David Cabrero: "A evolución do Software Libre no eido da accesibilidade é tremenda"

Martes, 12 Xuño 2007
David Cabrero no seu despacho

 
En que consiste o proxecto que tedes conveniado con Mancomun.org?
No convenio xa veñen especificadas tres cousas moi concretas. A idea era facer algo non moi ambicioso senón algo concreto con datas concretas. Propuxéronse tres actuacións. Unha delas é un xestor de arrinque para persoas cegas. E cando digo cegas refírome a calquera grao de cegueira: parcial, total, de cor… Aínda que avogamos polo Software Libre non podemos enganarnos e sabemos que en moitas ocasións unha persoa pode ter instalado no seu computador un Windows e un Linux. Necesita un xestor de arrinque que lle permita elixir cando acenda o PC. Se non está adaptado a persoas cegas entón a persoa con deficiencia visual non ten capacidade de elección. Ademais hai opcións que che saen no xestor de arrinque e que son interesante acceder nese momento como arrincar sen modo gráfico ou outras relacionadas con hardware.

Cal é a diferenza cun xestor de arrinque convencional?
Ata o de agora o que hai é exclusivamente visual. Unha persoa cega non pode ver a lista de sistemas operativos e necesita un que sexa por voz. Segundo vas elixindo a tarxeta de son vaiche dicindo cal tes elixido e seleccionas o que queres que arrinque. Non é algo trivial porque o xestor execútase cando non hai nada funcionando: non hai drivers, non hai USB… Xa temos un prototipo así que hai unha base e é cuestión de documentalo e integralo coa distribución para ter a demostración completa. Creo que é especialmente importante documentar para que non sirva só para unha distribución senón que sirva tamén para que calquera outra distro non teña que empezar de cero.

Outro punto do convenio sería a mellora de accesibilidade web para persoas cunha cegueira parcial a través do navegador web Mozilla Firefox?
Na accesibilidade web hai moito que facer. Este proxecto tamén é para persoas cegas a través de lector de pantalla. En febreiro foi a Conferencia Internacional de Software Libre en Badaxoz. Aí contactamos con xente de Línex da Xunta de Estremadura e fixemos para que viñese William Walker que é o principal desenvolvedor de Orca, o lector por defecto de pantallas para Gnome. Falando con el suxeriunos integralo cos novos xestores de fiestras que usan GL para renderizar. O bo que teñen é que o zoom, a parte de magnificación da pantalla, ten unha gran calidade comparado co que había ata agora. El suxería que persoas cun resto visual podían desenvolverse coa pantalla magnificada.

 
A última actuación sería un rato que funcionaría co movemento da cabeza para persoas con problemas de mobilidade…
No caso dunha persoa cun problema de mobilidade coas mans non pode usar ben un rato convencional. As alternativas son switchers, eye tracker ou head trackers. Nós usaremos head trackers que seguen o movemento da cabeza para mover o punteiro na pantalla a diferencia duan rato convencional. Hai varios xeitos de facelo: podes ter un hardware específico que detecta os movementos da cabeza ou podes ter unha cámara que che filma os movementos da cabeza e cun certo software de recoñecemento de imaxes extrae o movemento correspondente.

Outro profesor de aquí dirixiu un proxecto de head tracker e estámonos a basear nese proxecto.  Dada a premura das datas do convenio poderemos ter un prototipo cunha calidade nos seus algoritmos non óptima. Ademais integrarémolo en GNU/Linux  polo que non só liberas os algoritmos de recoñecemento senón que tes que crear o driver de Linux, os sistemas de configuración… Son cousas que hai que facer para que sexa algo máis que un prototipo, que sexa usable.

Software Libre e accesibilidade 
 
É o Software Libre unha alternativa competitiva respecto ao software propietario no campo da accesibilidade?
O Software Libre partiu con desvantaxe porque non se lle prestou a debida atención no seu momento pero a evolución é tremenda. Eu creo que dentro de pouquiño vai estar en termos de calidade moito mellor que en software privativo. E outro asunto é que o prezo é moito menor xa que hai combinacións de software privativo e hardware que fan que sexa imposible acceder. Hai pouco unha estudante da Universidade da Coruña conseguiu unha subvención para comprar un eyetracker que é un rato que funciona co movemento dos ollos. Necesitas un hardware especial porque as imaxes dos ollos non teñen xa tanto contraste e igual ten un emisor de infravermellos para aumentar a calidade da imaxe e procesala. Isto pode custar 9.000 euros.

Hai persoas que o poden pagar e outras que non. Se ti ofreces a alternativa de Software Libre de hardware só precisas unha webcam. A diferenza entre unha e outra alternativa é importante. No campo dos lectores de pantalla o máis usado en Windows é o Jaws. Unha licenza normal vale 900 dólares xa sen entrar a discutir a calidade. Ademais só funciona en Windows.

Hai sensibilidade respecto ao Software Libre entre os desenvolvedores?
Atópome de todo. Hai xente que está en contra porque o ven unha complicación engadida ao seu traballo. É igual que cando lle explicas a xente cousas de calidade ou enxeñería como que hai que facer probas e seguir unha metodoloxía. Logo si, hai xente que está concienciada co tema e enténdeo como algo importante e se non contribúe, polo menos, non o intenta facer máis difícil. Despois hai xente que o descoñece simplemente.

Destacarías algunha iniciativa libre neste eido?
O contorno de escritorio Gnome é o máis destacado e desde hai tempo conta con estruturas de accesibilidade. Despois KDE, o outro máis usado, fixo menos cousas pero traballa niso. Ademais puxéronse de acordo entre eles nesta materia. En contornos de escritorio están a facerse bastantes cousas e proxectos específicos como Orca que evolucionou de xeito estupendo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal