Iago Veloso rematou os seus estudos de Grao en Enxeñería Informática na UDC no ano 2014, actualmente traballa en Londres e continúa ao fronte do desenvolvemento do software libre RadioCo, o cal foi o seu proxecto de fin de grao e merecedor do segundo premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre. Falamos con el para coñecer a súa experiencia na participación neste premio.

Que supuxo para ti gañar este premio?

Primeiro sinalar que foi un recoñecemento ao esforzo realizado e ás moitas horas invertidas no proxecto. Recibir este premio é de moito agrado, outorgoulle una maior visibilidade ao proxecto achegándoo a comunidade, un dos fins principais dos proxectos de software libre.

Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao seu redor?

Dende o principio tivo unha boa acollida e continúo traballando nel, a comunidade de Cuac FM empezou a usar o proxecto o ano pasado e organiza e asiste a eventos tanto locais como internacionais contando a súa experiencia co programa, polo que o proxecto siga a gañar seguidores. Por outra parte, temos algúns colaboradores na paxina de Github e o proxecto estase a facer mais coñecido. Na actualidade, non só está presente na comunidade de Cuac FM, senón que se está a implantar noutras radios como por exemplo na alemá Radio Corax.

Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?

Actualmente traballo en Global Radio, unha empresa de radio comercial situada en Londres, temos algúns proxectos de código libre aínda que non é a nosa principal orientación. Penso que a participación no concurso axudoume moito a chegar ata aquí, a experiencia de expoñer o traballo en publico diría que foi unha das cousas máis valiosas para min.

Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?

Definitivamente si, facer un proxecto leva moitas horas de traballo, supoño que a todos nos gustaría que este esforzo sirva para algo e liberándoo consegues que outros desenvolvedores poidan contribuír a ou adaptar o teu traballo.

Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?

Penso que é necesario que informen ao alumnado de que o premio existe e lles comuniquen a oportunidade que se lles presenta. Toda a información está en internet incluídos os traballos co seu código e documentación das pasadas edicións, polo que debería ser un incentivo para participar.

Pin It on Pinterest

Share This