Iago Suárez foi o gañador da edición do curso 2014/2015, co proxecto
Ancoweb, unha aplicación web para a análise do comportamento humano en zonas transitadas.
Na actualidade, xa como enxeñeiro informático está actualmente estudando un Máster en Intelixencia Artificial na Universidade Politécnica de Madrid (UPM). Pouquiño a pouco tamén vai dando os seus pequenos pasos no mundo do emprendemento, xunto cun amigo están a lanzar unha nova empresa XOIA Software Development na que desenvolven distintos proxectos, en especial aqueles baseados na tecnoloxía da Realidade Aumentada.
Falamos con Iago para que nos conte as súas impresións sobre o premio, o que supuxo para el e como ve que pode axudar a outros estudantes o presentarse ao mesmo facendo o seu traballo de fin de grado ou máster en software libre.
Que supuxo para ti gañar este premio?
Para min o premio foi un grato recoñecemento ao traballo realizado durante meses en prol da comunidade ademais dunha importante axuda económica para poder vivir en Madrid.
Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao se redor?
Pois o meu proxecto ao que bauticei co nome de ANCOWEB era un portal que permitía a subida dun vídeo para que este fose procesado polo sistema detectando peóns, coches... e analizando o seu comportamento de xeito que se puidese distinguir aqueles obxectos que tivesen un comportamento estraño. A evolución natural que se está a producir é a levar este sistema ao procesamento de vídeos en tempo real. Esta dura tarefa está levándoa a cabo un alumno da Facultade de Informática da Coruña ao cargo do laboratorio VARPA da UDC coa miña colaboración e asesoramento.
Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?
Agora mesmo estou colaborando con varias empresas, entre elas a miña propia, e sen ningunha dúbida o traballo realizado no meu TFG supuxo unha importante axuda ao meu desenvolvemento persoal, o tempo adicado no mundo da análise de vídeo propicioume o interese e a curiosidade precisos para seguir adiante e podo dicir que grazas a eles conseguín unha beca na UPM para traballar neste ámbito aplicado á Realidade Aumentada.
Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?
Dende a miña experiencia recoméndolles a todos os estudantes que publiquen o seu software baixo unha licenza libre, xa que isto supón un impulso á comunidade e ademais posibilita que se poida recoñecer o traballo realizado mediante premios coma este.
Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?
Aos profesores recomendaríalle que tentasen apoiar un pouquiño máis este tipo de iniciativas, pois cando menos no meu caso o descoñecemento dos medios e as plataformas era bastante elevado e creo que non está de mais requirir un pouco de compromiso pola súa parte.