Novas
Durante este mes de marzo no portal de Mancomún publicáronse dous novos episodios de Mancomún Podcast, o número 50 no que se falou sobre formación en tecnoloxías libres e o número 51 no que se falou sobre as licenzas Creative Commons.
Algunhas novidades no mundo do software libre que se publicaron en Mancomún foron a chegada do software libre a Marte con Ingenuity, a convocatoria para construír un inventario de software libre paneuropeo ou a publicación dunha novela gráfica creada con ferramentas libres.
O mes de marzo tamén trouxo un novo modelo de computadora con GNU/Linux instalado de fábrica, o Thelio Mira, a posta a disposición por parte do Concello de Zaragoza dos seus servizos de contratación pública, a consolidación dunha oficina de atención cidadá telemática con unha solución baseada en software libre que comezou a empregarse en Barcelona e se está estendendo a outros concellos, a declaración de Wikimedia España como entidade de utilidade pública ou o novo servizo de visualización de Portos do Estado.
Proxecto destacado
Audacity é unha solución multiplataforma para a edición de son que está licenciada baixo os termos da licenza GPL versión 2 e programada fundamentalmente con C e C++, conta con versións para GNU/Linux, Windows e MacOS.
Trátase dunha aplicación de escritorio moi consolidada e fácil de usar que está desenvolvida por un grupo de voluntarios e xestionada de forma comunitaria. Ten unha boa acollida por parte de todos eses usuarios que precisen realizar diversas tarefas con poden ser realizar gravacións, tanto virtuais como dende dispositivos físicos, exportación, importación e codificación a unha multitude de formatos, procesamento de son con alta calidade…
Ademais das funcionalidades de base, tamén se poden ampliar as características mediante o uso ou o desenvolvemento de plugins ademais de poder escribir scripts con varias linguaxes entre as que se atopan Python ou Perl.