Novas

Durante este último mes publicáronse dous novos capítulos do podcast de Mancomún, o número 34 e o número 35. O primeiro cunha entrevista a dúas das integrantes de Nolegaltech e o derradeiro foi arredor de OpenStreetMap. Tamén se publicou un artigo no que se fai un repaso de tódalas ferramentas para o teletraballo das que se publicaron pílulas formativas onde se ordenaron e categorizaron para unha consulta máis doada. Ademais, como novidade comezouse con unha serie de pílulas sobre as ferramentas ofrecidas no CDTIC Virtual comezando cunha sobre Alfresco.

No portal de Mancomún, destacáronse varios eventos galegos que terá lugar proximamente, como o curso da folla de cálculo LibreOffice Calc na aula da rede CeMIT de Ribeira ou o FLISoL da Coruña, que será en liña este ano. Tamén se fai eco doutros eventos como son o esLibre 2020 e a publicación dos vídeos do "State of the Map" de OpenStreetMap.

Algunhas outras novidades no mundo software libre son o cambio de nome da aplicación de mensaxería instantánea Riot, que pasou a chamarse Element; tamén se anunciou unha nova versión de Zulip que é outra solución de chat, a chegada do final do ciclo de vida de Debian 8 "Jessie" ou a publicación de novas versións de Linux Mint e de Mozilla Thunderbird, tamén se destacou a publicación de guías oficiais sobre LibreOffice por parte da "Document Foundation" e por último, algunhas novidades que involucran á administración foron a plataforma educativa e o servizo de chat ambas por parte do goberno francés, así mesmo o goberno federal de Suiza lexislou a favor do software libre.


Proxecto destacado

Logo de Loomio

Loomio é unha solución libre para a toma de decisións deseñada para asistir a grupos que teñan que tomar decisións de forma colectiva. O desenvolvemento da aplicación comezou no ano 2012 por parte dun grupo de desenvolvedores de Wellington en Nova Celandia e non foi ata o ano 2014 cando Loomio tivo a primeira versión estable 1.0 logo de recibir financiamento colaborativo mediante un proceso de "crowdfounding".

A aplicación ten, dende o comezo, o foco posto en axudar a plataformas de cooperativismo, aínda que o uso da ferramenta non está restrinxido a este tipo de entidades xa que se pode utilizar en calquera tipo de organización que utilice procesos colaborativos e grupais na toma de decisións. Dende a aplicación pódense xestionar grupos, tanto públicos como privados, dende os que se pode lanzar procesos, consultas, enquisas, debates e demais ferramentas para axudar na toma de decisións. O equipo de Loomio tamén centra o desenvolvemento da solución en facilitar o uso da ferramenta facéndoa accesible e sinxela de utilizar por parte de calquera e dende calquera tipo de dispositivo.

A aplicación está desenvolvida principalmente nas linguaxes Ruby e JavaScript e utiliza a biblioteca Vue para a interface, así mesmo está liberada con unha licenza AGPL versión 3 e o seu desenvolvemento está xestionado por unha empresa de nome homónima. Empresa que tamén ofrece a solución como un servizo na nube, aínda que o código está dispoñible para que calquera poida despregar a solución en infraestrutura propia ou ofrecer servizos utilizándoa.

Pin It on Pinterest

Share This