Novas

Durante este último mes no portal de Mancomún publicáronse dúas novas entregas de Mancomún Podcast, unha sobre videoxogos libres e a outra sobre informática forense na que se entrevistou a Pilar Vila. Así mesmo, tamén se publicou unha nova pílula da serie "Ferramentas Empresariais", que nesta ocasión estivo centrada na aplicación CiviCRM e que serve para a xestión de relacións entre contactos do Terceiro Sector.

No portal de Mancomún tamén se fixo eco de varios eventos que terán lugar proximamente, como o Obradoiro de robótica en familia de Amigus Labs nas Pontes de García Rodríguez, ou os eventos que terán lugar no ciberespazo; algún deles son a Akademy 2020, o evento arredor da comunidade KDE; a DebConf20, arredor da distribución Debian; ou o congreso organizado pola comunidade de software libre española, esLibre 2020.

Neste mes tiveron lugar outras novidades no mundo do software libre, como poden ser novas versións de software importante, a nova versión maior da suite ofimática por excelencia do software libre, LibreOffice 7.0. Tamén contan con actualizacións os proxectos de comunicación Zulip 3.0 e Mattermost, esta última aporta integración con Jitsi. Tamén o cliente de correo de Mozilla, Thunderbird, conta con unha actualización a cal incorpora o soporte para o cifrado con OpenPGP. E por último pero non menos importante, tamén está a actualización de GRUB que soluciona a vulnerabilidade BootHole que podía afectar a calquera sistema operativo instalado nunha máquina con GRUB.

Tamén se destaca o fin do soporte de Ubuntu 19.10, o portátil Pinebook Pro con GNU/Linux de serie e apertura dos datos cartográficos oficiais por parte de Colombia, así mesmo, tamén se difundiu a proclamación do novo presidente da Free Software Foundation e se escribeu sobre os 100 primeiros días dende a aprobación de "Diñeiro público... Código Público!" en Munich.


Proxecto destacado

logo de OBS Studio

OBS Studio é unha aplicación libre e multiplataforma que permite a captura ou gravación de vídeo e a súa retransmisión. Trátase dunha aplicación con características profesionais e doada de utilizar, que proporciona as funcionalidades que se poden precisar en calquera eido no que se necesita gravar ou capturar un vídeo para ilustrar o funcionamento dunha aplicación, web ou mesmo para retransmitir eventos ou sesións de videoxogos soportando as plataformas de retransmisión de vídeo máis populares e tamén empregando os formatos estándares para a emisión de vídeo na rede tendo a capacidade de xestionar varias fontes de vídeo e permitindo facer uso de filtros, transicións, etc. En caso de non ser suficiente coas funcionalidades que a aplicación trae de serie, tamén se pode ampliar o seu funcionamento mediante extras e engadidos, tanto cos xa existentes como desenvolvendo un a maiores.

A aplicación está desenvolvida en C/C++ empregando a biblioteca gráfica QT e conta con versións para GNU/Linux, Mac OS e Windows. Dispoñible en 55 idiomas, entres os que se atopan o galego e o castelán, está liberado  baixo os termos da licenza GPLv2 ou superior e en realidade o nome completo da aplicación é Open Broadcaster Software Studio, aínda que é máis coñecido polas súas siglas OBS. Comezou sendo un proxecto persoal, pero que hoxe en día é un referente no sector que conta con máis de 300 contribuidores e que se financia a través de doazóns e patrocinios.

Pin It on Pinterest

Share This