Premio Proxecto Fin de Carreira con SwL

Como xurdiu a iniciativa do Premio? O “Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira (PFC) con Software Libre” xurdiu no ano 2007 para fomentar o coñecemento e a participación dos universitarios galegos no software libre. Hai unha carencia de profesionais cunha alta especialización neste área, e hai tres anos decidimos poñer o noso gran de area para reducir esa falla. Así nacen tanto este concurso como o Máster en Software Libre que organizamos en conxunción coa Universidad Rey Juan Carlos. Quen foron os seus promotores? Aínda que o promotor inicial do Premio é Igalia, dende un primeiro momento contamos coa colaboración tanto das universidades como de Mancomún, que facilitou a súa realización nas dúas edicións anteriores e garante a súa continuidade futura. Nese sentido considerámolo un proxecto conxunto entre todos os axentes. Falades de fomentar o coñecemento e a participación dos universitarios galegos no software libre, pero podedes precisar este obxectivo? Segundo a Unión Europea, no 2010 o 4% do PIB europeo dependerá de servizos relacionados co SwL, polo que neste contexto, a especialización e alta cualificación en SwL serán unha vantaxe competitiva para os universitarios galegos á hora de atopar traballo. Premiando os PFC liberados como software libre pretendemos incentivar a comunidade universitaria galega para que participen activamente nas comunidades de software libre e así que se acheguen a un mercado laboral de futuro. Non é moi arriscado para unha empresa privada promocionar unha iniciativa destas características? Todo o contrario, a promoción desta iniciativa encaixa dentro dos obxectivos sociais que tratamos de promocionar. En Igalia temos tres niveis de compromiso social que rexen as nosas accións: o primeiro con nós mesmos, ofertando unhas condicións de traballo moi boas que nos permitan un bo balance vida/traballo; segundo, cos nosos clientes, aos que lles ofertamos a máxima transparencia e calidade nos proxectos a través de metodoloxías innovadoras de seguimentos destes e selos de calidade que certifican o noso bo facer; un terceiro nivel de compromiso ten que ver co contorno que nos rodea. Nese nivel temos iniciativas como o Máster en Software Libre, a promoción de asociacións empresariais como AGASOL, doazóns do 0,7% da nosa facturación a ONG, etc. Mais, certamente, que nós sexamos o principal promotor desta iniciativa limítanos en canto a que ningún dos estudantes que realiza o PFC con Igalia pode participar nela. Aínda que algúns deles serían dignos merecedores do Premio, para evitar suspicacias sobre as decisións que toma o xurado, limitamos a súa participación. Os estudantes asumen que realizar o seu PFC connosco é premio suficiente. Que valoración facedes das dúas anteriores edicións? Estamos vendo que a calidade dos proxectos presentados aumenta ano a ano. Na anterior edición o xurado tivo serios problemas para elixir o gañador xa que tres dos finalistas merecían ese galardón. De feito, ademais do premio entregouse o accésit e creouse unha mención especial, non prevista ao inicio, de cara a premiar esta calidade. Mais tendo en conta que se presentan uns 300 proxectos anuais susceptíbeis de participar no Premio, o número de participantes é moi baixo. Cremos que isto reflexa a situación de descoñecemento do software libre entre a comunidade universitaria galega. De feito, a última enquisa do ATIC, da USC, reflexa que o 60% dos universitarios da USC non saben o que é o software libre. Isto debería servirnos para reflexionar sobre o impacto que están tendo as medidas de difusión do software libre na universidade. Que perspectivas de participación tedes para esta edición? Esperamos que a 3ª edición desta iniciativa teña unha acollida superior ás anteriores cun crecemento en canto ao número de participantes. Para que así sexa, imos a facer un esforzo de difusión importante durante os meses de setembro e outubro nas facultades, de cara a que coñezan o Premio o maior número posíbel de alumnos. Que se valora na concesión do premio? Segundo as bases un dos aspectos fundamentais é que o traballo repercuta en beneficio para a comunidade, ata que punto pode importarlle isto a unha empresa privada como a vosa? O xurado ten dous criterios fundamentais: a calidade técnica do proxecto e o seu nivel de actividade pública. A calidade na implementación e deseño é importante á hora da avaliación, mais o xurado debe ter en conta principalmente os aspectos específicos que teñen que ver co software libre: qué tipo de licencia escolleu o proxectante e por qué, se utilizou medios públicos para o seu desenvolvemento (forxa, listas de correo, etc), se ten relacións con outros proxectos ou participa dalgún modo noutras comunidades, etc. O noso interese en proxectos que engadan valor a unha comunidade reside na nosa propia esencia como empresa. O software libre non é só unha cuestión de elección de licenza, senón que é tamén un modo desenvolver máis eficiente. Nese sentido, as fronteiras entre empresa e comunidade desdebúxanse cada vez máis e existe unha gran sinerxia entre ambas. Sen ir máis lonxe, os servizos que nós ofrecemos aos nosos clientes están baseados principalmente en ser capaces de interactuar coas comunidades de software libre mellorando certos aspectos do produto que estas desenvolven e integrándoo con outras necesidades dos nosos clientes. Ao final todos gañamos: a comunidade recibe as melloras que nós desenvolvemos e os clientes un produto que encaixa nas súas necesidades. En que medida colabora Mancomún no Premio? Mancomún, como un dos socios do proxecto, colabora en canto á súa difusión. Por outra banda, achega a súa infraestrutura técnica aos proxectos presentados en canto a ferramentas como a Forxa ou listas de correo, na que os participantes do premio teñen que rexistrarse.

Máster de SwL

Igalia tamén promove, xunto coa Universidad Rey Juan Carlos, o Máster de Software Libre, como se xera este proxecto e a posterior colaboración? No ano 2006, e ante a carencia de formación especializada en software libre, presentámoslle á Obra Social de Caixanova un proxecto para a impartición dun Máster en Software Libre. A proposta espertou un alto interese e, de inmediato, puxémonos a traballar na busca de actores do mundo académico que desexasen participar na iniciativa. A primeira opción coa que quixemos contar foi o grupo Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos, que se adscribiron ao proxecto con tan só presentarllo. Avalados tanto polo seu currículo de investigación sobre software libre e participación en proxectos a nivel europeo, como pola súa calidade humana, con persoas que foron fundadores e activos participantes de proxectos como o portal de noticias Barrapunto ou varias comunidades de software libre españolas. Complementando a súa experiencia coa nosa e traendo a relatores externos con recoñecida experiencia en ámbitos específicos, pensamos que podiamos ofertar un programa académico de primeiro nivel. Por outra banda, intentamos contar cunha universidade galega, pero a iniciativa non suscitou interese xa que estaban traballando nos seus programas de posgrao de cara á transformación en Boloña e os títulos propios. Mais é unha porta que aínda temos aberta para as futuras edicións. Con todo isto, e o apoio de Caixanova que asumiu a organización das dúas primeiras edicións, conseguimos ofertar un programa académico de excelencia, combinado con asistencia dos alumnos ao FOSDEM 2008 ou á GUADEC-ES 2009, ofertar as charlas maxistrais de Richard Stallman, Alberto Abella, Marcelo Branco ou Carlos Guerreiro a un prezo asequíbel para un grupo reducido de alumnos. Esta iniciativa está orientada a xerar profesionais para o futuro que poidan redundar no beneficio da propia empresa ou é un negocio en si? Cal é o verdadeiro obxectivo? O noso obxectivo é que o Máster sirva de catalizador da Sociedade do Coñecemento na comunidade galega, xerando accións arredor do Software Libre e mellorando a calidade dun ecosistema xa de por si rico en empresas, asociacións e persoas altamente capacitadas. A día de hoxe, o 100% dos alumnos que cursaron a I edición do Máster teñen un posto laboral onde desempeñan tarefas relacionadas cos coñecementos aprendidos durante o Máster. Case un 40% deles foron contratados directamente por facelo. Noutros casos, ou xogou un punto importante na súa posterior entrada no mundo laboral ou realizalo entraba dentro dos plans de formación da entidade na que tiñan o seu posto. Están en proceso de creación dúas empresas de servizos relacionados co software libre e constituíuse unha asociación de usuarios de Linux. Estiveron en Galicia actores internacionais moi relevantes como Stallman ou Marcelo Branco. Dentro das actividades docentes do máster, liberouse un proxecto de software da Deputación da Coruña e desenvolvéronse estudos sobre a situación do software libre nas PEMES galegas ou sobre a evolución dos diferentes SIX libres; ademais de que existiron varias achegas de relevancia a proxectos de software libre existentes como gtranslator, mailingliststats, etc. Volvemos ao tema de que non hai suficientes profesionais formados en software libre... Nós cremos que non. Existen en Galicia ata catro facultades relacionadas coa ensinanza TIC, que fornecen ás empresas de máis de 200 estudantes altamente cualificados por ano. Porén, non existe educación formal específica en canto a como participar e xestionar proxectos de software libre. Ese é o oco que pretendemos cubrir con este Máster e que nos gustaría que outras iniciativas que impulsamos, como o “Premio ao mellor PFC de Software Libre”, incentiven os universitarios a achegarse a esta área laboral. Fagamos a pregunta á inversa, hai demanda de profesionais en software libre para crear aquí un Máster destas características? Como dicimos, máis de 200 estudantes rematan os seus estudios anualmente nas catro facultades galegas relacionadas coas TIC. Por outra banda, en AGASOL están integradas arredor de 20 empresas que supoñen máis de 150 postos de traballo, ademais doutros emprendedores que están montando as súas empresas sobre servizos de software libre. Os números tanto a nivel universitario como profesional parecen indicar que si hai suficientes candidatos potenciais para cursar o Máster. Os datos que citabamos anteriormente sobre colocación tamén amosan que hai saídas laborais para estes. A Universidad Rey Juan Carlos xa presentou o seu programa haberá unhas semanas, que diferenzas introduce á vosa proposta? Ambos temos participado no deseño das liñas xerais do máster e contidos a tratar. Mais os programas específicos de cada unha das edicións adáptase ao público de cada lugar. O programa da URJC ten unha maior carga lectiva non presencial, a través de ferramentas de educación en liña. No noso caso, debido ao noso maior enfoque en canto a desenvolvemento de software, contamos cunha alta participación de hackers, de relatores expertos en certas tecnoloxías relevantes dentro das comunidades de software libre. Na edición galega, Igalia asume a coordinación e desenvolvemento do 70% das sesións, das cales o 15% teñen relatores externos. Por outra banda, os contidos son presentados en áreas de coñecemento como “Administración e Integración de Sistemas con SwL” ou “Desenvolvemento en contornos desktop/mobile con SwL” de cara á maximizar o aproveitamento que os alumnos poidan facer. Cal é o perfil do estudante que realiza o Máster? O perfil desexado é o dunha persoa con alto nivel técnico e moitas ganas de aprender. Buscamos xente con paixón pola tecnoloxía. A docencia é compatíbel co horario laboral, co cal os participantes do Máster adoitan ser tanto titulados recentes como traballadores en activo. Outro punto de interese é ter coñecementos de inglés: todo o material das sesións entrégase neste idioma e as comunicacións en foros e listas de correo internas tamén, xa que este é o idioma franco das comunidades de software libre. Nas dúas primeiras edicións fixémolo así con moi bos resultados, os alumnos veno como algo normal pasadas as primeiras semanas e axúdalles a integrarse posteriormente en proxectos de software libre. En Galicia tamén existe outro máster vencellado ao software libre: Máster en Consultoría de Software Libre, existe competencia ou complementariedade? Os alumnos do Máster de Software Libre que impulsamos nós están dende o primeiro momento xogando coa tecnoloxía e coas ferramentas, é eminentemente práctico. As nosas metodoloxías de ensinanza beben da máxima “learning by doing”, nas que os profesores teñen o rol de orientar os alumnos máis que o de deslumbralos cos seus coñecementos. Ben sexan administradores de sistemas, desenvolvedores en dispositivos móbiles ou tecnoloxías web, buscamos fomentar a súa autonomía; que sexan capaces de achegar valor á súa empresa e ás comunidades internacionais de relevancia na súa área de especialización. Pola contra, o Máster en Consultoría está enfocado a outro tipo de perfil, complementario ao anterior: desenvolvedores que traballen en consultorías e integradoras de tecnoloxía. Nese sentido, é unha vantaxe competitiva para Galicia que haxa unha oferta formativa tan rica.

Comunidade galega de SwL

Segundo isto, como definiriades a situación da comunidade de software libre en Galicia? Positiva e en crecemento, con diversidade de grupos de usuarios en todo o territorio galego, unha ampla rede de empresas con servizos relacionados co software libre, etc. Mais é certo que é preciso un esforzo pola visibilización e internacionalización de todas estas iniciativas. Poderiamos dicir que Igalia foi pioneira en materia empresarial con SwL en Galicia, como vedes o sector empresarial galego na actualidade? Estamos contentos de como evolucionou o tecido empresarial galego nos últimos anos arredor do software libre. No 2001, cando nace Igalia, o número de empresas que se consideraban de software libre era practicamente cero. No 2007, e grazas ao impulso de varios axentes, entre eles nós mesmos, nace AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre. A día de hoxe, oito anos despois do noso comezo como empresa, a situación é claramente mellor: AGASOL conta con 24 empresas asociadas, que reúnen máis de 150 postos de traballos directos e representan máis 6 millóns de euros en facturación. Aínda que a Asociación é de recente creación, é posíbel observar os primeiros pasos de éxito dentro dela. Están xurdindo sinerxias que lles permiten ás empresas máis pequenas colaborar con outras en proxectos aos que de por si soas non poderían presentarse. En canto á colaboración empresa-comunidade-administración, hai resultados positivos? A día de hoxe existen interlocutores en todos os ámbitos necesarios. Na Administración, a través de Mancomún, as Oficinas de Software Libre nas tres universidades galegas, no contorno empresarial coa presencia de AGASOL e na sociedade cos Grupos Galegos de Usuarios de Software Libre. Todo este potencial de interlocución non existía no 2001, cando iniciamos Igalia. E, se ben é positivo que exista todo este potencial, é preciso un esforzo maior na xeración de relacións entre eles se o que desexamos para Galicia é unha sociedade baseada no coñecemento como actividade económica principal. Podemos consideralo o petróleo do século XXI. Medidas que impulsen e melloren as relacións entre os axentes antes mencionados reverterán en proxectos e iniciativas que aumentarán a participación dos galegos na Sociedade do Coñecemento. Como valorades o papel de Mancomún? A día de hoxe, Mancomún é un actor moi relevante na visibilidade e difusión do software libre na sociedade galega. De todos modos, unha maior implicación da Administración é necesaria xa que é independente de cores políticas, como así o entenderon outras autonomías españolas que apostan por el. A xeración de riqueza e a eficiencia no gasto público pasan hoxe polo software libre. Iniciativas que reforcen o papel de dinamizador que tivo ata hoxe Mancomún serán positivas para a sociedade galega.

Pin It on Pinterest

Share This