Como xurdiu a idea do Magasi CD?
O Magasi xurdiu o ano pasado a raíz do día das letras galega e do Día de Internet como unha actividade un pouco diferente aos habituais actos literarios. Propúxenllo ao departamento e con outra profesora, Mónica García, tiramos para diante e sacamos o Magasi a principios de Xuño. Recompilaba a maior cantidade de Software Libre ou Open Source con licenzas que non dificultase a súa distribución, cun arrinque automático e navegable. Esa idea estaba sacada do proxecto OpenCD, un proxecto que está en inglés. A idea era facer algo similar en galego cando houbese tradución e, no caso de non haber versión galega, poñer a versión en castelán.

Tratamos de meter a maior cantidade de programas e con uso na educación: OpenOfficce.org, Scribus, Firefox, Gimp, InkScape pensando en aplicacións que puidesen ser empregadas na clase ou no traballo polos alumnos e profesores incluíndo unha sección con información do IES Xulián de Magariños e dos dous ciclos formativos que se imparten no centro (Administración de Sistemas Informáticos e Comercio), con ligazóns a institucións educativas e outra sección de ligazóns que tiveran que ver co Software Libre (asociacións de tradución de Software Libre, webs con distros….). Basicamente así era a primeira versión do Magasi.

De que maneira o destes a coñecer?
Repartiuse entre o profesorado e os alumnos do centro. Despois desta primeira versión decidín incluílo na web porque a idea é que se puidese navegar en liña a través del e descargar os programas, ademais de colgar as actualizacións para ter o CD actualizado. Este ano ademais a web pasouse a un xestor de contidos, un WordPress, onde se recollen as actualizacións, hai unha área de descargas e tamén contén o proxecto Rella de titoriais en liña.

Este ano tocaba outra versión para as Letras Galegas, coa mesma filosofía de recompilar Software Libre para Windows, e coa novidade da Sección do Software Educativo: software de aplicación directa nas clases por exemplo para explicar gráficas matemáticas, para traballar as conxugacións verbais, programas de simulación de circuítos eléctricos, programas de asistencia remota para o profesor… Ademais incluíronse máis programas ofimáticos como StickyNotes, para facer posits e incorporáronse novas ligazóns e unha sección de cultura e lingua galega.

A novidade quizais máis importante é que se incluíu unha distribución de Linux pensada para equipos obsoletos, o Puppy Linux ou DSLinux, e que pode arrincar como unha Live CD, dispón de contorno gráfico e ocupa 50 ou 75 megas. Só necesitas uns 32 megas de RAM e cabe perfectamente nun CD.

Cales foron os avances máis notorios da segunda edición do Magasi DVD?
A diferenza co Magasi Mini é que se fai en DVD e cunha distro de Linux digamos normal. Unha Ubuntu un pouco modificada con algún programa a maiores. A distribución está personalizada para que encaixe co menú do Magasi. O interese de meter Linux é que a xente que xa andou con aplicacións libres como OpenOffice.org ou InkScape vexa que o que fai en Windows tamén o pode facer en Linux salvo algunha variante de aspecto gráfico. Usando as mesmas aplicacións o salto dun sistema a outro non debería ser traumático. Ademais incoporaríanse máis ferramentas educativas de matemáticas, lingua, simuladores de laboratorio… Cousas que por espazo no Magasi Mini non caberían. Tamén aumentarán as ligazóns e poderanse importar aos favoritos do Magasi.

Este curso na materia de informática de ESO, o profesor Jorge Porta, repartirá o Magasi DVD e o usará para ensinar Linux e achegar aos rapaces un pouco máis ao software libre. Aproveitando o modo live, se o alumnado non se atreve a instalalo pode usalo na casa sen medo a perder a información que tiña ou deixar o equipo inoperativo.

 

Manuel Regal

 

Manuel Regal no IES Xulián de Magariños 

Software Libre e ensino non universitario 

Cres que a formación en Software Libre é suficiente nos ciclos?
Cando explico un servidor web explico o servidor de Apache e comento que hai alternativas en software propietario pero non temos cartos para pagalas e ademais o máis empregado é o Apache. En cuestión de análise de redes hai alternativas de pago, si, pero en Software Libre hainas, cando menos, iguais. Neste centro, igual que noutros, contratouse o MSDN para ter acceso aos sistemas operativos de Microsoft de xeito legal porque Windows está moi implantado en moitas áreas. Hai unha dualidade que eu penso que é boa.

O Software Libre ten as súas cousas boas pero os rapaces teñen que ter unha formación completa. Quizais o segredo está en que ao mesmo tempo que se lle ensina o que está máis implantado se lle ensinen as alternativas, en moitos casos mellores, e que ao momento de elixir poidan escoller o que máis se adapte ás súas necesidades.

Recentemente na miña materia montáronse Firewalls. Hainos de pago, aplicacións que nós non podemos asumir polo seu custo, pero existen alternativas libres similares en Software Libre ás das grandes compañías de seguridade. Os rapaces aprenden os conceptos e despois ¿cal é o mellor? Iso será unha decisión que tomen na empresa en base ao que precisen.

É o profesorado de ciclos de informática proclive a estes cambios?
Para o profesorado de ciclos e, en xeral, é fundamental a formación. Se ti aprendes a facer algo cun determinado programa a túa tendencia é a usar o mesmo. Ademais seguramente cando te formaron non te explicaron alternativas. O programa no que empezas a formarte gaña a batalla da educación. Eu creo que é como na natureza: terminará sobrevindo o Software Libre ou propietario que sexa bo. Non por ser software privativo é malo nin viceversa.

No departamento de informática do voso centro tedes unha iniciativa para dar formación continua aos vosos antigos alumnos e fomentar a comunidade
É unha das múltiples ideas que nos rondan na cabeza a min e aos compañeiros do instituto. Nós temos aula virtual do centro con Moodle e a idea era aproveitar esa plataforma para im

partir minicursos de formación, comezando polos nosos rapaces do ciclo superior de informática. A idea vén de que os temarios son amplísimos, a tecnoloxía segue a avanzar e ao mellor un rapaz recibe unha formación e cando sae do centro á empresa fáltalle formación nun campo determinado porque xurdíu unha tecnoloxía nova ou porque por razóns de tempo non se lle puido ensinar. Isto soluciónase ofrecendo minicursos virtuais que se poden facer desde casa e contas cunha formación complementaria.

Tamén pode estar orientada ao alumnado de bacharelato cara cousas como retoque fotográfico ou xestión de blogues a través de Gimp ou WordPress que non pretende substituír á materia da ESO de informática senón que serve para que descubran alternativas.

Pagades licenzas de software no IES Xulián de Magariños?
As únicas que pagamos no centro son as do MSDN porque o noso centro non pode investir cartos en comprar licenzas sobre todo cando tes unha alternativa gratuíta. Eses cartos podes gastalos en material ou en implantar computadores nas aulas. Sobre todo é fundamental que as ferramentas que os rapaces empregan en clase poidan usalas na casa. Non ten moito sentido que ti uses un programa de CAD Electrónico no centro que vale uns centos de euros e o rapaz non o pode usar na casa para practicar. Porque se o rapaz quere usalo tense que buscar a vida e piratealo.

Está claro que se non hai alternativa a estes programas debería ser a Consellería ou outra institución educativa quen se fixese cargo do pago desa licenza ou que se empregue un software gratuíto como mínimo semellante ao de pago e o rapaz pode levalo a casa.

Dentro do propio centro tedes implantado o Software Libre?
Depende do computador. Este ano hai que distinguir entre os computadores dos ciclos formativos e os do resto do centro. A Xunta enviou novo material este ano con arrinque dual SuseLinux e XP. Os profesores encargados do departamento de informática encargámonos do mantemento deses equipos e no Windows instalamos o OpenOffice.org, o Firefox, o InkScape, o NVU, o GIMP, o VLC… Todo en Software Libre salvo o antivirus que viña cos equipos e o Nero.

Os programas que se están a instalar son Software Libre ou, en todo caso gratuítos como o Google Earth. O emprego do Linux de arrinque dual é moi escaso, non pola calidade de Suse senón porque están afeitos ao contorno Windows e non sabe manexarse.

Como anécdota o director do centro nunha experiencia de colaboración cun centro de Alemaña veu que os rapaces alemáns usaban o Suse nos computadores e que os comentarios dos profesores dicían que ía moi ben para usalo. Nos ciclos formativos non temos arrinque dual porque nalgunhas materias usamos Windows e noutras Linux así que empregamos discos duros extraíbles ou máquinas virtuais.

O uso de máquinas virtuais está moi ben, e permiten facer prácticas moi interesante, pero no mundo real as máquinas teñen problemas de hardware e de aí os discos extraíbles. Este ano estase a usar Suse, Mandriva e Free BSD para servidores. Estamos a probar Ubuntu pero a elección entre Ubuntu, OpenSuse ou Free BSD é máis gusto persoal ca outra cousas.

Empregades algunha aplicación propietaria dentro do ciclo de informática?
En segundo do ciclo de formación profesional úsase SQL Server para bases de datos que é de Microsoft e pouco máis. Compiladores emprégase DEV C++. No ciclo de comercio emprégase Contaplus e Factura Plus porque supoño que tamén é o que se demanda nas xestorías, e como punto interesante este curso comezouse a formar os rapaces en OpenOffice e recibirán unha introdcción a Linux.

 I.E.S. Xulián de Magariños

A través da web do centro e da súa aula virtual ofrecedes unha serie de servizos a toda a comunidade educativa cóntanos como empezou esta iniciativa
Hai tres anos Mónica García desenvolveu a web do Centro, nese primeiro momento non se decidiu empregar un xestor de contidos, a profesora fixo o mantemento a través da plataforma LAMP da Xunta e ese primeiro ano da web fíxose un grupo de traballo no centro para aqueles profesores interesados no desenvolvemento web. A idea é que cada departamento tivese o seu espazo web para subir material, para poñer as programacións, as novas… O resultado foi que nese primeiro ano foi todo moi ben pero logo todo seguiu moi dependente do traballo desta profesora.

Pouco tempo despois, a profesora Mónica García e o profesor de física e química, Jorge Porta, montaron a Aula Virtual usando a plataforma Moodle. A aula virtual do centro emprégase para varias cousas diferentes, sobre todo, emprégase como complemento ás clases presenciais. Por exemplo tema un, falamos de tal tema, pois no Moodle subimos ligazóns, xogos, vídeos, apuntamentos…

 Aula informática do IES Xulián de Magariños

Aula de informática do I.E.S. Xulián de Magariños 

Que máis usos ten esta aula virtual
Outro uso da aula virtual é que estamos en contacto co grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago de Compostela para identificar prácticas innovadoras en educación empregando as TIC. Ese grupo de traballo na universidade implica ter reunións periódicas e nos propuxemos empregar a plataforma non só como unha ferramenta para cursos senón como un punto de encontra con foros, para subir documentación, cun wiki…

Este ano desenvolveuse tamén un repositorio de ligazóns por seccións relacionados con cada materia sexan ciencias ou humanidades. Así o profesorado pode ir compartindo coñecemento.

Cales son as vantaxes dunha plataforma de teleformación sobre outras alternativas?
A cuestión non é tanto que o profesor sexa un desenvolvedor web como a que as institucións públicas creen repositorios con recursos educativos a disposición de todos e os profesores poidan empregalo na súa docencia. A formación debería encamiñarse a que os docentes saiban manexar ferramentas como Moodle coa que facilmente poden estruturar os contidos das súas materias apoiándose nas TIC e que xa ten feitos e pode organizar dependendo do seu curso. Facer cursos sobre deseño web non leva a n

ada.

Unha vez que sabe o profesor usar unha plataforma web de teleformación coa que pode facer cuestionarios, marcar tarefas, diario de seguimento de prácticas, o seguinte paso sería que empezase a empregar un xestor de contidos para a web do departamento ou do centro porque son ferramentas similares.

A min o Moodle paréceme revolucionario no sentido en que por parte das consellerías investindo cartos en material podes proporcionar ao profesorado un curso modelo; por exemplo, ti es profesor de historia de tal curso, pois tes nese repositorio estes materiais, ti despois o subes ao Moodle do teu instituto e a partir de aí seleccionas e personalizas facendo un curso máis completo.

Que outras iniciativas tedes en marcha no centro?
Este ano puxemos en marcha o PHProjekt para que os profesores de informática poidan indicar as incidencias do centro (por exemplo “o escanner está estropeado”) entón un profesor marca a incidencia e unha vez que se soluciona márcase como resolta e os pasos que se levaron a cabo para solucionala. Quizais para o ano vindeiro podería ser interesante que os centros tivesen en marcha unha plataforma de traballo en grupo que permitiría recibir notificacións, ler o correo da consellería, repositorio de documentos, unha axenda, lista de contactos…

E na web como novidade fixéronse entrevistas na radio, graváronse as entrevistas pero eran 20 ou 30 megas, algo descomunal para colgar aínda que moi interesante. A solución foi facer un podcast con servidores gratuítos e ademais das entrevistas hai cancións dos alumnos e outros contidos, unha especie de mini Youtube.

Unha iniciativa que teño en mente é a de organizar algún tipo de xornada ou minitalleres sobre Software Libre, que despois da experiencia que vivín como ponente invitado no IES Lois Peña Novo de Vilalba, creo que é moi interesante. Máis que interesante creo que podería ser a elaboración dunha revista/boletín sobre Software Libre, onde os redactores fosen rapaces do ciclo de ASI (ou doutros niveis se se animan). Hai que pensar como facelo e a ver como vai a cousa.

No IES estades a levar a cabo unha importante renovación tecnolóxica
No centro comezamos este ano, en gran parte pola implicación da directiva do centro, a levar a cabo un proxecto de, digamos, revolución tecnolóxica e investindo moitos cartos para ter cando menos dúas aulas con vinte computadores de última xeración para os alumnos e un para o profesor, con canón de luz e, cando menos, un computador por departamento. Nas aulas de desdobre onde van un máximo de 10 rapaces estanse a poñer os equipos reciclados para ter, cando menos, un equipo por cada dous alumnos. E a medida que iso se vaia conseguindo iremos metendo computadores nas aulas normais.

Por suposto, os orzamentos son moi limitados e derivar cartos para este tipo de investimentos é un esforzo moi grande para o centro, o que supón que non o podemos facer tan rapidamente como desexamos e de momento logramos ter un equipo por departamento, un aula con equipos novos que enviou a xunta e outra con ‘cascallos’ tecnolóxicos.

Como organizades esta renovación
Imos montar un par de aulas de desdobre usando o equipo do profesor como servidor de terminais para os 4-5 equipos (obsoletos) de alumnado. Probaremos nunha aula a versión servidor de Edubuntu e noutra o sistema TCOS, para ver os resultados desde un punto de vista técnico, e sobre todo e máis importante, se os compañeiros e o alumnado asume con naturalidade o cambio de escritorio, xa que as aplicacións son as mesmas que usan nos equipos con Windows. Se a experiencia é positiva, abriríase unha liña de traballo moi interesante que permitiría ir introducindo equipos nas aulas baseados en Linux. Por suposto, voltamos ó tema dos orzamentos: servidores, equipos cliente, instalación eléctrica e rede, consumo eléctrico, … Fantástico sería poder ter clientes lixeiros ou equipos de baixo consumo (e baixo custe tipo o Everex GreenPC), pero voltamos ó tema dos cartos.

A primeira fase é esa: que os profesores conten con computadores. Neste primeiro trimestre do ano a idea é estender os servizos do departamento de informática a todo o centro. Por exemplo a saída a internet dos alumnos da ESO é directa, nós entendemos que non debe ser así, o profesor debe ser capaz de controlar que ve o rapaz, cando o ve e como. Utilizando un proxy o profesor pode determinar que teña acceso libre, pero con rexistro vendo que estabas na Wikipedia buscando información para un traballo e non lendo o Marca. Tamén se pode restrinxir para que só uses a Wikipedia ou cortar o acceso de internet se non é preciso.

Seguramente montemos un servidor de Moodle interno para ter un respaldo por se acaso. E logo algo que xa está montado noutros centros: os perfís móbiles. Así os alumnos e os profesores terán acceso á súa carpeta e contidos pero ao non haber equipamento informático suficiente non ten sentido.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Pin It on Pinterest

Share This