Novas

Durante o último mes no portal de Mancomún publicáronse dous novos capítulos de Mancomún Podcast. O número 47, no cal se fai un repaso do evento OSHWDem de 2020, e o número 46, un recopilatorio sobre as intervencións que tiveron as mulleres do software libre nos programas do podcast do pasado ano. No portal, tamén se publicaron dúas máquina virtuais con software libre para a sinatura dixital de documentos e procedementos coa administración, así como un artigo TIC falando sobre as mulleres no software libre.

Ademais das publicacións propias de Mancomún, durante o último mes tamén se difundiron outras novas relacionadas co mundo libre, como o anuncio de que a distribución Red Hat Enterprise Linux será gratuíta para equipos de desenvolvemento e contornas de produción ata para 16 servidores, o cambio efectivo de licenza para as bibliotecas Qt, nas que as versións LTS serán só para usuarios comerciais ou as novidades do núcleo de Linux na versión 5.10.

No ámbito europeo, chegaron dúas novas dende Alemaña, unha é a adopción de X-Road por parte da administración xermana para ofrecer solucións interoperables coas distintas administracións, empresas e cidadanía en xeral e a outra é a petición que fixeron por parte de diversas universidades na que solicitan un compromiso de apoio a prol do software libre.

Outra das última novidades do pasado mes referente máis ben ao coñecemento libre é a celebración dos 20 anos de Wikipedia, tamén relacionada con esta última é a participación de Wikimedia na consulta pública da Carta de Dereitos Dixitais e por último e máis próxima é a apertura da inscrición do Concurso Universitario de Software Libre 2021.


Proxecto destacado

logo de BigBlueButton

BigBlueButton, é un sistema de conferencias web que proporciona unha solución enfocada sobre todo ao mundo da aprendizaxe en liña, aínda que é aplicable a calquera tipo de conferencias.

A solución vai máis alén do que é unha conferencia e ten unha serie de ferramentas que amplían as funcionalidades. Algunhas destas ferramentas ou características adicionais son as enquisas incorporadas, que poden servir para realizar votacións en reunións; o chat, que permite a comunicación por escrito aos membros dunha conferencia, tanto de forma grupal e pública como de xeito privado; a posibilidade de compartir diapositivas sobre as que se poden sinalar, pintar, escribir e destacar partes, accións que tamén se poden utilizar a modo de encerado virtual; ademais da posibilidade de gravar a sesión para a súa posterior publicación.

A aplicación está liberada baixo os termos da LGPL-3.0 e está desenvolvida principalmente con JavaScript, Java e Scala cumprindo cos estándares HTML5 e WebRTC, conta ademais con integracións con varias solucións como poden ser Moodle, Sakai, Drupal, Chamilo, Redmine, WordPress...

Para o uso de BigBlueButton é necesario contar con unha instalación da plataforma en infraestrutura propia ou tamén se pode usar a aplicación como un servizo ofrecido por terceiros. Por parte do usuario o único necesario para empregar a aplicación é ter un navegador moderno e conectarse ao enderezo onde se atope aloxada a aplicación.

Pin It on Pinterest

Share This