Novas
Durante o último mes publicáronse dous novos números de Mancomún Podcast, o número 74 e o número 75. No episodio 74 falouse con Wilfredo e con Javier sobre implantacións da solución libre Odoo en empresas. Mentres que no programa 75 se fixo un repaso do ano 2021 nun faladoiro con varios colaboradores. Dende o portal tamén difundiu unha pílula sobre a aplicación de captura de escritorio OBS Studio, así como os resumos semanais en formato vídeo número 32 e 33.
A respecto dos eventos arredor de software libre, no portal de Mancomún difundíronse algunhas novas como as das conferencias DevConf.CZ e a FOSDEM que terán lugar proximamente en formato en liña, así como a nova de que o Congreso esLibre de 2022 terá lugar en Vigo no mes de xuño.
Outras novas arredor do mundo dos software libre foron a posta en marcha da academia europea sobre datos abertos, onde hai un compendio de cursos de balde, a iniciativa da Comisión Europea que lexislou a favor de liberar o seu software ou a condena a uns desenvolvedores por incumprir a licenza GPL por parte duns tribunais italianos. E, por último, a nova versión maior 5.0 de FFmpeg tamén tivo oco no portal.
Proxecto destacado
SurveyJS é unha solución liberada baixo a licenza MIT que permite crear enquisas e formularios personalizados. Trátase dunha biblioteca software que conta con versións para os frameworks JavaScript máis populares como Angular, jQuery, Knockout, React ou Vue.js.
Esta biblioteca permite agregar formularios e enquisas a páxinas ou aplicacións web de forma sinxela e liberando da carga de escribir o código dos compoñentes aos desenvolvedores, que só terán que encargarse de definir a metainformación e configurar os compoñentes das enquisa ou dos formularios.
SurveyJS conta con arredor de 20 tipos de compoñentes cos que se poden confeccionar enquisas ou formularios simples ou complexos e se estes non son suficientes, sempre se poden personalizar. Algunhas outras características coas que conta esta solución é o soporte de múltiples linguas nunha mesma enquisa, ademais de estas localizada en 20 idiomas.