Segundo explicou nos seus primeiros contactos “quedamos impresionados co traballo de Mancomún e o seu funcionamento”. Hoxe en día, Lucía Morado participa activamente da comunidade galega de tradución de software libre a través da rolda do g11n. Nós aproveitamos a súa presenza nas roldas para afondar no coñecemento do seu traballo e dos centros nos que se inscribe.

Podes explicarnos con máis detalle que é o CNGL e o LRC?

O CNGL é un centro de investigación financiado na súa maior parte polo SFI (Fundación da Ciencia en Irlanda) e por empresas do sector. A súa misión é revolucionar o mundo da localización a través da automatización, a composición e a integración do proceso de localización. Abrangue catro bloques de investigación interrelacionados entre si: tecnoloxías integradas da linguaxe, xestión de contido dixital, nova xeración de localización e arquitectura de sistemas. Destes catro bloques, “a nova xeración de localización” é a sección que se investiga no LRC.

A peculiaridade que ten a localización é que está no medio de dúas áreas tradicionalmente moi afastadas: a informática e a lingüística. Actualmente, tal e como están organizados os plans de estudo actuais, é difícil combinar estas dúas áreas nunha soa persoa. Precisamente o LRC traballa nesta dirección cos estudos de posgrao que ofrece.

Ademais o LRC edita periodicamente o Localisation Focus, que é unha revista especializada sobre temas de localización e as investigacións que xeran os bolseiros do centro.

É así, logo, como remata unha galega estudando os procesos de localización á nosa lingua dende Irlanda?

Eu sempre estiven interesada no mundo da localización. Son licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Salamanca e cursei o Posgrao de Tradución Audiovisual da Universidade Autónoma de Barcelona. Agora traballo nun proxecto internacional no que se fala e se discute a diario a localización a centos de linguas. Neste contexto, a miña investigación céntrase nos estándares de localización, pero non sería coherente non interesarme pola miña lingua materna.

Ademais, é un privilexio facelo dende o que eu considero o mellor centro de estudos de localización do mundo -e creo que único- baixo a supervisión de Reinhard Schäler, unha das figuras máis importantes no mundo da localización.

Por que cres que só se ten estabelecido un centro destas características en Irlanda?

Irlanda converteuse nunha potencia mundial en desenvolvemento de software. Así que non é sorprendente que o mundo da localización estea aquí presente. De todos os xeitos, como xa comentei, este centro estabelece colaboracións por todo o mundo. Poño por caso, o LRC levou a cabo proxectos financiados pola UE, algúns deles foron proxectos de terminoloxía, fluxos de traballo ou formación de profesionais da localización en países en desenvolvemento, en especial a India.

Parece moi interesante, como se consegue entrar a formar parte do equipo do centro?

As ofertas de traballo ou de bolsas de doutoramento que ofrecen o LRC e CNGL publícanse sempre nas súas respectivas páxinas web. Todo aquel que reúna os requisitos do posto en cuestión pode presentar a súa candidatura. A nacionalidade non é ningún impedimento, no meu grupo de traballo hai xente de Paquistán, India, Etiopía, Xapón, Alemaña…

O LRC ofrece dous cursos de posgrao en localización, para aqueles que estean interesados poden atopar a información na seguinte páxina web:

http://www.localisation.ie/education/index.htm.

O obxectivo deste centro, segundo reza a presentación da súa propia web, é “mellorar os procesos de localización a todos os niveis”. Cal cres que son as principais eivas nos procedementos actuais?

Os tres grandes retos nos que traballa o CNGL son: acceso, personalización e volume. Con acceso refírese ao acceso que non todos teñen ás novas tecnoloxías (e á súa correspondente localización), especialmente nos países en desenvolvemento; a personalización refírese á creación de produtos específicos para cada tipo de usuario; e volume refírese á grande cantidade de información que se xera a diario e que é imposíbel de localizar cos sistemas tradicionais.

E estes aspectos deben buscarse en todos os niveis. Por exemplo, o proceso concienciador dos desenvolvedores de software é fundamental. Teñen que ser conscientes das técnicas de internacionalización e aplicalas aos seus produtos dende a súa creación.

Por outra banda, están os estándares de localización. O seu uso permite aos profesionais da localización maior liberdade no seu traballo, xa que non teñen que depender dunha determinada ferramenta para levar a cabo a totalidade do seu traballo ou reutilizalo no futuro. Ademais permiten un intercambio seguro de datos e metadatos. Son especialmente importantes para as linguas minoritarias, xa que lles dan plena liberdade de movemento entre ferramentas.

O LRC é membro de OASIS, que se encarga entre outras cousas do desenvolvemento do estándar XLIFF.

Localización de linguas minorizadas

Falando de linguas minoritarias ou minorizadas, que proxectos está a desenvolver o LRC respecto a estas linguas?

O LRC está a traballar na creación dun portal de localización que poida acoller aos diversos axentes implicados no proceso de localización e que o automatice ao máximo. O portal estará aberto a todo aquel que desexe facer uso del. Este proxecto é de especial importancia non só para as linguas minoritarias como o galego, senón tamén para aquelas linguas que non teñen interese comercial por parte da industria (como é o caso da maioría da linguas africanas e dalgunhas asiáticas).

Irlanda comparte con Galicia unha situación similar con respecto á lingua propia. Ti que es coñecedora das dúas realidades, como percibes o contraste?

Aínda que hai moitos paralelismos entre a situación das dúas linguas, eu creo que hai moitas características que son propias de cada unha e non se poden exportar solucións comúns.

O gaélico é falado habitualmente por un 3% da poboación da república de Irlanda, mais é idioma oficial do estado e da Unión Europea, está presente na educación obrigatoria, nos medios de comunicación e nas institucións. Ao ser un idioma completamente afastado do inglés, ten un carácter bastante opaco para os anglofalantes que non o tiveron como lingua materna.

O galego pola súa contra é falado por un gran sector da poboación (aínda que as últimas estatísticas sexan bastante desesperanzadoras…). É idioma cooficial de Galicia e é usado por medios de comunicación, na educación e nas institucións. As raíces latinas do galego convérteno nun idioma moi transparente para os habitantes do resto do estado español. Este punto, debería ser unha vantaxe para o noso idioma e atraer a máis xente cara ao seu estudo e uso.

Entre os paralelismos entre os dous idiomas hai estudos moi interesantes para os que estivesen interesados. Bernadette O´Rourke está a traballar neste campo.

Estudas o caso da localización de software libre ao galego, na túa opinión que singularidades presenta a comunidade?

Como estou no comezo da miña investigación aínda non podo emitir xuízos ni valoracións. Pero estou gratamente sorprendida con todo o traballo que se está a facer por parte da comunidade. O máis salientábel é o traballo anónimo de todos os voluntarios que están poñendo o seu esforzo a disposición de toda a sociedade. Sen importar dende que organización se leven a cabo, o seu traballo vaise converter na riqueza de todos.

O apoio institucional a este movemento fai que haxa un punto de referencia (Mancomún) que pode organizar parte do traballo e tamén promovelo. Eu creo que o traballo de promoción dos produtos é case tan importante como a súa elaboración. Se conseguimos que se estenda o uso do software libre entre os usuarios, tamén estaremos creando futuros colaboradores. Por regra xeral, o usuario do software libre é un usuario comprometido e “fiel” á causa.

O principal problema que teñen as comunidades de software libre é que o software está mudando continuamente e é tarefa complicada localizalo “a tempo”. Para combater este fenómeno o uso das memorias de tradución e das bases de datos terminolóxicas son moi importantes, xa que aceleran o proceso e aseguran unha maior consistencia nos resultados.

Por outra banda, estou realmente abraiada coa resposta que tiven dos membros da comunidade. Comecei a petar en todas as portas para obter a maior información posíbel para a miña investigación. A resposta que obtiven en todos os casos foi moi positiva dende os propios voluntarios, como de organizacións, membros da comunidade universitaria e tamén empresas privadas. Dende aquí quérolles agradecer toda a súa axuda desinteresada.

O labor de Mancomún

Como soubeches do traballo de Mancomún?

Cando comecei a investigar a localización ao galego foi un dos primeiros referentes que atopei e ao que me levaban a maioría das fontes consultadas. Admiro o voso traballo e espero que poidades continuar co voso labor, independentemente da cor política do Goberno.

Que salientarías do seu labor?

Na miña opinión, a gran virtude de Mancomún é a súa capacidade de traballar como catalizador de todo o que se está a facer no campo do software libre e a súa localización ao galego. Calquera que se queira iniciar nese mundo, independentemente do seu perfil, pode atopar a forma de facelo dentro de Mancomún. O seu carácter institucional é singular e outórgalle gran poder de promoción dos seus resultados.

O manual de localización publicado hai pouco tempo é un material de referencia valiosísimo para todo aquel que queira dedicar o seu tempo libre a colaborar en proxectos de localización.

Non obstante, os vosos estudos están encamiñados tanto á tradución de software libre como privativo. Na túa opinión, existen grandes diferenzas nos procedementos?

Son claramente diferentes. Os procesos de localización de software privativo están condicionados por tres factores: custos, prazos de entrega e control de calidade. Os procesos están firmemente controlados e automatizados ao máximo para obter unha calidade alta, nun tempo mínimo e co menor custo posible. Todos os axentes implicados traballan baixo un gran grao de presión. Ademais, as expectativas dos usuarios de software privativo son moi altas e esixen unha calidade alta.

Polo contrario, en proxectos de localización de software libre os prazos de entrega son máis flexíbeis ou simplemente non existen, os voluntarios non traballan baixo presión, senón que achegan o seu tempo libre. Os controis de calidade son máis difíciles de implementar. Porén, contra o que se poida pensar, o traballo voluntario pode aspirar a ter a mesma calidade que o software privativo. De todos os xeitos, o usuario de software libre é moito máis comprensivo coas imperfeccións e, no canto de queixarse, o que fai é facer públicos os erros (e propoñer solucións) para que sexan modificados en versións posteriores. Os voluntarios non obteñen recompensa económica polo seu labor, mais si moral. A súa motivación é fundamental para que o proceso sexa un éxito.

No caso do software libre tense cuestionado en numerosas ocasións o papel que debe ter cada axente (voluntariado, empresas, Administración…), pero no voso caso traballan conxuntamente todos estes elementos. Como cres que se debe buscar esta harmonía no “ecosistema do software libre”?

Eu son da opinión de que en todo proceso ten que haber algún tipo de control. No caso do software libre alguén ten que desempeñar esa función e coordinar o esforzo común. Cada vez é máis doado a intercomunicación entre os diferentes axentes coa axuda de novas ferramentas de control, foros de discusión, roldas de correo, wikis, etc.

Tamén creo que ten que haber un criterio común polo que os diferentes axentes se deben guiar. Penso que a guía de localización que publicastes é un magnífico exemplo deste elemento.

Mancomún, ademais de co voluntariado, colabora con empresas do tecido empresarial galego. Cres que este modelo ten futuro?

O futuro de Mancomún está nas mans de todos. O traballo que se está a realizar ten que continuar no tempo, porque o software está evolucionando constantemente e sempre haberá algo novo que localizar. Ter un voluntariado constante e motivado é o máis importante.

Creo que o que pode definir o seu futuro é o conseguir que o uso de software libre se estenda entre os usuarios. Cantos máis usuarios se unan ao software libre, máis demanda haberá de contidos e máis xente con ganas de colaborar. Creo que o gran reto do software libre hoxe en día é facerse máis visíbel na sociedade.

Pin It on Pinterest

Share This