Novas

Durante este último mes en Mancomún publicamos 4 novas pílulas formativas sobre ferramentas para axudar no teletraballo, unha sobre o control e sincronización de arquivos con Nextcloud, sobre a axuda en remoto con Jitsi, outra sobre escritorios remotos con Apache Guacamole e outra sobre o envío de arquivos de forma sinxela con Firefox Send. Tamén se publicaron no portal 3 programas de Mancomún Podcast cos que se supera a barreira dos 30 episodios, un sobre Distribucións de GNU/Linux para o uso común, outro sobre o software libre nos móbiles con unha entrevista a Santiago Saavedra e por último a entrevista á xente do proxecto Iuvia no que se falou sobre soberanía dixital.

Na comunidade do software libre tamén houbo varias novidades como a publicación dun listado de ferramentas libres para o traballo en remoto por parte da FSFE, a futura volta ao software libre da cidade de Munich, o acordo de GNOME sobre as supostas infraccións de patentes que beneficiará a todo o software libre, ou o uso de ferramentas libre en diversas administracións como o caso de Alemaña que confían en ferramentas de KDE para a transmisión de información clasificada ou o uso de Jitsi para realizar videoconferencias en España e Francia.

No portal de Mancomún difundiuse o Premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre, así mesmo tamén se publicaron novas relacionadas con outros eventos, que por mor da crise sanitaria do Covid-19 se realizarán de xeito virtual, como o State of the Map do ano 2020 de Open Street Map en xullo ou a conferencia sobre INSPIRE, as infraestruturas para a información espacial ou xeográfica de Europa, no mes de xuño. Tamén relacionado con outro evento xa realizado fíxose eco da publicación dos vídeos da conferencia LibrePlanet.

Outras novidades do mundo libre no último mes foron o desenvolvemento de AIRone, o ventilador de emerxencia para asistencia respiratoria, baixo unha licenza libre. A publicación da versión 1.0 de Inkscape, ferramenta de gráficos vectoriais, a versión 5.0 da solución de monitorización Zabbix, ou a nova versión do navegador Firefox que mellora o seu xestor de contrasinais, así mesmo Lenovo venderá portátiles da súa gama profesional (ThinkPad) coa distribución Fedora instalada de fábrica.


Proxecto destacado

logo de WireGuard WireGuard é unha solución de VPN (Virtual Private Network), que permite crear unha rede privada a través de internet para conectar de forma segura a máquinas que se atopen en distintas localizacións. Algúns dos casos de uso desta tecnoloxía son empresas con diferentes localizacións que queiran ter intercomunicadas as mesmas a través de internet e tamén empresas que teñan a persoas traballando en remoto e que necesiten o acceso a recursos de dentro da rede da empresa, permitindo así estar virtualmente nunha mesma rede a todas esas máquinas que o precises.

WireGuard está desenvolvido principalmente na linguaxe C e liberada baixo os termos da licenza GPLv2, está dispoñible para múltiples plataformas como Android, iOS, GNU/Linux, macOS ou Windows. É unha solución que destaca por contar con un deseño arquitectural robusto e sinxelo que a fai ser unha opción con unha seguridade e rendemento mellores que outras alternativas como poden ser IPSec ou OpenVPN.

Pin It on Pinterest

Share This