Sistemas de información xeográfica

En primeiro lugar, como lle explicarías a un profano o que son os aplicativos SIX? Un sistema de información xeográfica, coñecido polo seu acrónimo SIX, ou GIS en inglés, é un conxunto de métodos organizativos e tecnoloxías que permiten incorporar nos mapas información sobre os elementos representados. Os SIX ofrecen novas funcionalidades para analizar os datos tendo en conta as características físicas dos lugares onde se sitúa e a relación con outros elementos do seu contorno. Simplificando moito, pódese entender como unha aplicación da informática que permite representar con certa comodidade datos sobre un mapa. Aínda que a verdadeira dimensión dos SIX vai máis alá, e necesita traballar non só con compoñentes informáticos de hardware e software, senón tamén con outro tipo de tecnoloxías (teledetección, GPS, Internet, etc.), ciencias (cartografía, xeodesia, xeografía, física, etc.), modelos de organización (empresarial, administrativa, etc.) e fundamentalmente con todos os procesos relacionados coa adquisición, tratamento, almacenamento e análise de datos. Sendo prácticos, que aplicacións teñen os SIX para a sociedade? Por exemplo, a análise cartográfica dos resultados das eleccións do 1 de marzo de 2009 ao Parlamento de Galicia é algo moi interesante. O seu potencial na sociedade actual é enorme, xa que practicamente a totalidade da información que se manexa diariamente no mundo ten un compoñente xeográfico indiscutíbel que permite a súa localización sobre un mapa. As tecnoloxías que manexan a información xeográfica, incluíndo os SIX, permiten un control científico para o coñecemento da realidade actual. Así, hoxe en día, os SIX están presentes en practicamente todos os campos nos que o home ten actividade: infraestruturas, urbanismo, transporte, ambiente, sanidade, emerxencias, protección civil, agricultura, turismo, etc., e incluso na análise de resultados electorais. O traballo ao que te refires, que fixemos dende o Cartolab tras as últimas elecciones autonómicas en Galicia, simplemente intenta ser unha mostra do poder das tecnoloxías cartográficas para analizar os fenómenos do noso contorno. Parecíame curioso que a representación tradicional dos mapas electorais en Galicia non mostrasen apenas cambios significativos gañase quen gañase as eleccións, o cal non parece moi lóxico. Por este motivo recurrimos a unha técnica que representa o tamaño de cada municipio en función dos votos emitidos, onde se aprecia con mais claridade as diferenzas entre os resultados das dúas últimas eleccións autonómicas galegas. De maneira máis directa, estas tecnoloxías comezan a ser populares entre a poboación a través de navegadores GPS para vehículos, planificadores de rutas dende Internet, localización de lugares ou recursos turísticos mediante Google Earth ou outros servizos de mapas existentes na Web, por poñer algúns exemplos.

O Cartolab

En que momento se constitúe o CartoLab? O Laboratorio de Enxeñería Cartográfica, comunmente coñecido como CartoLab, comeza a súa actividade fundamentalmente a partir do ano 2005. Nace dentro do Departamento de Métodos Matemáticos e de Representación, na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, e ligado, concretamente, á Área de Enxeñería Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría. CartoLab traballa en moitos casos moi ligado co VideaLab, o laboratorio de visualización dirixido por Luis Hernández, co cal comezamos a traballar potenciando as capacidades de visualización dalgúns dos aplicativos 3D desenvolvidos por eles a través da súa integración cos SIX. Desde aquela, debido ao interese das empresas de enxeñaría e das Administracións por estas tecnoloxías, continuamos afianzando os nosos coñecementos nos SIX e afondando na súa aplicación para a análise e a xestión das infraestruturas territoriais mediante novos proxectos de investigación. Quen constitúe o Cartolab? Actualmente o Cartolab está formado por 17 persoas. Desde o primeiro momento buscamos un equipo multidisciplinar, porque cremos que para acadar a máxima calidade nos proxectos nos que traballamos debemos atender a diferentes enfoques e apoiarnos nos distintos coñecementos de cada un. Ademais do perfil propio dunha Escola de Enxeñaría Civil, formado fundamentalmente por enxeñeiros de camiños, canais e portos e enxeñeiros técnicos de obras públicas, no CartoLab colaboran enxeñeiros técnicos informáticos, arquitectos técnicos, licenciados en dereito, licenciados en historia da arte, técnicos de ciclos superiores (topografía, imaxe e son, mercadotecnia, ambiente, etc.), así como diversos perfís de bolseiros internacionais. A composición actual estrutúrase en tres grupos: o de cartografía, no que actualmente traballan fundamentalmente enxeñeiros técnicos de obras públicas ou estudantes desta titulación; o de desenvolvemento, composto por enxeñeiros informáticos especialistas en software libre; e o de análise de infraestruturas territoriais, cun núcleo de enxeñeiros de camiños, pero no que entran moitos perfís dependendo do tipo de proxecto. Debido ao volume de traballo, este ano tamén incorporamos a unha persoa encargada da parte de xestión administrativa. Todo o equipo está dirixido e coordinado por min, como profesor colaborador da Escola, e cun perfil de enxeñeiro de camiños, canais e portos especializado en SIX.

Software libre e SIX

Tal e como anunciades na sección de presentación da web do Cartolab, realizastes unha “aposta destacada polo emprego do software libre”. Que motivou esta decisión? A decisión de aumentar o traballo baseado en software libre debeuse fundamentalmente á convicción de que, se imos desenvolver software no CartoLab -como facemos-, queremos compartir cos demais os nosos avances para que outros aproveiten estas iniciativas. Do mesmo xeito, nós participamos activamente en proxectos de software de terceiros que cremos interesantes no noso ámbito. En definitiva, defendemos un modo de traballo colaborativo para construír un coñecemento común que axude a sociedade, entendida no seu termo máis amplo. De todos os xeitos, debo decir que no CartoLab non usamos de forma exclusiva aplicativos libres, xa que persoalmente creo que na actualidade aínda son necesarios modelos privativos en certos ámbitos. No entanto, a tendencia por cambiar a un uso maioritario de software libre é cuestión de tempo. No noso laboratorio xa moitos dos actuais membros traballan case en exclusiva con software libre e outros imos pouco a pouco trocando os hábitos aprendidos a favor de ferramentas libres. No grupo de desenvolvemento, por exemplo, estamos traballando en SwL, polo que no último ano incorporamos persoal moi cualificado nese senso, co título de Máster de Software Libre de Caixanova ou membros moi activos do Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL). Cales son os principais beneficios de optar polo software libre? No ámbito dos SIX o beneficio principal do software libre é o mesmo que en calquera outro ámbito: a liberdade. No entanto, é certo que nos SIX estase a producir unha importante comunicade de usuarios e desenvolvedores de SwL, e organízanse importantes encontros como as xornadas de SIX libre organizadas a nivel nacional polo SITGE da Universitat de Girona ou o Free and Open Source Software for Geospatial (FOSS4G) a nivel internacional. Posibelmente o feito significativo é que moitos grupos das universidades son os que apoian o uso e a mellora de este tipo de aplicativos técnicos sobre SwL para o estudo do territorio nas súas investigacións e proxectos. Como laboratorio de investigación da Universidade, un dos beneficios que máis nos agrada é a posibilidade de afondar ao máximo nos aplicativos. Isto permítenos coñecer en todo momento o que fai un programa, como o fai e por que. Se temos en conta que somos un equipo novo, formado incluso por algúns estudantes, o potencial de ampliar o coñecemento nas técnicas de análise espacial e de ter unha visión crítica e científica dos procesos de traballo non se pode conseguir con software privativo. Na maioría dos programas comerciais, as funcións que se executan debemos tomalas moitas veces coma dogmas de fe ou como pura maxia, obtendo resultados sen saber que fai o programa cando se preme o botón. Mais, na meirande parte das veces, cando se executa unha función dun aplicativo informático aparecen por detrás métodos, algoritmos e procesos que no seu momento algún investigador puxo a disposición da comunicade científica internacional para conseguir desta forma un maior desenvolvemento da sociedade. Un exemplo deste tema atopámolo nunha función habitualmente presente nos SIX para calcular as pendentes dun terreo mediante o valor da altura de cada punto. En moitos SIX comerciais simplemente premes o botón, elixes o mapa de cotas e obtés un mapa de pendentes sen saber que pasa no medio. Sen embargo en SEXTANTE, un SIX libre elaborado por Victor Olaya -co que colaboramos activamente- podemos escoller o algoritmo para facer o cálculo das pendentes, elixindo entre sete dos máis recoñecidos no contexto científico. É o usuario o que decide como quere facer esa operación, sen que outros tomen a decisión. O programador de SEXTANTE achega as solucións que outros investigadores encontraron para resolver un problema, nesta caso a obtención de pendentes dun terreo, pero non impón ningunha. Ademais, no caso de que houbese outro algoritmo para calcular as pendentes que creamos máis axeitado para algúns casos, como o código de SEXTANTE é aberto, poderíamos incorporalo e compartilo, aumentando as funcionalidades de este programa. Como investigadores debemos intentar controlar todas as etapas do noso traballo e as operacións ou cálculos que precisamos en cada momento. Deste xeito é máis custoso o esforzo por facer as cousas, pero sen dúbida é moito máis produtivo, tanto no proceso de aprendizaxe individual como na calidade dos traballos que se fan e nos beneficios sociais que se acadan. Falando de custos, non podemos desprezar o feito do custo gratuíto das licencias de SwL fronte ao custo das licenzas privativas, que no caso dos SIX son moi elevadas. Este é un beneficio que dende unha Administración que xestiona diñeiro público, non debe pasarse por alto na elección dun software.

O aplicativo gisEIEL

Que é gisEIEL? Como xorde este proxecto? Dende o ano 2000 a Universidade da Coruña colabora coa Deputación desta provincia na Enquisa de infraestruturas e equipamento local (EIEL), que o antigo Ministerio de Administracións Públicas (MAP) encarga desde 1985 a cada deputación para saber a situación dos servizos ao cidadán en cada núcleo de poboación de cada municipio, e poder así, en principio, distribuír fondos económicos nos lugares con maiores carencias para acadar un maior equilibrio territorial. Aínda que o MAP non o pide, desde o primeiro momento cremos que este traballo tiña que elaborarse baseándose en SIX, debido á compoñente territorial de todos os datos que se requirían. Desde xeito poderíanse facer mapas e análisis xeográficas da situación de cada un dos servizos, o cal lle interesaba á Deputación coruñesa, e especialmente aos técnicos do Servizo de Asistencia Técnica a Concellos encargados da EIEL. Na primeira fase deste traballo, usamos un SIX comercial, pero en sucesivas etapas apostouse por desenvolver un software propio baseado nun SIX libre cunha importante evolución nos últimos anos, gvSIG, promovido pola Comunidade valenciá. Este proxecto, coordinado por Carlos Nárdiz, e no que participan varios laboratorios da Escola de Enxeñeiros de Camiños (Laboratorio de Estudos Territoriais, Laboratorio de Enxeñaría Ambiental e o Cartolab) e o Laboratorio de Bases de Datos da Facultade de Informática, concretouse coa aparición de gisEIEL, presentado o 24 de abril de 2008, como froito do impulso de Pedro González dende a Deputación e dos profesores e técnicos de Universidade da Coruña integrantes do equipo da EIEL, especialmente do grupo de informática dirixido por Nieves Rodriguez Brisaboa, que levou o peso da maior parte da programación. O aplicativo gisEIEL, en definitiva, é un aplicativo SIX para xestionar o proceso de elaboración e mantemento da EIEL nunha provincia. Que achega de novidoso con respecto, precisamente, a gvSIG (desenvolvido dende gvSIG 1.0)? Non se está reinventando a roda? Non se trata diso. gisEIEL basea a súa estrutura en gvSIG, non crea un novo software SIX, se non que adapta un programa existente para incorporar funcionalidades concretas que permiten aumentar a produtividade nun traballo específico, neste caso a EIEL. Neste tipo de adaptación de software séguense aproveitando todas as funcionalidades SIX xa presentes en gvSIG. É unha forma típica de mellorar ou especializar programas informáticos, e no ámbito da información xeográfica moitas veces faise para lograr unha mellor interacción co usuario mediante distintos tipos de adaptación: internacionalizacións ou traducións, corporativizacións globais, parches, extensións, plugins, módulos, etc. Nas xornadas de SIG libre de Girona desde ano, precisamente, presentamos unha comunicación reflexionando sobre este tema das adaptacións de SIX para tarefas cartográficas. Froito desta experiencia o que podemos afirmar é que o SwL, e no caso concreto do noso traballo, o SIX libre resulta menos limitante que o privativo para adaptalo ás necesidades dos usuarios. Por outra banda, tampouco está mal reinventar a roda de vez en cando. Hai que ter en conta que existen moitos tipos de rodas en función do vehículo que leves, do viario polo que circulas e das prestacións que precises. Se o home tivese quedado satisfeito coa primeira roda feita cun tronco de madeira, seguramente hoxe o desenvolvemento tecnolóxico nos transportes, por exemplo, sería moi distinto. No ámbito dos SIX, hai moitas iniciativas de SwL con funcionalidades moi similares, pero cada unha adaptada ou concibida para ámbitos de traballo concretos (natureza, enerxía, urbanismo, etc.) ou para métodos de traballo específicos. Todas son perfectamente válidas, complementándose ou achegando novas funcionalidades, pero en definitiva, dando máis liberdade ao usuario para elixir. Estase empregando gisEIEL noutros sitios fóra da Coruña? Seguramente teñen máis información na Deputación da Coruña, pero o que nós sabemos é que houbo interese por varias provincias. No entanto, o gisEIEL actual depende moito do deseño da base de datos que se utilizou na Coruña, polo que non se concretou en ningún outro lugar ata o momento. Mais, dende o CartoLab, estamos traballando coa empresa SIGNO na personalización de gisEIEL para a Deputación de Pontevedra, que tamén mostrou interese por este produto. Neste proceso queremos facer novas achegas ás funcionalidades do gisEIEL actual, para conseguir un aplicativo máis versátil que poida empregarse noutros lugares con maior facilidade. Dende que se liberou en abril de 2008, cal ten sido a evolución deste aplicativo? Como dixen, a colaboración entre a Deputación da provincia da Coruña e a Universidade da Coruña (UDC) na elaboración da EIEL vén sendo practicamente continua desde o ano 2000. Aínda que a presentación oficial de gisEIEL foi en abril do ano pasado, o desenvolvemento deste aplicativo remóntase moi atrás e, como dixen, é froito do traballo de varios laboratorios da UDC. Desde o día da presentación seguimos traballando en melloras desta a partir da experiencia do seu uso diario no traballo da EIEL de Coruña. Neste momento, o Laboratorio de Bases de Datos está a preparar a liberación do código da nova versión e o modelo de datos asociado. O gvSIG, do que xa falabamos antes, ten unha gran comunidade detrás que avala o proxecto, é este o caso de gisEIEL? Neste caso, vós que coñecedes ben gvSIG, cal credes que son as claves do seu éxito? Desde a páxina web oficial da EIEL na Deputación, xestiónase unha comunidade de usuarios para facer consultas, suxestións e comentarios sobre melloras ou problemas atopados. De todos os xeitos, esta comunidade non se pode comparar coa de gvSIG, simplemente porque son aplicativos diferentes. O gisEIEL é un software moi específico para un usuario moi técnico e determinado, que está vencellado a traballos da EIEL. gvSIG está pensado para un usuario SIX xenérico. Aínda así quero resaltar a enorme aceptación de gvSIG na comunidade de usuarios SIX, debido a moitos factores, pero sobre todo e desde o meu punto de vista, ao de conseguir un produto moi modular que vai incorporando novas funcionalidades e extensións cada pouco (redes, móbiles, 3D, etc.). Con isto o que se consegue é crear potenciais usuarios en novos ámbitos. Por outra banda, está a estabilidade que proporciona a forte aposta dunha Administración nesta iniciativa, o que garante a continuidade do proxecto, dálles confianza aos usuarios e engade un compoñente de visibilidade externa (xornadas, publicacións, etc.) do produto máis ampla que noutros casos. A este respecto, que opinión tedes da comunidade galega de desenvolvemento de SwL? Credes que un proxecto de SwL coma este sería viábel aquí sen o respaldo da Administración ou da Universidade? Creo que a comunidade galega nestes momentos está nunha fase moi esperanzadora para facer desenvolvemento de SwL de moita relevancia. Existe un Máster en Software Libre pioneiro no sector, as Administracións e as Universidades comezan a interesarse por esta filosofía de traballo, e xa coñecemos empresas galegas que fan desenvolvemento en SwL cada vez con máis presencia no mercado nacional e internacional. Aínda así, queda moito que facer, e para conseguir proxectos de envergadura necesítase un apoio máis forte e continuado por parte das administracións. O caso da Deputación de Coruña merece ser destacado porque non é doado atopar exemplos similares. Agora temos o caso da Deputación de Pontevedra que tamén está a facer unha aposta por aplicativos libres. Esperemos que o resto das administracións, e en especial a autonómica, tamén se fixen no SIX libre para acometer algunha das moitas necesidades no ámbito da información xeográfica que teñen algúns dos seus servizos.

Trinomio Administración, Empresa e Universidade

Ao fío disto, dicía Gabriel Carrión, director do proxecto gvSIG, nunha entrevista que “para que un proxecto de SwL sexa de éxito precisa de tres piares fundamentais: Administración, Empresa e Universidade”. Concordas con el? O trinomio - “Administración”, que marca retos e achega recursos económicos, “Empresa”, que fai realidade as demandas da Administración e “Universidade”, que lles dá respaldo técnico ás empresas- é unha realidade en moitos ámbitos do mercado profesional, e no SwL non é diferente. Mais, a min gústame considerar tamén outro axente a ter en conta, qué é o cidadán. É dicir, cos seus impostos pon os recursos para que estes proxectos saian adiante e é o que, ao final, se beneficia ou se prexudica pola calidade e efectividade destes. Non debemos esquecer nunca o cidadán cando facemos esta análise. Ademais, no caso concreto do SwL, onde a liberdade prima por encima de todo, o cidadán aparece como un factor máis no proceso de creación de certos aplicativos informáticos, onde persoas de forma individual e desinteresada, cando menos monetariamente, achegan o seu coñecemento e tempo para axudar a construír ou mellorar un programa. Posto que procedes do ámbito académico, que consideras que debe achegar a Universidade a este trinomio? A Universidade ten que ser o soporte das ideas e das teorías que apoian a tecnoloxía. Ten que ser o centro de investigación e de innovación por excelencia, que permita o desenvolvemento de novos produtos máis acordes a un crecemento sostible como demanda a sociedade. Ademais ten que potenciar a súa faceta formativa e educativa para conseguir cidadáns e profesionais debidamente preparados para os retos que se presentan no contexto mundial actual, e máis aínda, preparados para os retos que virán no futuro e que hoxe descoñecemos. A Universidade debe ser a punta que guíe o camiño das empresas e das administracións, debe ser quen reflexione, quen propoña, quen invente, quen imaxine novas formas para facer mellor as cousas. Pola parte que nos toca, Mancomún representa en certa maneira o piar da Administración, que opinión che merece o seu labor como nexo de unión na comunidade de SwL? Sen dúbida é un referente no software libre galego actual e unha iniciativa fundamental para conseguir unha comunidade unida, ou cando menos, non dispersa. No entanto, o seu éxito depende dunha implicación forte da Administración, fornecendo medios e recursos para que máis técnicos apoien as ideas e os traballos da xente que traballa e defende o SwL. Creo que deben evitarse personalismos e determinados nesgos que poidan disuadir ou facer recear a moitos dunha experiencia que debe ser compartida por todos. Cres que debe implicarse máis a Administración na promoción do software libre? A Administración debería potenciar o uso de software libre e o seu desenvolvemento dado que o financiamento de proxectos con modelos privativos case sempre implica unha fuga de capital propio cara ao exterior mediante pagamento de licenzas a empresas estranxeiras. Tanto as axudas como os pregos dos concursos públicos non deberían favorecer o uso e creación de software privativo pechado. A aposta por estándares abertos que garantan a interoperabilidade e a libre competencia debe ser unha máxima neste tipo de organismos.

O futuro do Cartolab e do software libre

Que outros proxectos tedes entre mans? Nos actualmente colaboramos, tanto a nivel usuario como programador, con varios aplicativos SIX libres: gvSIG, SEXTANTE, gisEIEL, openJUMP, Kosmo, OpenLayer, etc. En canto a proxectos propios de desenvolvemento de SwL, temos un aplicativo para a análise das infraestruturas de datos espaciais (IDE, SDI en inglés), chamada SDIAnalyzer, á que queremos mellorar, pero estamos na procura de financiamento. Tamén temos varias iniciativas para aplicar SwL e SIX en cooperación ao desenvolvemento, por exemplo en Honduras xunto con Enxeñaría Sen Fronteiras. Asemade, estamos a elaborar un estudo de coñecemento e utilización de SwL e de SIX nos axentes galegos involucrados na cooperación. É o software libre a gran baza do desenvolvemento sustentábel? O software libre representa unha esperanza para evitar a fenda dixital entre os países desenvolvidos e os menos favorecidos economicamente. Dende a cooperación e o desenvolvemento debería apostarse decididamente por este tipo de tecnoloxía para evitar reproducir noutros lugares os erros que cometemos no primeiro mundo favorecendo iniciativas privadas, cun sentido puramente lucrativo. Isto non debería suceder cando existen solucións libres e gratuítas que resolven os mesmos problemas. No aspecto concreto do SwL e do SIX acabo de participar na elaboración do novo Caderno de Tecnoloxías para o Desenvolvemento Humano que publica a ONG Enxeñaría Sen Fronteiras, onde se aborda polo miúdo o rol das tecnoloxías da información xeográfica na cooperación, e que desde o Cartolab defendemos e potenciamos.

Pin It on Pinterest

Share This