Esperanza naceu en 1990 en Vigo. Gradouse en Belas Artes no ano 2013 e posteriormente completou un Máster en Lóxica e Filosofía da Ciencia. A día de hoxe segue adicándose a aprender e crear.

Actualmente sigo dedicándome a aprender e crear mentres o compaxino con viaxar e con acadar unha remuneración económica xusta polo meu traballo.

O seu proxecto, Abioxénese, acadou o segundo premio na edición do ano 2013, trátase dunha instalación interactiva do ámbito das belas artes, que responde aos movementos do espectador xerando visuais e música segundo ditos movementos.

Que supuxo para ti gañar este premio?

Recibir o premio supuxo un estímulo importante que me axudou tanto anímica como economicamente a seguir investigando e aprendendo nos temas relacionados coa programación e a computación teórica. Ademais, sorprendeume gratamente a acollida e o recoñecemento por parte do xurado, polo feito de vir de Belas Artes e presentar un proxecto un pouco "heterodoxo" con respecto as outras propostas, máis englobadas dentro do ámbito da enxeñaría e a informática.

Como evolucionou o teu proxecto despois do premio? Continuaches traballando nel? Conseguiches crear unha comunidade ao se redor?

O proxecto en si non evolucionou mais aló do estado acadado no momento de presentalo ao concurso. Considerei que xa era algo o suficientemente acabado e que os próximos pasos a seguir debían facerse fóra do proxecto de Abioxénese. Mais, si que é certo a exploración do diálogo entre arte e computación, sobre o que se asentou, seguiu evolucionando e materializándose na forma doutros traballos e colaboracións.

Estás traballando actualmente? En caso afirmativo, ten relación o teu traballo co Software Libre? Cres que a experiencia adquirida na participación no premio che axudou en algo?

Actualmente sigo compaxinando estudos con traballos e prácticas esporádicas no ámbito creativo. Inda que é un mundo no que é moi complicado situarse nunha posición coa que poder chegar a vivir do que un fai, considero que pouco a pouco estou máis cerca de conseguilo. Por suposto, continuo vinculada ao desenvolvemento no ámbito do software libre e intento construír programas sempre baixo licencias de código aberto e con ferramentas libres.

Que lle dirías aos estudantes que están a piques de comezar o seu PFC? Recomendaríaslles que o fixesen con Software Libre?

Diríalles que pensen primeiro naquelas cousas que máis lles gustan, sen estar vinculadas necesariamente de maneira evidente coa informática. Tamén axuda moito observar o que acontece ao noso redor e aprender a ver aquelas zonas do noso entorno que precisan e "piden" novas ideas e impulso para crecer. Penso que con isto é suficiente para esbozar propostas boas e interesantes as que se lle pode dar saída por medio dun proxecto de fin de carreira, que non ten porque quedarse nun mero trámite burocrático para acabar os estudos universitarios. Ademais, recomendaríalles sen dúbida facelo con Software Libre e empaparse da filosofía que o sustenta, pois precisamente as súas bases son o amor polo coñecemento e por compartilo e o estímulo á curiosidade e a aprendizaxe autónoma.

Que lles dirías ao profesorado que fai a titorización dos proxectos para que axudasen aos seus estudantes a participar neste premio?

Continuando un pouco co último parágrafo da resposta anterior. Diríalles que se interesen por estimular as cualidades mencionadas anteriormente como piares do Software Libre e que se preocupen por entender a cada un dos seus alumnos e así poder darse de conta das áreas onde cada un ten un particular interese e/ou destreza para así poder titorizalos de maneira efectiva durante a realización dos traballos de fin de carreira. Penso que todo isto entrelazado con ofrecerlles asesoramento e mostrarlles as ferramentas dispoñibles de software libre e o que se pode facer con elas, ademais de falarlles da existencia deste tipo de iniciativas como este premio, que intentan fomentar o  desenvolvemento en código aberto é mais que suficiente para despertarlles o interese por este ámbito e esta outra maneira de acercarse á programación e a tecnoloxía.

Pin It on Pinterest

Share This