Novas

Durante o último mes no portal de Mancomún publicáronse dúas novas pílulas; unha sobre edición de fotografías con GIMP e outra sobre o asistente de vulnerabilidades OpenVAS; dous programas de Mancomún Podcast, o número 76 sobre Gcompris e o número 77 sobre datos abertos. Alén destas publicacións tamén viron a luz os números 35, 36, 37 e 38 do resumo semanal en formato vídeo.

Algunhas outras novidades arredor do mundo libre que viron a luz neste mes foron o inicio dos cursos sobre tecnoloxías libres que a Linux Foundation promove na plataforma edx, o novo portal de datos abertos de Navarra, tamén relacionado cos datos abertos, está a convocatoria do EUDatathon de 2022 que terá lugar en outubro. Por último, está o programa europeo de recompensas por atopar erros para cinco proxectos de software libre e un novo modelo de portátil con GNU/Linux instalado de serie da empresa System76.


Proxecto destacado

Logo de OpenVAS OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System) é unha ferramenta de software libre que permite realizar análises de vulnerabilidades de sistemas informáticos. Trátase do compoñente principal da solución Greenbone Security Assistant desenvolvida pola empresa Greenbone Networks, que tamén ten outras solucións non libres baseadas en OpenVAS, seguindo o modelo open-core.

A solución completa integra varios compoñentes. OpenVAS é o compoñente que fai os testes e escaneos de vulnerabilidades, Greenbone Vulnerability Management (GVM) é unha peza intermediaria entre OpenVAS e a interface web que xestiona a configuración e os resultados do escaneos e por último, está Greenbone Security Assistant (GSA) que é a interface web, que emprega a tecnoloxía libre React e mediante a que se pode xestionar, programar e visualizar os informes de vulnerabilidades, testes, etc.

Usando OpenVAS poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectivos dunha forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas recibindo actualizacións das mesmas diariamente, é así unha ferramenta libre que axuda nas tarefas e auditorías de ciberseguridade.

Pin It on Pinterest

Share This