Número 32 – Boletín Software Libre na Empresa – Xaneiro 2020

Mércores, 29 Xaneiro 2020

Novas

Recentemente no portal de Mancomún publicáronse dous novos números de Mancomún Podcast, o número 19 e o 20, un deles é un resumo do que nos deixou o mundo do software libre no 2019 e o outro é sobre o que nos deparará o presente ano.

Se falamos de cursos e eventos, non podemos deixar pasar a ocasión para falar sobre o encontro europeo de desenvolvedores de software libre, coñecido como FOSDEM, que terá lugar en Bruxelas. Xa máis próximos, terán lugar varios cursos de ofimática libre na rede CeMIT en diversos puntos da xeografía galega, así como un curso de preparación por teleformación para obter o certificado CODIX. Outra das novas de ámbito galego a destacar é que o CDTIC virtual ven de anunciar a posibilidade de probar Taiga, unha aplicación libre para a xestión de proxectos.

En canto a novidades propiamente ditas do software libre, dende Mancomún destacamos a nova versión do popular framework de programación web que emprega a linguaxe Python, Django 3.0, tamén a versión 3.0 de Darktable chegou ao público con importantes melloras durante o último mes. Así mesmo liberouse o código fonte de ProtonVPN hai pouco.

Outros temas máis xenéricos relacionados co software libre son a importante doazón recibida pola comunidade de KDE por parte de Handshake ou a segunda posición en madurez de datos abertos conseguida por España na clasificación europea.

Proxecto destacado

Logo de Apache Guacamole
Guacamole é un dos moitos proxectos desenvolvidos pola Apache Software Foundation. Trátase dunha solución liberada baixo a licenza Apache 2.0 que conta con funcionalidade de escritorio remoto coa peculiaridade de non precisar dunha aplicación para a conexión xa que o cliente é unha aplicación web desenvolvida con HTML 5, polo que se pode empregar con calquera navegador moderno.

Para o funcionamento de Apache Guacamole, só é preciso ter instalada o servidor de Guacamole nunha máquina accesible dende internet, ou dende rede interna se é para uso nunha intranet. Esta máquina será a que se encargue da xestión da autenticación e da conexión entre o navegador e o equipo ao que nos queiramos conectar mediante os protocolos VNC, RDP e SSH.

Guacamole tamén se encarga de ter almacenadas as conexións preferidas para non ter que lembrarse de memoria todos os datos das conexións, así mesmo tamén existe unha API pública mediante a cal poder empregar as funcionalidades de Guacamole e integralas con calquera outro sistema informático facilmente.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal