Novas
No portal de Mancomún publicouse un novo artigo TIC da serie sobre aplicacións multimedia, neste caso sobre o editor de vídeo Shotcut.
Na comunidade galega de software libre están organizando diversos eventos como poden ser a xornada de introdución ao Scratch para a rapazada do Milladoiro o día 23. Tamén terán lugar este mes, en concreto o xoves 19, a reunión mensual de decembro de Python Vigo, os GPUL Labs: Why the world choose Go, sobre a linguaxe de programación libre Go e o GPUL School sobre privacidade titulado “Ok Google!, que opinas de pagar para que unha multinacional che espíe?”. Se falamos sobre eventos, tamén se destaca a publicación dos vídeos das conferencias da comunidade de Open Street Map “State of the Map – Latam” e das charlas rápidas da conferencia de LibreOffice de 2019.
Xa no eido internacional destacouse que a Dirección Xeral do Territorio portuguesa puxo a disposición da cidadanía e das empresas como datos abertos a Base de Datos Nacional de Cartografía, tamén sobre cartografía, en Finlandia liberan a ferramenta Oskari, que permite crear xeoportais e por último o proxecto de deseño electrónico KiCad uníuse á Linux Foundation.
Proxecto destacado
Samba é un software libre que implementa o protocolo CIFS (o protocolo de ficheiros e impresoras compartidos de Microsoft Windows). Trátase dun software que comezou no ano 1992 e que está liberado baixo a licenza GPLv3.
Mediante o uso de Samba, os equipos con sistema operativo GNU/Linux, FreeBSD ou calquera outro baseado en UNIX pode integrarse facilmente en entornos de directorio activo de Microsoft o que facilita a coexistencia de sistemas operativos libres en redes de equipos Windows. Samba non só permite acceder e compartir os recursos mediante o protocolo de compartición de Windows, senón que tamén permite á computadora exercer tanto como controlador de dominio de Windows coma ser un membro máis da rede.