Que perfil tedes os socios da empresa e que vos levou a xuntarvos?
Durán: Somos catro titulados de enxeñería técnica industrial electrónica, un informático e un friki. Eramos un grupo de amigos relacionados coa informática que nos xuntabamos nun baixo e despois algúns tiñamos a inquietude de pornos pola nosa conta. Ao final fomos seis os fundadores.
Cales son as vosas principais liñas de negocio?
Durán:
Desenvolvementos a medida, sistemas, mantemento, desenvolvementos web, adaptacións de Joomla!…
Escobar: Basicamente o modelo do Software Libre. Cobramos polos servizos, vendemos coñecemento e apagamos incendios: se a alguén se lle fastidia algo hai que amañalo e darlle mantemento.
Antonio Durán e Alejandro Escobar
Antonio Durán e Alejandro Escobar

Poderíase dicir que tedes un cliente tipo ou hai un pouco de todo?
Durán:
Un pouco de todo. Aínda que estamos orientado a PEME: xestorías, despachos de enxeñeiros, unha produtora de televisión…

Cales son os servizos máis demandados?
Durán: Sistemas esta bastante demandado.
Escobar: A seguridade está moi demandada ao igual que a integración de sistemas Linux, os sistemas híbridos, PDC con servidores Linux e clientes Windows ou sistemas de traballo en grupo. A xente vaise concienciando de que ten que versionar as cousas, facer sistemas de backup ou que un dominio é unha boa idea para xestionar os usuarios. Despois os filtros para cortar tráfico que non se debe. Non deixar navegar por certas páxinas é o que aos xefes máis lles gusta.
Durán: Tamén fixemos migracións tanto de escritorios como de servidores.
Escobar: As migracións xa sabes como son. Nunca hai unha ao 100% e sempre xorden pequenos problemas.
Durán: Facemos migracións de servidores incluso de empresas de informática que requiren as vantaxes do Software Libre para manter os seus sistemas e servizos.
Escobar: Dá que pensar que desenvolvan software propietario e internamente usen Software Libre. Como caso de migración temos por exemplo a produtora de vídeo Arte Producións, un cambio que parte da vontade do xerente, unha persoa que entende moi ben a filosofía do Software Libre.
Durán: De feito xa sabía o que era antes de coñecernos. Algo non moi común.
Escobar: El apostou por Software Libre tanto nos escritorios de edición e redacción como os de administración. Todo se migrou a Linux. No caso dos programas de edición de vídeo se está a avaliar Cinelerra e outras ferramentas, pero estamos sempre no mesmo: aprender necesita un tempo e nunha produtora de televisión ten que ser todo para xa.
Necesitan solvencia para sacar o traballo. Non podes perder os teus recursos de edición en aprender a usar un programa. Están moi limitados ao que ven. O Avid é o Avid e aínda que non é unha marabilla todo o mundo o coñece e sabe manexalo e non os saques dos seus tres cuartos.
Experiencia en migracións a Software Libre
Tedes máis experiencias de migracións de escritorios?
Escobar: O resto son de servidores. Nesta produtora buscaremos polo menos que usen Mac e así ter un contorno Unix cunha rede máis confiable e segura.
Poderías comentarme algún caso de éxito en servidores?
Escobar: Kinarca, frigorista industrial que fai neveiras para barcos por exemplo para Pescanova. Teñen moitos traballadores, uns trinta escritorios e servidores para parar un tren. Antes tiñan Windows e agora funcionan en Linux cos seus sistemas de copia de seguridade, todo ben documentado, con Oracle e Firebird, que ao ser GPL, puidose portar sen problema. E Oracle, que ten un soporte un pouco patético en Debian, logrouse facer funcionar. Téñeno todo ben procidementado, o nivel de seguridade aumentou moitísimo e imos facer unha segunda parte para aumentar o control de usuarios, os filtros e todas esas cousas que lles encantan aos xefes.
A xente pide Software Libre ou non sabe o que é cando contacta con vós?
Durán: Depende do caso.
Escobar: A xente normalmente non vén á túa porta a pedir Software Libre.
Durán: Sen embargo si hai moita xente que o coñece como no caso da produtora de vídeo. As empresas que teñen un informático ou un departamento de informática si coñecen as diferencias entre propietario e libre. As empresas pequeniñas non teñen unha gran base tecnolóxica nin coñecemento, como, por exemplo, unha xestoría.
Escobar:Están moi ligados ao que coñecen e traballan ao mellor con cinco ordenadores compartindo C: enteiro e realmente non saben o que se están a perder.
Durán: Moitas veces tamén están ligados a un determinado software propietario que levan usando desde hai tempo e é a maneira que teñen de traballar.
Escobar:No tema de asesorías, xestorías, bufetes… aí teñen as súas aplicacións e de aí non os quitas.
Durán:
Outro caso similar son os estudos técnicos que utilizan Autocad. Son aplicacións dificilmente substituíbles.
Que razóns priman para que os vosos clientes elixan Software Libre?
Durán: Aparte do control de usuarios, tes tamén un control moito maior dos teus servidores.
Escobar: Normalmente as empresas grandes que nos demandan unha migración teñen un responsable de informática. Esa persoa si coñece as vantaxes de ter, por exemplo, un servidor Samba no que sabes que se algo falla a razón do fallo.
Durán: Moitas veces as tendas de informática regalan o software, non só o sistema operativo, senón que che dan tamén o MS Office e outros produtos. O Software Libre non ten a vantaxe de non pagar a licenza porque en realidade non a pagan. Iso no caso das pequenas. Pero empresas máis grandes de trinta escritorios para arriba polo xeral pagan as licenzas e si saben o que se gastan, o que obteñen polo gasto e as súas limitacións. Coñecen o prezo do software.
Escobar:Ti chégaslle a unha xestoría con doce equipos, todos con Windows e Microsoft Office pirata e cunha aplicación que lle permite xerar aplicacións a través desas ferramentas e se lles dis: “mira isto é pirata e se che vén unha inspección podes ter que pagar 500 euros”. O que che din é “xa o comprarei”. Incluso se lle ofreces OpenOffice.org non queren porque teñen unha aplicación que usa Excel e Word para facer os informes.
Durán: Ou directamente porque non se queren formar.
Escobar: O éxito de OpenOffice.org vén do seu gran parecido a MS Office. Xa nos gustaría que se parecese tanto o Cinelerra ao Avid. Cando puxemos OpenOffice.org na produtora moitos non se decataron e incluso dicían “mira agora vai ben o corrector ortográfico”, “xa non teño un clip dándome a vara”.
Oficinas de Aitire
Oficinas de Aitire
Na vosa web ten un espazo importante a accesibilidade. Védelo como unha liña de negocio ou unha responsabilidade?
Durán: É unha mistura. Realmente si temos un sistema de xeración de webs estáticas que implementa esa accesibilidade pero nalgúns temas aínda que a páxina estea accesible desde o punto de vista da navegación hai algúns contidos como un mapa de localización que non o son tanto. É un servizo de valor engadido, porque ademais de programar accesible tes que conseguir que eses contidos tamén o sexan. É un modelo de negocio nese sentido de dar consultoría pero tamén é un compromiso xa que a programación que ofrecemos si é accesible. Normalmente están interesados aqueles clientes que teñen unha axuda pública para facer a web e están obrigados a facela deste xeito.
Escobar: A Xunta obrígache sexas un concello ou calquera outra institución. Se tes de cliente un bar ou unha discoteca o que lles interesa é ter a súa galería de fotos e o de que sexa pouco accesible tampouco é un trauma se ademais se deixan de gastar un diñeiro. Ti podes explicarlle a súa importancia pero os cartos mandan. Logo iso ademais tes que mantelo porque cando metes unha noticia ou fas outra acción tes que seguir os estándares de accesibilidade.
Durán: E no tema de CMS a cousa está bastante mal.
Escobar: O Joomla! 1.5 xa é accesible de base, o cal supón unha gran evolución, pero se xa te metes nun xestor integral e queres chegar a niveis AAA esquécete.
Durán: Aos clientes como non os obrigues non o fan.
Outra das vosas liñas de negocio é a voz sobre IP.
Escobar: Polo de agora só temos a nosa oficina. Estamos intentando implementar ese servizo como valor engadido. Polo que vemos a xente sabe o que é e ten interese. Sobre todo do diñeiro que se pode aforrar e coas tarifas estas novas, é un servizo que vende, que gusta, con centraliña e buzón de voz….
Quizais non está tendo o éxito que debera porque hai un montón de empresas instalando centraliñas de toda a vida a prezos bastante reducidos. Non tes que gastar nada en infrestruturas IP, tes as chamadas nacionais a fixos gratuítas e a móbil tes unha prepago pola mañá e outra pola tarde con dúas pasarelas. Si, podo darte servizos dixitais sobre esa centraliña: que te cheguen ao correo as mensaxes, que te cheguen ao móbil… Pero se funciona para que cambiar? Nas empresas novas ou na xente que se muda, aí está o negocio.
Os vosos desenvolvementos son a medida ou tedes algún produto paquetizado?
Durán:Principalmente a medida. Temos un ERP feito para nós en fase de desenvolvemento e paquetizado nada. Deenvolvimos unha API para facer programación de aplicacións de xestión de formularios e outras cousas. Estamos engadíndolle cousiñas, documentándoa, pensando como imos facer para licenciar e para liberala. Sen embargo a nivel operativo xa é libre. É dicir, aos nosos clientes, se desenvolvemos unha aplicación sobre esa API non a cobramos. Considerámola Software Libre aínda que non estea liberada .
Escobar: Ao cliente dicímoslle que vai ser libre e que aínda que el, agora mesmo, a teña en exclusiva vai ser liberada. Ademais as modificacións da API que fagamos sobre ela tamén van ser libres.
Durán: Non a liberamos aínda por falta de documentación sobre a API, a elección da licenza, planificar o proxecto de liberación xerando unha comunidade desenvolvedora ao redor… Necesitamos tempo. Somos seis e acabamos de comezar polo que non nos sobra.
Escobar: Sempre que podemos intentamos achegar algo. Por exemplo usamos un programa para fax que só estaba en inglés e non nos custou moito traducilo. Xa fixemos varias adaptacións deste estilo.
A maioría dos vosos encargos son webs?
Escobar: O contorno LAMP é o máis multiusuario e multiplataforma que te podes encontrar en Windows, Linux ou Mac. Teñas o que teñas cremos que é a elección máis obvia.
Durán: Un bo exemplo é un xestor de galerías e eventos con Flash e PHP para a web de New Balance que administra tanto os produtos como os eventos.
O Software Libre e a empresa en Galicia
Vós estades no proxecto para crear unha asociación de empresas de Software Libre galegas. Que vos levou a participar?
Durán: Á hora de ter un interlocutor válido coa administración, á hora de denunciar certas licitacións que andan por aí e á hora de asociarse entre empresas para facer proxectos grandes é unha iniciativa moi interesante.
Escobar: Todas as empresas que estamos na asociación somos pequenas e en fase de crecementos e todas teríamos os mesmos problemas ante un desenvolvemento grande ante calquera gran cliente.
Durán: Incluso nas licitacións da Xunta pídente un aval técnico e económico moi importante. Piden tamén experiencia. Poñamos por caso se sacan unha licitación para facer unha aplicación de 200.000 euros tes que ter feito previamente un traballo dese tipo. Sen embargo si podes optar para presentarte entre varias e así cumprir os requirimentos.
Hai rexeitamento ao Software Libre entre as empresas galegas?
Durán: Non hai rexeitamento en ningún caso. A xente non rexeita algo que non coñece así porque así. Ti tes que explicar tamén de onde sacas os teus cartos porque a xente do Software Libre ofrece algo, en teoría, gratis e a xente desconfía. Pero o modelo de negocio é entendido. Eu véndoche o meu traballo de día a día e non un produto supermegaexplotado ata límites insospeitados. A xente enténdeo ben polo lado da independencia do provedor, de se estás descontento comigo mañá podes collerte outro. O que hai é bastante descoñecemento.
Escobar:Custa entender o produto como gratis pero acábano pillando.
Entre as empresas TIC hai máis reparos?
Durán:Quizais a cobiza de explotar un programa que realizas un tempo ilimitado. Como produto é moito máis rendible que como servizo porque tes que ter menos empregados e se explotas licenzas de uso a economía de escala é moito máis rendible.
Escobar:Sen embargo o cliente dáse conta das súas vantaxes. Hai iniciativas públicas en toda España que o promocionan.
Durán:As empresas TIC si están a cambiar no seu funcionamento interno usando máis Software Libre. A clave é que os clientes tamén vexan esas vantaxes para que o demanden. Mentres a xente siga demandando software propietario haberá xente que o desenvolva porque é moi rendible. Canto máis se difunda e se castigue a piratería máis se demandará. É cuestión de tempo.

Pin It on Pinterest

Share This