José Millán foi o gañador da edición do ano 2012, co proxecto Accesibilidade en aplicacións KDE. Foi dende a súa matriculación no ano 2004 na Facultade de Informática da Coruña cando comezou a súa colaboración co Software Libre, participando na asociación GPUL. Uns anos máis tarde entrou en contacto coa comunidade KDE e comezou a participar no proxecto. Así mesmo, durante unhas prácticas na empresa Igalia traballou na mellora da accesibilidade de WebKit. Tras estas experiencias decidiu realizar a mellora da accesibilidade de KDE como proxecto fin de carreira e participar con ese proxecto no Google Summer of Code e no concurso.

Que supuxo para ti gañar este premio?

Foi en certo sentido un recoñecemento ao traballo realizado durante dous anos en colaboración coa comunidade.

Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao se redor?

Aínda que seguín colaborando durante un tempo, actualmente non colaboro de forma activa coa accesibilidade de KDE. Sigo sen embargo, colaborando con KDE, por exemplo coordinando ao equipo local da Akademy 2015, e sendo membro da directiva da asociación KDE España. O soporte da accesibilidade en KDE e as súas bibliotecas segue a ter un certo soporte, se ben neste momento a actividade na accesibilidade de KDE é un pouco descontinua. Se calquera estudante que estea lendo esta entrevista se anima a traballar na accesibilidade de KDE xa sexa no seu PFC ou por outro motivo ofrézome a axudalo a comezar.

Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?

Neste momento estou a traballar coma desenvolvedor de software na empresa OPENTIA. A maior parte do software que desenvolvo é software libre (principalmente baseados en Odoo e Django). Por suposto que creo que a miña participación do premio me axudou, ao permitirme desenvolverme con soltura nos fluxos de traballo habituais no Software Libre.

Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?

Por suposto que lles recomendaría que o fixesen con Software Libre. Tamén lles recomendaría que o fixesen participando de forma activa nunha comunidade de Software Libre. Pode ser tamén unha boa idea que ademais de participar no concurso participasen simultaneamente noutros programas (coma por exemplo o GSoC). Aconséllolles que participen nas actividades que organizan as asociacións de Software Libre, é unha boa forma de coñecer como funcionan a comunidade, de obter ideas e de aprender tecnoloxías que lles poderán ser moi útiles, xa sexa no PFC ou na súa vida profesional. Quero recordar tamén que aos estudantes que queiran facer un proxecto de Software Libre pero non teñan unha idea clara sobre como orientalo que se poden por en contacto coa xente da comunidade para pedir ideas, por exemplo en KDE España poderemos axudalos a buscar unha idea e mesmo poñelos en contacto con profesores que dirixan o seu proxecto.

Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?

Creo que se pode presentar o concurso coma unha forma de dar difusión ao traballo realizado. Ademais presentaría este concurso coma unha das vantaxes de facer o seu PFC coma Software Libre.

Pin It on Pinterest

Share This