Novas

Durante o último mes publicaronse dous novos episodios de Mancomún Podcast, o número 79 é un capítulo sobre o hardware libre, que da comezo a unha serie especial sobre a temática na que se contará con colaboradores de diversos ámbitos e o número 78 arredor da reciclaxe e reutilización electrónica con software libre en Vigo. Outra das publicacións propias de Mancomún é unha pílula sobre revelado de imaxes RAW con Darktable. Tamén se publicaron cadanseus resumos semanais en formáto vídeo, 39, 40, 41 e 42.

Dentro das novas máis locais deste mes, destacan os cursos de ofimática da aula CeMIT de Ames ou a contribución da empresa galega Igalia á tecnoloxía da Steam Deck. Por outra banda a Asociación Amigus Labs reedita o manual "Construción de prototipos con Arduino".

Outras novidades que foron publicadas no Portal de Mancomún relacionadas co mundo do software libre son a convocatoria do Hackathon NexGov, a preferencia do Departamento de Defensa dos Estados Unidos polo software libre, en lugar do propietario, a liberación do navegador Wolvic para xogos, vídeo e realidade estendida ou a liberación o estándar aberto para chiplets UCIe, así mesmo, a FSF nomea a Zoë Kooyman como nova directora executiva.


Proxecto destacado

logo de Snort Snort é unha ferramenta que proporciona un sistema de detección e prevención de intrusión, coñecidos polas siglas en inglés IDS/IPS (Intrusion Detection System/Intrusion Prevention System). Actualmente Snort conta con dúas versións estables, a versión 2 e a versión 3, esta última está reescrita en C++ e ambas son multiplataforma (GNU/Linux, FreeBSD, Windows).

Esta solución de software está baixo os termos da licenza GPL versión 2 ou superior e arredor del crearon unha empresa chamada Sourcefire que ofrecía servizos baseados en Snort, actualmente o xigante das redes de comunicación Cisco mercouna, polo que agora a empresa encargada do proxecto é Cisco.

Unha vez configurado Snort, mediante a definición de regras, a ferramenta analiza e "logea" os paquetes de rede en tempo real podendo detectar múltiplos tipos de ataques. Debido a que a configuración e definición de regras pode ser unha tarefa máis ou menos complexa, dependendo da infraestrutura en cuestión, existen profesionais e empresas que se dedican tanto a configurar a ferramenta como a xestionala, entre elas a propia empresa desenvolvedora de Snort.

Pin It on Pinterest

Share This