Xoves, 15 Decembro 2016

Material formativo da Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática – CODIX

PDF

Que é o CODIX?

Logo codix.jpg

Certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX é unha certificación que acredita que o seu titular posúe a combinación de coñecementoscapacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións precisas para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.

Esta certificación está regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro. Pode obterse tras superar unha proba de avaliación presencial convocada pola Amtega ou ben a través da acreditación de posuír outros títulos equivalentes.

Formación para a obtención do CODIX

LOGO

rede CeMIT ofrece distintas modalidades de formación para a adquisición dos coñecementos, capacidades e competencias necesarias para superar esta proba: cursos presenciais, teleformación titorizada ou un programa aberto de autoformación.

LOGO

programa aberto de autoformación pode seguirse a través do “Espazo multimedia de aprendizaxe” (EMA) da Rede CeMIT co único requisito de ser usuario rexistrado de dita rede maior de 16 anos. Para acceder só é preciso automatricularse nos cursos dispoñibles na sección “Autoformación” – “CODIX Ofimática”.Este programa de autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de maneira autónoma, asumindo o participante un papel activo no proceso de aprendizaxe.

A matriculación e seguimento dos cursos nin obriga, nin da dereito a presentarse ás probas de avaliación para a obtención da Certificación, sendo ambas cuestións totalmente independentes. É dicir, é posible tanto seguir simplemente os cursos para adquirir os coñecementos, como realizar inscribirse nas probas de avaliación que periodicamente convoque a Amtega, independentemente de ter feito os cursos ou non.

Materiais autoformativos

Seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a liberación de publicacións da Xunta de Galicia, a Amtega publica os materiais formativos deste programa con licenza libre e en formatos abertos.

Esta publicación persegue dous obxectivos principais:

  1. Incrementar as posibilidades de autoformación por parte da cidadanía
  2. Promover e facilitar o reaproveitamento dos materiais por parte de centros educativos ou formativos que teñan interese en ofrecer formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX.

Os materiais publícanse en catro formatos diferentes:

  • pdf e epub, que permiten aos usuarios dispoñer do contido sen necesidade de permanecer conectado, podendo acceder a el por exemplo dende dispositivos móbiles ou ereaders, coa contrapartida de perder a posibilidade de visualizar os vídeos ou realizar os exercicios de autoavaliación que permite o seguimento do curso na plataforma EMA.
  • elp e scorm, que permite o reaproveitamento dos materiais.
    • elp é o formato editable do aplicativo de elaboración de materiais formativos, exelearning, que posibilita que calquera poida corrixir, modificar, ampliar, engadir exercicios, etc aos materiais.
    • scorm: Formato estándar para a súa reutilización en plataformas de teleformación.

Os materiais deste programa de autoformación organízanse en 5 unidades formativas que se basean no uso do sistema operativo GNU/Linux e a suite ofimática LibreOffice.

Licenza

Este material publicase baixo licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir Igual 3.0, co que calquera persoa é libre de descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais modificados o faga empregando a mesma licenza.

Autoría

Este material foi elaborado por AGASOL, a través da empresa Tagen Ata, para a rede CeMIT dependente da AMTEGA para ofertalo a través da súa plataforma de teleformación “Espazo multimedia de aprendizaxe” (EMA).

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal