Podedes explicarnos en que consiste o proxecto? Trátase dun mapa para móbiles comúns que permite a orientación dentro de edificios grazas ao sistema de posicionamento mediante tecnoloxía bluetooth. Como funciona? Ao chegar ao edificio, calquera persoa recibiría unha mensaxe bluetooth coa que tería acceso á descarga do aplicativo e, desde ese momento, podería comezar a orientarse xa que ao executalo, este lle diría que se atopa no acceso do edificio e lle preguntaría a onde quere ir. A diferenza doutros sistemas que se están investigando para posicionamento en interiores, nós usamos bluetooth grazas a unha serie de balizas que poden funcionar con enerxía solar en interiores. Deste modo o despregue é bastante sinxelo xa que as balizas colgan como cadros á hora de realizar a instalación. Ademais, non realizamos triangulación de balizas xa que o erro obtido ao detectar a baliza bluetooth é suficientemente pequeno para os nosos obxectivos. Ao usar bluetooth tamén garantimos que a meirande parte do parque móbil actual sexa compatíbel co noso sistema sen necesidade de comprar ningún aparello adicional, ou estar en posesión dun móbil de alta gama. Como xorde a iniciativa? A idea xorde nun remuíño de ideas entre Ignacio e máis eu no que intentabamos xuntar dúas ideas bastante similares no seu fundamento pero diferentes nas súas funcionalidades. Un proxecto único tería máis posibilidades de ser seleccionado para unha das bolsas Movente, que promovía a Universidad Pontificia de Salamanca e a Fundación Caja Duero. Esta idea inicial converteuse en iniciativa profesional cando, ao finalizar os nosos estudos, decidimos crear mirblu S.L. para orientar o produto ao mercado. A constitución da sociedade supuxo un sen fin de trámites burocráticos que fomos quen de superar grazas á axuda da OTC da Universidade, así como do OAGER do Ayuntamiento de Salamanca. Que aplicacións prácticas ten? Como dixemos antes, a columna do proxecto é solventar os problemas de orientación: quen non se perdeu nunca nun edificio oficial ou nun centro comercial? Pero as utilidades son moito maiores. Ademais disto, o aplicativo posibilita usar o móbil como novo soporte publicitario ao mostrar pequenos anuncios á hora de crear as rutas, ou ben, no caso por exemplo dunha institución pública, mostrar avisos de interese xeral. Que ten de innovador? Estamos cubrindo un campo que actualmente o GPS non cobre e, o que é máis importante -dende o noso punto de vista-, non estamos obrigando o usuario a mercar ningún dispositivo, senón que contamos con que, co seu móbil, será suficiente, ao que se engade que con isto non necesitará pagar para descargar o aplicativo e o custo para el será nulo. En definitiva, o edificio ofrece mensaxes de publicidade ou avisos e o cliente benefíciase do software de orientación, cremos que todos saen gañando.

Software libre e negocio

Liberaredes o código? Si, nun prazo curto de tempo, esperemos que non máis de dous meses. Queremos esperar a ter algo tan funcional como o que temos agora, pero moito máis documentado e estruturado. A primeira impresión é a que conta, e non queremos precipitarnos nesta decisión. Cando o fagamos usaremos a Forxa de Mancomún. Ter contacto directo co persoal que traballa onde aloxas algo tan importante para ti é crucial. Acabades de patentar o proxecto, o que demostra a vosa intención clara de acadar beneficio económico. Quizais alguén podería pensar que, con este obxectivo, o máis rendíbel sería pechar o código... Non, un aplicativo libre sempre ten moito máis valor engadido. No noso caso, o usuario é o encargado de encontrar os roteiros polos que o aplicativo vai ir evolucionando. De tratarse de código pechado isto sería impensábel. Para nós, esta participación que finaliza sempre na mellora do proxecto inicial -ou produto- é impagábel. Polo que podemos afirmar que non, non sería máis rendíbel sendo un aplicativo de código pechado. Por exemplo, cando liberemos temos pensado engadirlle voz para que os invidentes poidan orientarse. Aínda que nos estamos asesorando debidamente, sempre haberá alguén -na ONCE por exemplo- que saiba moito máis que nós sobre o tema, polo que podería aproveitar a nosa base (o noso aplicativo) e mellorar a parte que a el lle interesa. Como se compatibiliza, entón, patente con liberación de código? En ningún momento estamos falando de patentabilidade de código. O código é algo vivo que evoluciona tan rápido que é unha sublime estupidez pensar nunha patente a 20 anos. O que estamos patentando é a infraestrutura necesaria para a distribución e o despregue do noso aplicativo. Para chegar a isto estivestes consultando bastante o tema. Compartides a idea de que existe un gran descoñecemento arredor dos modelos de negocio que existen co software libre? Si e non, como todo nesta vida, nada é branco ou negro. A xente do sector si coñece os modelos de negocio baseados en software libre, pero agora mesmo son os pechados os que priman. O feito de cambiar dun modelo a outro é algo evolutivo que non se pode facer nun par de días. Para unha empresa nova como a nosa non creo que en ningún caso saíse rendíbel comezar cun modelo pechado, xa que non poderiamos competir. Credes que debería potenciarse máis o coñecemento destas cuestións? Por suposto, xa non como desenvolvedores ou como empresas do sector senón como simples usuarios. Mancomún está facendo unha gran labor nisto e debe continuala, así como a que fan os GGUL ou asociacións como AGASOL.

Desenvolvemento para móbiles

Como decidistes comezar a desenvolver software para móbiles? Inquietude. Non é habitual desenvolver para algo que non sexa un computador, polo que sempre chama a atención un novo dispositivo e moito máis se é algo tan estendido como un teléfono móbil. Existe suficiente comunidade desenvolvendo aplicativos libres para móbiles? Algo hai, pero non creo que sexa suficiente. O certo é que a xente pensa nun aplicativo para móbil e véñenselle á cabeza programas estúpidos como o de “Espía a tu pareja” ou “Haz tu móvil un espejo”, polo que moita xente non cre conveniente explotar este sector de forma seria. Isto, por suposto, está cambiando agora grazas aos novos sistemas operativos para móbiles que están xurdindo. O software do móbil ofrecer un mercado moi fragmentado, agora mesmo temos Windows Mobile, Symbian, Android, iPhone, RIM... non resulta moi custoso en esforzo desenvolver algo? É un auténtico pesadelo. Si, resulta custoso, pero aí está o divertido. Agora mesmo unicamente estamos centrándonos en móbiles que permitan jme. Se ben, ao ser libre, calquera pode decantarse por desenvolver para Android -o noso novo obxectivo- ou para iPhone. O proxecto nace no marco do ámbito académico. Credes que se promove o suficiente nas universidades o desenvolvemento con código aberto? Definitivamente non. A xente sae da universidade pensando que os desenvolvedores de software libre son hippys greñudos. Non entenden como grandes empresas o usan ou desenvolven para el. Despois existen feitos paradoxais como programar con IDE pechados e compilar con compiladores libres, pero iso é outro tema. De todas formas, hai xente moi boa nas universidades que si coñece, promove e ensina con e para o software libre... e cada día máis, sobre todo grazas a iniciativas como as OSL (como exemplos, a OSL da USC e da UDC) De onde vén o voso interese polo software libre? Alex: Persoalmente sempre me gustou trastear co computador e un día meus pais mercáronme, alá a finais dos 90, unha revista que traía unha Red Hat (sistema operativo completo dicía), por suposto, a seguinte pregunta foi: que é un sistema operativo? E desde aqueles tempos ata agora. Ignacio: É a globalización ben entendida, miles de persoas traballando xuntos por acadar un obxectivo común. Por outra parte, non me gustaría que o sector da informática acadase cotas de mesquindade tan altas como ocorre noutros sectores como, por exemplo, o dos laboratorios farmacéuticos. Réxense por unha competitividade deshumanizada. O software libre é o único que nos separa desa realidade. Cal é o futuro de Mirblu? Ningunha empresa vive por e para un só proxecto, agora mesmo temos un par de proxectos de colaboración moi interesantes dentro do sector agrícola e do control industrial, así como outras ideas que temos en mente, pero das que non podemos adiantar aínda nada. O problema actual é acadar financiamento para poder levalos todos a cabo. Como isto é moi complicado hai que escoller ou ben o que máis che agrada ou ben o que máis rendíbel saia. Alex, perderá con isto a comunidade galega de software libre un dos seus membros máis activos? (membro de Rianxo sen Cabos, membro de Agnix, participación en OSWC 08, no XGN 09...) Alex: Grazas polo cumprido, pero nin por asomo son un dos membros máis activos do software libre galego. E contestando á túa pregunta non, non van perder a ninguén, unha das principais razóns pola que me gusta o software libre (amais do galego) é a facilidade coa que podes laretar con eles e cando tes a oportunidade de coñecelos en persoa en determinados encontros tratalos como amigos, porque realmente acaban sendo iso.

Pin It on Pinterest

Share This