Novas

Durante o pasado mes, no portal de Mancomún fíxose pública unha pílula sobre a gravación de son con aplicacións libres e tres novos números de Mancomún Podcast, o capítulo 68 sobre o Obradoiro de programación con Micro-Bit para nenos na Industriosa, o episodio 69 sobre a VIII Xornada de Usuarios de R de Galicia organizado por Melise e a entrega 70 sobre o Obradoiro de Escornabot HFD organizado por Bricolabs. Tamén neste tempo se publicaron cadanseus resumos semanais, o 25, 26 e 27. Así mesmo, tamén se realizaron e están dispoñibles as reportaxes sobre as que se falaron no Mancomún Podcast (Obradoiro de programación con Micro-Bit, VIII Xornada de Usuarios de R de Galicia e Obradoiro de Escornabot HFD).

Dende o portal de Mancomún fíxose difusión de varios eventos que terán lugar proximamente, entre eles varios cursos, como por exemplo o da certificación LPIC-1 organizado pola CNTG, o de deseño gráfico con Inkscape na aula CeMIT de Boiro. Así mesmo tamén se publicou a nova que anuncia as xornadas sobre os datos abertos que organiza a Unión Europea.

Algunhas outras novas relacionadas co mundo do software libre difundidas no portal foron a publicación das enquisas do OSIMGA que nos din que o uso do software libre nas empresas TIC galegas continúa medrando, o fallo do premio ao mellor proxecto universitario libre do 2021, resultando gañadora Paloma Piot e outorgándolle o accésit a Borja González. Noutro ámbito máis internacional tamén se destacou a publicación do software para a sétima misión Earth Explorer sobre biomasa e a liberación da solución de participación cidadá Citizenlab.


Proxecto destacado

logo de Pandora FMS Pandora FMS é unha solución de software libre para a monitorización. Con ela pódese implementar un sistema para monitorizar a infraestrutura TIC dunha empresa.

Con esta solución permítese coñecer o estado de diversos tipos de dispositivos de rede, servizos como correo electrónico, redes informáticas, servidores, ... obtendo parámetros como poden ser o uso de CPU, memoria, disco, tráfico de rede e moitos outros que se poden configurar. Toda esta información de monitorización pode obterse empregando protocolos estándares como ICMP, SNMP ou SSH instalando axentes nos dispositivos que se necesite ou tamén sen eles. Ademais de recoller os datos, estes, tamén son presentados de forma gráfica e tamén se poden elaborar informes.

Unha das máximas que ten o proxecto é ser flexible, de feito as siglas FMS significan Sistema de Monitorización Flexible. Existen dúas versións de Pandora FMS, a versión "Community" que é a que está liberada baixo GPL 2 ou superior e a versión "Enterprise" con unha licencia comercial, seguindo así o modelo de negocio "open core".

Pin It on Pinterest

Share This