Novas

Durante o último mes, no portal de Mancomún publicáronse dous episodios de Mancomún Podcast, o capítulo número 66, no que se falou sobre ciberseguridade e o capítulo 67, que se publicou o día do podcasting no que se falou con diversas persoas de Podgalego, a comunidade de podcasting galega. Outros dos contidos publicado no portal foron o segundo Faladoiro de Mancomún e a pílula formativa en formato de vídeo na que se conta como reproducir música con aplicacións libres. Tamén se publicaron os correspondentes resumos semanais en formato vídeo, os números 21, 22, 23 e 24.

No portal de Mancomún tamén se difundiron algunhas novas relativas a eventos que se van celebrar proximamente en Galicia como o Obradoiro de montaxe de Escornabots HFD en Bricolabs, o Obradoiro de Modelado 3D con FreeCAD en Amigus Labs, ou unha nova charla de GPUL School titulada Introdución ao control de versións con Git. Tamén se deu difusión á nova relativa ao evento en liña Akademy-es 2021.

Algunhas outras novidades do mundo do software libre durante o último mes foron a ampliación do soporte de 10 anos á distribución Ubuntu 14.04 LTS e 16.04 LTS, a publicación do informe da Linux Foundation no que avisa da gran demanda de profesionais en software libre ou o caso de éxito da implantación de Nextcloud e de LibreOffice no municipio de Tirana.


Proxecto destacado

logo de GitLab GitLab é unha solución web de software libre de forxa, control de versións e integración continua que axuda ao desenvolvemento de software colaborativo baseada en Git. Ademais, Gitlab tamén é unha empresa que desenvolve e ofrece o software GitLab como servizo na nube.

GitLab foi creada no 2011 polos Ucraínos Dmitriy Zaporozhets, Sid Sijbrandij e Valery Sizov baixo a licenza MIT e programado en Ruby, aínda que posteriormente algunhas partes reescribíronse en Go para mellorar en eficiencia. Dende 2014 Gitlab adoptou o modelo de negocio coñecido como "open core" tendo 2 versións distintas: Enterprise Edition e Community Edition. A Enterprise Edition contén algunhas partes que non son libres e con funcionalidades de pago adicionais, mentres que a versión Community Edition é a versión que só ten compoñentes libres.

Esta solución permite despregar o software en infraestrutura propia, ou tamén empregar os servizos de terceiros, incluídos os da propia empresa GitLab. As principais ferramentas e características que permite utilizar GitLab son control de versións con Git, seguimento de incidencias, revisión de código, integración continua. Na páxina do proxecto hai un apartado con todas as características que hai nas distintas versión de GitLab.

Pin It on Pinterest

Share This