Recentemente anunciaches á comunidade galega de software libre a creación do LoCo Team galego, en que consiste esta iniciativa? O termo LoCo ven de “Local Community” ou “comunidade local”. Con esta iniciativa pretendemos agrupar á comunidade galega de Ubuntu para organizar eventos e actividades, e tamén para actuar como centro de distribución de Ubuntu. Por un lado búscase asistir aos usuarios de Ubuntu nos foros, IRC ou listas de correo. Por outro lado trátase de agrupar as actividades de difusión de Ubuntu que realizan os distintos GGUL e actuar como punto de distribución de materiais oficiais de Ubuntu (CD, carteis, libros, etc.) Precisamente unha das preguntas frecuentes que xorden arredor destes grupos de acción é se solapan a labor dos GGUL. Non, nin moito menos. O que se pretende é que os propios GGUL participen na iniciativa formando parte do LoCo. Desta forma o LoCo poderíalles servir como recurso para obter materiais e infraestrutura naquelas actividades nas que utilicen Ubuntu. Tedes xa algún proxecto en mente ligado ao LoCo? Aínda estamos dando os primeiros pasos, pero xa acabamos de lanzar a versión en probas da páxina do LoCo (http://www.ubuntuengalego.org), xunto co foro e a canle IRC. Pensamos en realizar algunha actividade tipo “festival de instalación”, pero non está pechado. Por suposto, a tradución ao galego seguirá sendo un dos proxectos máis importantes da comunidade galega de Ubuntu.

Tradución de Ubuntu

Ao respecto deste tema, dende cando es coordinador da comunidade de tradución de Ubuntu ao galego? Coordino a comunidade de tradución de Ubuntu ao galego desde xuño de 2005, que foi no momento no que se fixo pública a infraestrutura de tradución de Ubuntu. Logo, fuches o precursor na tradución de Ubuntu? Non, nin moito menos. Ubuntu é unha distribución de GNU/Linux que deriva de Debian, que xunta, configura e adapta aplicativos xa existentes para ofrecerlle ao usuario un contorno sobre o que poder traballar. Tanto a distribución Debian como a maior parte dos aplicativos xa estaban traducidos por grupos de voluntarios, entre os que destacaría a un especialmente activo: o grupo Trasno. Polo tanto no grupo de tradución de Ubuntu ao galego, o que facemos é traducir aqueles aplicativos, documentos ou textos que son específicos de Ubuntu. O mérito de estar sempre entre os primeiros na porcentaxe tradución de Ubuntu ao galego é de todos os grupos que traducen os aplicativos que logo incorpora Ubuntu. Moitos dos tradutores de Ubuntu tamén participan neses grupos, e incluso tamén a popularidade de Ubuntu nos permite atraer a novos tradutores que logo acaban colaborando nos outros proxectos. De cantas persoas estamos a falar exactamente? Actualmente somos 24 membros, que traducimos dependendo do tempo libre que nos deixa a nosa actividade diaria. Realmente aínda queda moito traballo por facer -moi especialmente coa documentación-, así que non somos suficientes, sempre se precisan máis persoas.

Comezar a traducir

Nese sentido, como se consegue crear unha comunidade de tradución arredor dun determinado proxecto? O interese dos usuarios é o que crea a comunidade. No caso do grupo de tradución a Ubuntu eu limiteime a poñer a funcionar as ferramentas que utilizamos no día a día -fundamentalmente a lista de correo e o aplicativo web. O interese dos membros do equipo fixo o resto, xa que a xente participa porque quere ter no seu idioma a distribución de GNU/Linux que utiliza, e porque quere que o resto dos usuarios galegofalantes tamén teñan a posibilidade de gozar dese traballo. Pero está ao alcance de calquera persoa? Isto é, pode traducir quen queira? Realmente non é difícil. Para empezar cun aplicativo sinxelo chega con coñecer o inglés, o galego e entender que queren dicir as frases que se traducen no contexto do aplicativo ao que pertencen. A interface web que proporciona Ubuntu simplifícalle moito a tarefa aos tradutores novos, xa que se lle presentan as frases que están sen traducir xunto con un oco para completar a tradución -incluso se pode ver o texto noutros idiomas ademais do inglés, ou como se traduciron frases semellantes. Se alguén quixera colaborar na tradución de Ubuntu ao galego, que tería que facer? É moi fácil: só ten que ir á páxina do grupo (https://launchpad.net/~ubuntu-l10n-gl), e seguir as instrucións que se indican, que se poden resumir en presentarse na lista de correo, para coñecernos e coordinarnos, e facer unhas poucas traducións de proba. Cal cres que son os principais problemas cos que se pode atopar traducindo ao galego? Tal vez un dos problemas principais se atope na falta dunha terminoloxía estandarizada, o que fai que exista certa inconsistencia nas traducións. Pouco a pouco vaise creando un consenso, pero é un proceso lento. Por outro lado, tamén faltan recursos lingüísticos -por exemplo, ata hai pouco non había ningún dicionario adaptado á normativa do 2003 dispoñíbel en liña. Outro problema é o control da calidade das traducións. En xeral o traballo é bo, pero non existe un sistema para controlar o resultado, máis aló que os avisos dos usuarios ou as comprobacións doutros tradutores voluntarios. Con todas estas trabas que comentas, cal é o grao de permanencia e fidelidade dos tradutores? Eu diría que é alto. Cando un tradutor remata o seu primeiro programa completo, xa lle resulta “difícil” deixar a tradución. Neste sentido o sistema de tradución web de Ubuntu facilita a entrada de novos tradutores, xa que o aplicativo web é moi simple para os que comezan. Que medidas deberían adoptarse para superar estas eivas? Considero que Mancomún vai polo bo camiño, creando guías, glosarios e fixando terminoloxía. Tamén sería útil a realimentación dos usuarios, é dicir, que nos avisasen se atopan erros ou cren que algo se pode traducir ou facer mellor.

Mancomún

É certo que Mancomún contribuíu a incrementar o número de recursos lingüísticos coa elaboración do Manual de localización de software. A pesar de estar aínda en desenvolvemento, estás de acordo cos criterios de consenso estabelecidos? En xeral si. Ademais Mancomún permitiunos, á comunidade do software libre, participar e opinar durante os primeiros pasos de elaboración do manual. Como valoras entón a intervención da Administración -neste caso presente a través de Mancomún- nun eido de traballo voluntario? Durante os últimos anos Mancomún apoiou e incentivou o traballo voluntario, achegando ferramentas, recursos e incluso organizando eventos (como o “g11n”) que lle deron consistencia e impulsaron o traballo voluntario. Pero Mancomún tamén propiciou a aparición do binomio comunidade-empresa no marco da localización de software libre en Galiza. Como cres que recibiu a comunidade esta nova realidade? Nun principio a comunidade viu con reticencia a entrada de empresas no traballo de localización de software libre, probabelmente porque nun primeiro momento semellaba que aparecían para substituír á comunidade -a falta de información contribuíu a crear esta percepción. Posteriormente iniciouse unha colaboración moito máis estreita e fluíu mellor a información, o que fixo que agora nos atopemos nun punto no que as empresas e a comunidade colaboran e se complementan Que papel cres deben asumir ambos axentes? Non é doado estabelecer uns papeis estritos, pero desde o meu punto de vista as empresas deben asumir aqueles traballos que, pola súa dimensión, requiran a coordinación de grupos grandes de persoas -xa que neses casos é máis difícil manter a consistencia-, ou os traballos que precisen de coñecementos lingüísticos avanzados -xa que agora mesmo, a maioría non provimos dos ámbitos da lingüística, as filoloxías e a tradución. Xa para rematar. O Galinux non tería sido posíbel de non existires a comunidade de tradución de Ubuntu ao galego, como valoras o proxecto? Moi positivamente, xa que contribuíu moito en dar a coñecer o GNU/Linux, o software libre en xeral e a dinamizar este mundo en Galicia. Ademais, Mancomún contribuíu directamente na tradución ao galego e na revisión de moitos aplicativos.

Pin It on Pinterest

Share This