Número 42 – Boletín Software Libre na Empresa – Novembro 2020

Luns, 30 Novembro 2020

Novas

No portal publicouse no último mes dúas novas entregas do Mancomún Podcast, unha titulada “Big data, software libre e CiTIUS” na que se entrevistou a varias investigadoras do CiTIUS e outra na que se conversou con María Arias de Reyna, activista do software libre e do open data e traballadora de Red Hat.

O mundo do software libre segue a avanzar e mellorar traéndonos novas versións liberadas. Algunhas desas novas versións son as das suites de ofimática e colaboración Collabora Online 6.4 que mellora a compatibilidade co formato OOXML e tamén a nova versión ONLYOFFICE 6.0, que ademais cambia o seu nome para ONLYOFFICE Docs. Tamén existe unha nova versión da computadora Librem Mini con software libre preinstalado, incluíndo tanto o sistema operativo como o sistema de arranque, tamén conta con unha nova versión o software de VPN OpenVPN, o sistema de recoñecemento de voz de Mozilla DeepSpeech, a distribución de GNU/Linux para o eido empresarial Red Hat 8 e o vixesimo aniversario do proxecto Gcompris.

Algunhas outras novidades que viñeron o mes de novembro foron a liberación por parte da Amtega dunha serie de compoñentes transversais para o desenvolvemento de aplicacións e servizos web que se utilizan internamente e agora poderán ser utilizados por calquera. No ámbito europeo tamén hai novas, como a estratexia da Comisión Europea para os anos dende 2020 a 2023 referente ao software libre, o aforro do 85% de Bélxica ao reutilizar código doutra aplicación libre alemá, ou a aposta de Grecia nunha plataforma de computación na nube baseada en software libre e que tamén ofrece para as empresas e profesionais.

Por último, tamén convén destacar o próximo evento titulado “Aplicacións de software libre para fotografía, deseño, son e vídeo”, no que se darán a coñecer algunhas ferramentas libres para multimedia como GIMP, Darktable, Inkscape, Audacity, Ardour, VLC, Shotcut, Blender e ffmpeg.

Proxecto destacado

logo de CryptPad

CryptPad é unha solución que proporciona unha suite de colaboración composta por varias aplicacións entre as que se atopan: procesador de textos, folla de cálculos, editor de presentacións, encerado, taboleiro Kanban, enquisas e ficheiros. Todas as ferramentas desta suite permite a edición colaborativa en tempo real e son aplicacións web que se poden usar con calquera navegador moderno.

Trátase dun software liberado baixo os termos da licenza AGPL versión 3 que está programada maioritariamente na linguaxe JavaScript e que ten como unha das súas prioridades no desenvolvemento a privacidade, xa que cifran todos os documentos de tal xeito que non poden ser vistos por quen aloxa o servizo.

O desenvolvemento destas solución está liderado pola empresa francesa XWiki. Empresa que tamén aloxa o servizo público e oficial de CryptPad (CryptPad.fr), onde se pode probar a solución de xeito anónimo e de balde tendo un límite de almacenamento e persistencia dos datos que se pode ampliar contratando unha subscrición premium. Como é unha solución libre tamén é posible aloxar unha instancia en infraestrutura propia ou empregar outros fornecedores.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal