tan alta que non se xustificaba o investimento en software. “Tendo en conta que temos arredor de 100 computadores e o custo da licenza para cada un deles ascende a 400 euros, máis outros 200 euros por cada novo sistema operativo que está a punto de saír, fan un total aproximado de 60.000 euros”, calcula un dos técnicos lalinenses. O proxecto centrarase, polo de agora, na migración ao paquete ofimático OpenOffice.org, pero non se descarta seguir avanzando no futuro, unha vez se constate o bo funcionamento das tecnoloxías libres. “Escollemos comezar por OpenOffice.org porque ofrece a posibilidade de migrar sen dificultade e pola súa facilidade de uso. De momento non erradicaremos do Concello o software privativo porque estamos a ter problemas con algúns programas, por exemplo, co Autocad ou coas bases de datos. Aínda así, estamos buscando alternativas, pero mentres seguiremos empregando o sistema operativo XP como base e o 2003 Server”. O plan leva en marcha desde hai aproximadamente tres meses e está case rematado. O éxito co que parece previsíbel que concluirá radica nunha boa formación das persoas implicadas. Todos os traballadores do Concello de Lalín pasaron pola sala de informática do auditorio onde recibiron un curso de 20 horas de formación en OpenOffice.org para adaptarse á nova ferramenta informática. “Houbo todo tipo de opinións pero, en xeral, foi ben acollido o cambio. De feito a xente asistiu ao curso de formación voluntariamente e sen problemas” O cambio, polo tanto, non será para nada traumático. O Concello estudou adecuadamente os pasos a seguir para a migración de todo o seu parque informático, ademais de contar co apoio técnico dos informáticos do consistorio. “Para facer o cambio decidimos organizar cursos de formación e contamos co apoio do Departamento Informático. Para as dúbidas que xurdan existe unha lista interna de axuda”, opina xa sen problemas Xosé Crespo. O certo é que este político, alleo ao mundo das novas tecnoloxías, xa fala con bastante coñecemento sobre o software libre. “A administración local non está o suficientemente informada ao respecto do software libre. Ademais hai certa confusión coa terminoloxía: software libre, código aberto, que son gratis pero que non o son á vez... Penso que a xente non o ten claro. No caso dos empresarios entendo que teñen coñecemento da existencia do software libre e que, como eles son os que mellor poden coidar da súa empresa, aplicarán o que mellor lles conveña”. Preguntado sobre se a administración, concretamente a Xunta, debería reconducir estas opinións, Crespo opina que “o pago de licencias é un alto desembolso sobre todo para un organismo como a Xunta. Teño constancia de que nalgunhas consellerías xa se está migrando cara a software libre. Haberá que ver os resultados e valoralos. Para isto haberá que chegar aos cidadáns, primeiro, dun xeito informativo dando a coñecer as vantaxes que supón operar con software libre, fomentando o seu uso e, nun segundo estadio axudando á súa difusión a través das canles oficiais”.

Pin It on Pinterest

Share This