Que é hoxe en día Redegal, SL?
A empresa Redegal nace no ano 2004, formada inicialmente por dous socios galegos, Rocío Veiga e máis eu. Na actualidade, no entanto, xa traballan oito persoas en tres campos ben diferenciados: programación de aplicativos, administración de sistemas e creación de contidos en 3D. O 80% dos nosos perfís correspóndese co de enxeñeiros técnicos e superiores en Informática. Todos na súa totalidade pertencentes á Escola Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo.
Por que optastes pola idea de xerar negocio no ámbito do software libre?
Optamos por usar o software libre como servizo. Eramos coñecedores das súas bondades e do seu bo funcionamento, xa que a maioría de nós viñamos empregando este tipo de solucións na nosa etapa universitaria.
Daquela, pensas que se fomenta o suficiente a alternativa do software libre nos programas académicos?
Si, na Escola de Informática na que estudamos a maioría de nós foméntase moito o uso de software libre. No meu caso persoal, concretamente no grupo de seguridade que dirixía o doutor Javier Rodeiro, empregabamos este tipo de ferramentas para o noso traballo diario.
O aplicativo libre Sketcharm
En materia de software libre, un dos vosos principais desenvolvementos é o Sketcharm -un aplicativo de prototipado rápido de armarios en desenvolvemento na Forxa de Mancomún. Como xorde esta iniciativa?
O proxecto desenvolveuse da man do doutor Celso Campos, que é o responsábel e principal programador do aplicativo. Grazas ao Sketcharm fomos elixidos para participar no último SIMO cunha caseta de exposición gratuíta.
Este aplicativo está en constante desenvolvemento. A día de hoxe ten tres versións: unha para tablet pc, outra para PC e por último, a máis novidosa, que é a que necesita un dispositivo con tecnoloxía autoestereoscópica para o seu correcto funcionamento e que lle permite ao usuario visualizar como vai quedar o seu armario en tres dimensións sen a necesidade de gafas nin aparellos externos.
O aplicativo está orientado ao deseño industrial, que repercusión está tendo?
Temos bastantes descargas da primeira versión que subimos á Forxa -tamén dispoñíbel na propia web oficial do proxecto (http://www.sketcharm.com). Ademais, chámanos xente de todos os puntos da península preguntando dúbidas. As consultas proceden, sobre todo, de empresas do sector, pero tamén de particulares que envían correos electrónicos, nos cales nos contan as súas aventuras na creación de armarios para o seu fogar.
Mais o código aínda non está dispoñíbel, que política de liberacións seguides nos vosos desenvolvementos?
Non está dispoñíbel debido a que, como ben dicía anteriormente, as versións son totalmente betas e coñecemos os seus erros. Liberaremos o código no momento que teñamos unha versión estábel. Para isto precisamos dunha comunidade de usuarios que empregue o aplicativo e que indique os erros que teñen que ser corrixidos. Sobre todo ver como vai o seu funcionamento en diferentes configuracións de hardware e software.
Como casan proxectos coma este, de acceso libre e gratuíto, coa idea dun modelo de negocio rendíbel?
No caso concreto deste aplicativo o que pretendemos é vender asistencia técnica, facilitando o seu funcionamento. A idea de xerar negocio con software libre casa, para nós, como facturación de servizos ou, nalgúns casos, como a adaptación dun aplicativo existente ao modelo de negocio do cliente.
O apoio do software libre desde os distintos organismos
Que opinión che merecen as iniciativas que, dende a Administración pública se están a levar a cabo para a promoción das tecnoloxías abertas entre o tecido empresarial galego?
Para empresas coma a miña, teño que centrarme nas axudas autonómicas. Creo que é moi importante que dende a Administración se faciliten este tipo de subvencións para que proxectos como os que nós desenvolvemos teñan financiamento e poidan ver a luz para o uso dos cidadáns ou das empresas. Ademais, o feito de que os nosos clientes tamén poidan acceder a este tipo de axudas é fundamental para que estes busquen adaptar os seus procesos de negocio ás novas tecnoloxías e, consecuentemente, xerar nós unha maior facturación.
Con respecto ao DVD da Peme, creo que é unha forma moi simple de que unha persoa sen coñecementos avanzados poida probar aplicativos que resolven perfectamente as súas inquedanzas como usuario de informática. Algo semellante sucede coas empresas, ás cales se lles permite probar aplicativos complexos de xestión empresarial e valorar a rendibilidade dunha migración paulatina a este tipo de solucións.
Por outra banda, nós empregamos en moitos proxectos o CMS Typo3, en gran medida grazas ao curso de formación que a Dirección Xeral nos ofertou. Isto é, xa estabamos traballando con este xestor de contidos dende novembro de 2007 pero con esta formación puidemos mellorar a curva de aprendizaxe e coñecer toda a súa capacidade. Na actualidade estamos en varios desenvolvementos de tamaño medio empregando este xestor. Tamén temos liberadas todas as extensións creadas por nós, aínda que, por falta de tempo, non puidemos poñernos a documentalas.
Redegal, SL é unha das empresas membro de Agasol, dende a perspectiva desta asociación, cres que as empresas galegas están a adoptar un enfoque correcto na explotación do software libre como negocio?
Penso que dende Agasol estase a facer unha gran labor para o fomento do emprego de software libre a nivel empresarial. No noso caso particular traballamos conxuntamente con outras empresas de Agasol na realización de proxectos e na posta en común de produtos, o que resulta moi enriquecedor.
Con respecto á comercialización, non son quen de valoralo. Pero o que si nos axudou moito a incrementar o volume de negocio cos clientes do sector privado foi o compromiso da Administración coa convocatoria de axudas para que estes puideran mellorar o seu proceso empresarial co emprego de ferramentas TIC abertas.
Logo o problema está en que o consumidor non coñece o que é o software libre e todos os servizos que pode contratar arredor deste?
O cliente final está na maioría dos casos pouco informado do que é o software libre. Nós empregamos o software libre como servizo e sempre intentando que sexa transparente para o cliente. Deste xeito paga pola adaptación do software ou polo servizo que lle proporcionamos empregando estas ferramentas, pero non polo emprego de custosas licenzas.
Cal é o perfil do cliente que solicita estes servizos?
No perfil temos un pouco de todo pero, sobre todo, o sector público. Demanda o emprego deste tipo de ferramentas polo feito de ter coñecido outras administracións que funcionan ben e que os aforros en licenzas son considerábeis.
Recreación virtual en 3D
Outro proxecto que definiriamos de éxito foi a recreación virtual en 3D de parte do casco histórico de Ourense. Cal foi concretamente o traballo desenvolvido?
Este proxecto nace por unha petición que se nos fai dende a Concellería de Turismo do Concello de Ourense.
Era un proxecto moi ambicioso xa que tiñamos unha gran cantidade de edificios e pouco tempo para a súa execución. A iniciativa tivo como máximo responsábel ao doutor Celso Campos da Universidade de Vigo e foi desenvolvido por un equipo de catro persoas e colaboradores nunha marca de tempo de catro meses. Neste espazo levantáronse unha totalidade de 250 edificios modelados en 3D.
Que tiña de innovador este proxecto? Hai que mencionar que mereceu un recoñecemento específico no blog de Google Earth.
O que máis valorou a persoa responsábel do blog foi a calidade dos modelos e a cantidade deles. Atrévome a dicir que no momento da súa publicación era o casco vello de maior número de edificios de toda España e que, en calidade, competía directamente con cidades como Westport ou cidades alemás como Dresden, que tamén teñen presenza en Google Earth. Ademais a visita virtual foi integrada como extensión na plataforma Typo 3. Estas extensións están dispoñíbeis na Forxa de Mancomún.
A iniciativa xurdía da colaboración universidade-empresa-administración . No ámbito do software libre, cres que son posíbeis colaboracións da empresa, por exemplo, co voluntariado?
Dende a nosa empresa, pensamos que sen o traballo voluntario dos programadores de moitos aplicativos que empregamos todos os días sería imposíbel que este software medrase cada día. Queda claro, polo tanto, que é unha realidade na que debemos traballar man a man co voluntariado para a difusión e a produción de novos aplicativos.
Que outros proxectos tedes en marcha no campo das tecnoloxías abertas?
Actualmente estamos traballando nunha plataforma integral para pemes desenvolvida co xestor Typo3. Tamén da man dos doutores Celso Campos e Javier Rodeiro da Escola Superior de Enxeñería informática da Universidade de Vigo estamos no desenvolvemento de aplicativos móbiles e tecnoloxías en 3D.