Número 45 – Boletín Software Libre na Empresa – Febreiro 2021

Venres, 26 Febreiro 2021

Novas

Durante este mes de febreiro no portal de Mancomún publicáronse dous novos capítulos de Mancomún Podcast e dúas pílulas sobre ferramentas libres. O podcast número 48 é un repaso do ano 2020 centrado no mundo do software libre da man de Franciso Puga e Pablo Sanxiao e o número 49 é un capítulo no que se entrevistou a Rafael Gaioso e que entre outras cousas falou sobre o OpenData Day. As dúas pílulas publicadas no último mes son sobre a sinatura dixital de documentos empregando as máquinas virtuais con software libre dispoñibles no portal, unha primeira pílula na que se conta como poñer a funcionar as máquinas e a segunda pílula conta como se asinan documentos empregando esas máquinas.

Outras novas no mundo do software libre deste mes foron a inclusión da Asociación de Empresas Portuguesas de Software Libre como novo membro da Asociación Europea de Empresas de Software Libre, a publicación dunha serie de conversas sobre dereitos dixitais e coñecemento libre organizadas pola asociación Wikimedia e que se poden ver na súa canle de Youtube. Relacionadas con LibreOffice, están a publicación da guía de Impress 7.0 e a liberación da nova versión LibreOffice 7.1 que mellora o soporte de docx.

Por último, algunhas novas máis próximas foron a publicación de SIOSE5K, un novo visor de usos e coberturas do solo nos concellos de costa, o nacemento da sección galega do proxecto Common Voice de Mozilla, e a publicación da tradución ao galego de Discourse.

Proxecto destacado

logo de Mautic
Mautic é unha solución de automatización de mercadotecnia liberada baixo os temos da licenza GPL versión 3. O desenvolvemento da mesma é comunitario e está programada en PHP e JavaScript. Esta solución permite despregar unha plataforma de mercadotecnia en infraestrutura propia ou contratando como servizo a terceiros, ao ser un proxecto comunitario o soporte existente é gratuíto e altruísta, pero tamén existen empresas especializadas que realizan integracións e tamén ofrecen servizo de soporte avanzado.

Trátase dunha aplicación web que permite crear campañas de mercadotecnia de forma sinxela, estas campañas poden estar compostas de diversos elementos como envíos de correos, páxinas web con información, formularios… sobre os que se poden definir regras e condicións. Outra das características de Mautic é que permite facer seguimento, categorización e segmentación dos contactos para poder organizar e optimizar a campañas, así como facer informes detallados.

Esta solución tamén conta con unha API que permite realizar integracións con outros sistemas ademais das que xa están implementadas con diversos CRM ou CMS como WordPress ou mesmo con calquera rede social que teña unha API.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal