Podes explicarnos en que consiste a tecnoloxía Opentrad?

Opentrad é un proxecto de tradución automática baseado na transferencia sintáctica, de código aberto e válido para español, galego, catalán/valenciano e éuscaro. OpenTrad permite traducir textos ou documentos, así como navegar en páxinas web traducindo o seu contido ao mesmo tempo que se navega.

É un consorcio no que funcionan empresas -Eleka Ingeniaritza Linguistikoa S.L., a Fundación Elhuyar e a empresa imaxin|software- e universidades -Universidade do País Vasco, a Universitat d´Alacant , a Universitat Politecnica de Catalunya e a Universidade de Vigo- cun paradigma de Software Libre. A universidade investiga e desenvolve ferramentas, pero somos as empresas os que as adaptamos ao cliente final. Completamos o ciclo, porque o noso traballo sempre volve aos laboratorios de I+D, que neste caso son as universidades.

Como xurdiu este consorcio?

A idea do tradutor xurdiu como un sumatorio de intereses e de necesidades. Había xente que estaba traballando en tecnoloxía lingüística e que tiña moitas ganas de meterse coa tradución automática e por outro lado, estaban as universidades que xa tiñan prototipos de tradución automática e que vían que coa liña de produtos privativos non ía a ningures e que lles interesaba empezar a desenvolver en Software Libre. Falamos entre todos e cunha axuda económica de Industria iniciamos o proxecto.

Pero, xa sen o respaldo deste consorcio, vós destes en continuar desenvolvendo pares. Por que?

Apostamos por desenvolver novos pares de linguas porque hai xente na comunidade á que lle interesa. O caso do portugues-galego , galego-portugues, ou de mellorar o español- portugues son iniciativas totalmente nosas.

Cal é a razón para escoller concretamente esas linguas e non outras?

O noso obxectivo é xerar negocio, e no caso do par galego- portugués existía unha necesidade da que nunca nos decatamos: a relación con Portugal. O mundo lusófono é unha vía de negocio moi clara e a nosa idea era dotar ao empresariado e ás administracións públicas galegas de ferramentas para poder abordar o seu liderado. Temos unha vantaxe competitiva co resto do mundo por falar galego e entender as dúas linguas románicas máis faladas: o español e o portugués. O que fixemos foi poñer dispoñible a tradución automática para que o empresariado galego puidese facer negocio con ambas marxes do Miño e, sobre todo, con Portugal.

O Software Libre como negocio

Como se compatibiliza a idea de negocio co Software Libre?

Nós non vendemos licenzas, senón todos os servizos vencellados a ese software, os cales permiten introducir melloras e adaptalo ás necesidades do cliente.

Pero en ocasións vos teñen reprochado o feito de traballar tanto con tecnoloxías abertas como pechadas en función do interese…

Temos que facer software privativo porque aínda hai clientes que non queren dar o paso ao Software Libre. De todas formas nós acreditamos totalmente esa vía e fómonos adaptando a ela a medida que ía adquirindo maior relevancia. O que non pode ser é que sexan as empresas privadas as que estean apostando máis por esta vía, cando non hai apenas presión cara aos organismos públicos.

"Debería haber unha guía de procedemento que obrigase ás universidades e ás empresas a liberar"

Por que cres que existe ese recelo a abrir o coñecemento?

Eu creo que é por descoñecemento. A día de hoxe hai moita xente que non sabe o que é o Software Libre. Debería habería haber unha guía de procedemento para todos os desenvolvementos que se fixesen en I+D nas universidades e nas empresas que obrigase a liberar. Isto xeraría un efecto vírico: se as universidades liberan, as empresas van mellorar e a liberar tamén.

Localización de software

Imaxin|software traduce software ao galego, cal é o voso papel con respecto a lingua?

Traballamos na lingua que falamos. Non hai ningún acto de heroísmo niso. Os nosos pares lingüísticos están asociados a catro linguas: galego, castelán, portugués e ingles. Obviamente eses desenvolvementos fan que un galego falante poida desenvolverse con normalidade na súa lingua.

En termos de localización de Software, cal é o papel da comunidade e cal o da empresa?

Eu creo que ambas partes son importantísimas. A cuestión é como facer que funcione mellor o binomio e aí cada un ten as súas receitas. No caso do galego hai un problema engadido que é a falta de competencias e de criterios no rexistro culto do idioma. Entón aí a propia velocidade da comunidade fai que moitas veces se perda calidade polo camiño. Se despois as empresas queren revisar ou mellorar a tradución o teñen máis complicado. E o problema é brutal.

"No caso do galego hai un problema engadido que é a falta de competencias e criterios no rexistro culto do idioma"

Non estás sendo demasiado extremista?

A ver, isto pasa en calquera lingua. Eu teño visto traducións do Linex que son nefastas. Pero falando do noso caso, hai que dicir que a terminoloxía non funciona. Por exemplo, unha palabra como cookie pasou por cookie, galleta, testemuña e testemuño en só tres anos. Non hai criterios e non hai un servizo lingüístico que atenda adecuadamente esta comunidade. Porque hai comunidade e, a parte, existe unha efervescencia por traducir, pero non podemos nin debemos estar esperando por criterios que non dan chegado.

Cal cres que é a solución?

Aquí hai dúas estratexias de tradución e ambas son totalmente lexítimas. Alguén deberá decidir cal é a que debemos seguir. E nese senso, creo que Mancomún ten a suficiente lexitimidade e consideración por parte de todos para facelo.

"Mancomún ten a suficiente lexitimidade e consideración por parte de todos para fixar criterios"

Se Mancomún decidise iso, non correriamos o risco de caer nunha excesiva centralización?

Quizais, pero hai que ser un pouco modestos e aceptar que non sabemos de todo. E alguén ten que asumir nalgún momento algún criterio de unificación. Vou poñer un caso concreto, se non hai un corpus de localización con calidade en galego non pode haber outras ferramentas, como por exemplo a tradución automática estatística. Se temos pouco corpus e aínda por riba é heteroxéneo, a onde imos?

E que me dis dos tradutores, quen está capacitado para facelo?

Eu creo que pode traducir calquera persoa, pero cun mínimo de coñecementos. Os nosos equipos de localización se queixan continuamente de como veñen as traducións de exemplos concretos dalgún software. Ese é o outro dos problemas, que todo o mundo pensa que sabe galego e non é así.

Cres que hai que coartar o acceso?

É unha sorte ter tanta xente interesada na localización de software ao galego, pero hai que formala. Hai que conseguir que a xente teña ferramentas para poder ser competente nunha tradución. Isto é máis doado que o establecemento de criterios terminolóxicos. O obxectivo é que os localizadores teñan criterios e ferramentas para ser autónomos sen precisar de organismos públicos superiores.

Daquela volvemos reincidir na pregunta anterior, até que punto ten lexitimidade Mancomún?

Exactamente, pero eses criterios ten que fixalos alguén. Imaxina: se teño unha guía de estilo e teño un algoritmo de como se constrúe a terminoloxía, o proceso se simplifica. Por exemplo, chega un palabra, o primeiro que tes que facer é ver que significa ese termo, despois seguindo as normas da Real Academia tes que harmonizarte fundamentalmente coa terminoloxía portuguesa. Entón, como se di en Portugal, como se di no Brasil? esa palabra entra? pois entra ou non entra. Despois vexo outras linguas, e por onde empezo? polas románicas. Con este proceso ti tes armas para resolver moitas porcentaxes de casos, non che vai resolver todo, pero vaiche resolver moitísimo.

Antes de rematar podes facer unha valoración global do momento no que estamos?

Creo que estamos nun momento interesante na Galiza. Hai unha serie de empresas que están traballando moito para mellorar, para xerar novo emprego e xerar unha marca fóra, coa que comecen a ver que aquí somos capaces de traballar.

Pin It on Pinterest

Share This