GPUL leva vencellado desde o seu nacemento á universidade pero o seu presidente non cre que as actividades da asociación estean pensadas unicamente para os socios “Algunhas actividades atraen a moito público, e, moitos deles, son exalumnos que xa traballan”. Chema destaca ademais que organizando eventos a través da universidade poden acceder a todo tipo de medios e infraestruturas. Sen embargo, a pesar da boa relación universidade-GPUL, a asociación tamén é crítica cando a UDC non usa o Software Libre o que debese ou cando a burocracia interna dificulta a organización de actividades. Ademais, como afirma Francisco Tsao, GPUL tamén fixo bastante pola universidade no eido do Software Libre.
     
Outra razón pola que quizais GPUL é considerado un grupo universitario é que non soe prodigarse en actividades de introdución e divulgación do Software Libre. Nese sentido Emilio Padrón afirma que as actividades que se levan a cabo son as que propoñen os socios. Gpul é o soporte para que cada socio poda ter un medio para facer o que quere. “Se un quere facer algo sobre robots, outro sobre programación… Algunha vez se ten incluso comprado hardware para proxectos concretos para que os socios podan levar a cabo as súas inquietudes”.     

Actualmente o grupo conta cuns 270 socios dos que aproximadamente uns 50 teñen unha contribución activa e o resto participa de distintos xeitos en actividades puntuais. En grandes eventos como Guademy poden colaborar coa organizacións unhas 30 persoas. A xunta directiva exerce un papel coordinador e trata coa sempre enrevesada burocracia. Proba do prestixio das actividades de GPUL é que socios e non socios que traballan en empresas seguen asistindo aos obradoiros e, incluso, pedindo certificados de asistencia para probar o seu coñecemento en Software Libre. Os temas, tal como confesa o seu presidente, soen ser de carácter técnico. “Tamén temos ás veces charlas sobre licenzas e temas similares. O que pasa é que podes tratar a filosofía do Software Libre mentres das un taller de Debian”, di o seu presidente.

Guademy e DudesConf

Guademy foi un encontro de desenvolvedores dos contornos de escritorio Gnome e KDE do ámbito hispano celebrado na Coruña entre os días 23 e 25 de marzo deste ano. GPUL xa colaborara na organización da II Guadec-ES, reunión de desenvolvedores de Gnome, e dado o éxito da anterior edición querían repetir a experiencia. Juanjo Iglesias recoñece que os desenvolvedores de KDE son minoría dentro de GPUL pero querían ter presenza tamén nun encontro. De aí xurdiu a idea de facer unha reunión conxunta. Esta iniciativa foi pioneira no mundo dos escritorios libres xa que o máis parecido a unha xuntanza deste tipo era a FreeDesktop. Trolltech empresa con gran importancia no contorno KDE patrocinou o evento con mil dólares e a participación de Aaron Seigo, desenvolvedor estrela de KDE. Ademais permitiu que a xente dos dous contornos puidesen coñecerse e naceran interesantes proxectos conxuntos. A organización ofreceu aloxamento gratuíto e subvencionou as comidas. O éxito desta edición levou aos socios a pedir unha nova edición con maior presenza internacional.   

A DudesConf, reunión de desenvolvedores de Debian, foi un acto de carácter máis íntimo. A súa concepción foi anterior á da propia Guademy aínda que se celebrou despois en abril. DudesConf reuniu a máis de 50 persoas procedentes de todo o estado e do estranxeiro con charlas de gran relevancia como a de Steve Langasek, responsable da liberación das versións estables de Debian. Precisamente a súa presenza na Coruña obrigou a adiantar nunha semana o lanzamento da versión desa distribución de GNU/Linux.

O encontro celebrouse no hall da facultade de informática e este ambiente aberto axudou a que a xente se animase a participar. Incluso, como recorda Francisco Tsao, tiveron como convidados inesperados a un grupo de opositores da Universidade da Coruña que realizaron as súas probas coincidindo coa Dudes. Tanto DudesConf como Guademy foron patrocinados pola empresa Igalia e Mancomun.org, no marco do convenio asinado cos grupos de usuarios de GNU/Linux de Galicia.    

Novos retos

 

Juanjo Iglesias, Chema Casanova, Emilio Padróne Francisco Tsaos
 Juanjo Iglesias, Chema Casanova, Emilio Padrón e Francisco Tsao
 
Tamén en abril tiveron lugar as VII Xornadas de Software Libre de GPUL con menos charlas que noutras ocasións por cuestións de tempo e organización. Ademais dende hai anos levan organizando xornadas sobre informática gráfica en Software Libre, tecnoloxías web e un obradoiro sobre criptografía, privacidade e seguridade. Como novidade está a xornada sobre Software Libre para empresas. “O noso obxectivo é achegarlle ás PEME, máis que as grandes empresas que teñen os seus propios departamentos de informática e un maior acceso á información, que existen as alternativas libres coas súas posibilidades e carencias.”

GPUL constitúe tamén unha plataforma de acceso dos socios ao mercado laboral. “Non coñezo a ningún socio sen traballo e case sempre a súa ocupación está relacionada co Software Libre”, di Emilio Padrón.  No horizonte inmediato está a renovación da xunta directiva, en ocasións difícil porque faltan voluntarios para asumir este papel, e consolidar as actividades realizadas até o de agora e asumir a organización dalgunha outra máis ambiciosa.

Quizais como destaca Juanjo Iglesias, un dos vellos soños da asociación sexa un gran proxecto de desenvolvemento realizado polos socios. Un exemplo de iniciativa deste tipo sexa Necromantux: unha distribución GNU/Linux específica destinada principalmente á recuperación e proba de sistemas.

Pin It on Pinterest

Share This